El Atelier de Expresión, liberdade creativa cunha metodoloxía única

A nosa cidade acolle desde novembro de 2024 un espazo de creación único que redefine a aprendizaxe artística e ofrece un ambiente de libre expresión baseado nos descubrimentos do pedagogo francoalemán Arno Stern. En El Atelier de Expresión nenos e adultos pintan sen xuízos nin presións, co fin de fomentar unha profunda conexión co seu eu creativo.

A fundadora deste taller, Cristina González, é unha restauradora de pintura antiga á que, malia non ter formación académica a nivel artístico, sempre lle encantou pintar e debuxar. A súa propia viaxe autodidacta conectou fortemente co traballo de Arno Stern, quen, ao longo de máis de sete décadas, se dedicou a investigar sobre a libre expresión a través da pintura. «Formeime con Stern cando el tiña sobre 98 anos. Tiña unha mente privilexiada e estaba moi convencido de todo o que transmitía. Tiven moita sorte de poder aprender con el», explica a responsable.

Cristina observou como a educación artística tradicional adoita coartar a creatividade infantil arredor dos dez anos, ao impoñer unhas ensinanzas para as que os rapaces non están preparados e que acaban por desmotivalos. Por iso, en novembro do ano pasado, abriu este espazo co obxectivo de que as persoas poidan pintar sen a presión de crear unha «obra de arte» para os demais, senón para o seu propio gozo e evolución.

A metodoloxía de El Atelier xira arredor do «xogo de pintar», que ten lugar no que Stern bautizou como o Closlieu, un espazo pechado e protexido onde a pintura se libera da comunicación e da interpretación subxectiva. Neste taller, no que as paredes están cubertas de papel e que acolle un máximo de dez persoas de diferentes idades, non hai modelos nin instrucións sobre que ou como debuxar. Os participantes exploran a cor e o trazo ata se converteren en «expertos» a través da investigación persoal e do propio proceso.

Stern descubriu, tras moitos anos de observación en diversas culturas, que as persoas comparten unha evolución do trazo e o debuxo moi similar, unha «memoria orgánica» universal. O obxectivo é permitir que esta memoria se despregue libremente e xere unha profunda satisfacción persoal, máis aló de ser un «artista». Para evitar a presión de ter que agradar a outras persoas, as obras non se levan para a casa; arquívanse e móstranse no propio local. Segundo Cristina, este innovador método estimula a liberdade e a autoestima, alén de fomentar unha aprendizaxe lúdica que premia o proceso máis que o resultado. Ademais, o feito de que adultos e nenos compartan espazo favorece a diversidade e a creación de vínculos interxeracionais. As clases desenvólvense de luns a xoves en horario de tarde e teñen unha duración de hora e media.

Rúa de Zamora, 51 | ateliereducacioncreadoravigo.com | 623 18 74 57 | hola@ateliereducacioncreadoravigo.com |@atelier_educacioncreadoravigo