El Perro Verde, cociña viaxeira no xardín

Na Guarda, a poucos pasos da praia de Camposancos, El Perro Verde leva dez anos funcionando como un oasis gastronómico e cultural, cunha proposta na que destaca a terraza e que conxuga sabores do mundo, ambiente relaxado e música en directo.

Desde unha antiga casa con xardín na Guarda, o restaurante El Perro Verde leva unha década destacando como un dos establecementos máis singulares da zona. A súa terraza é un auténtico verxel e un dos seus grandes reclamos. Ampla, verde e chea de árbores, ofrece diferentes zonas para escoller: mesas altas e baixas, recunchos máis íntimos e un entorno natural que invita á calma. Un lugar moi axeitado no que gozar dunha bebida ao sol despois dun baño na veciña praia de Camposancos.

FAITE AMOVIDALOVER

A cociña compite en atractivo co xardín. O cociñeiro Juan, que traballou coa anterior propietaria antes de tomar as rendas do restaurante, apostou por continuar cunha carta viaxeira que mestura sabores asiáticos, latinoamericanos e galegos. Entre as especialidades destacan pratos como o tacos de cochinita pibil, as arepas, o faláfel, as samosas ou as costelas con salsa barbacoa. Tamén hai propostas máis arriscadas e persoais, como o sushi de sardiña con plátano. A carta cambia cada semana e pode consultarse nun taboleiro á entrada.

Todo é servido nun entorno relaxado, cunha atención moi amable e nun xardín onde crecen algunhas das hortalizas e herbas aromáticas que utilizan na cociña. A isto súmase unha programación cultural con música en directo os venres e sábados, e un ambiente acolledor no que tamén son benvidas as mascotas. El Perro Verde é ese bicho raro polo que paga a pena a viaxe ata a raia.

Costa dos Soldados, 10 (A Guarda) | 986 62 73 54 | @restauranteperroverde

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.