Editatona para visibilizar as escritoras galegas

O sábado 16 de maio, o proxecto Wikimorada convoca a súa segunda xornada de edición colectiva, dedicada nesta ocasión ás escritoras galegas. O evento terá lugar na Morada, onde dúas veces ao mes se reúne un grupo de mulleres para editar e mellorar a Wikipedia.

A iniciativa xorde baixo o paraugas de Wikiesfera, unha comunidade feminista de editoras nada tras o movemento 15M que busca corrixir as desigualdades de xénero a través do coñecemento compartido en Internet. Segundo os datos que manexa a organización, só un 13 % das persoas que editan a Wikipedia son mulleres, polo que, como explica Sabela, organizadora da Wikimorada e membro de Wikiesfera, «o feito de estar editando eu e identificarme como muller xa está reducindo a fenda».

Sabela sinala que esta falta de representación feminina se traduce en artigos con nesgos sexistas. «Nas mulleres adoita haber descricións físicas que non veñen a conto e moitas veces estipúlase a súa importancia polos homes que están ao seu redor», expón. O traballo da Wikimorada consiste en crear novas biografías e arranxar estes contidos para que as mulleres figuren polos seus propios méritos. Para participar nesta xornada gratuíta só é preciso inscribirse previamente, levar un ordenador portátil e ter creada unha conta de usuaria na Wikipedia.

FAITE AMOVIDALOVER

O encontro do sábado 16, coincidindo coa fin de semana das Letras Galegas, centrarase en artigos sobre escritoras galegas e contará coa presenza da autora Silvia Penas. Comezará ás 10:30 h cun pequeno taller de edición e, a partir das 13:30 h, celebrarase unha homenaxe á escritora Begoña Caamaño.

Silvia Penas | P. Vázquez

Esta é a segunda edición da iniciativa. A primeira editatona presencial tivo lugar o 1 de xuño de 2024 baixo a temática de galegas relevantes. Naquela ocasión participaron dez persoas e publicáronse dez novos artigos. Tras o éxito daquel primeiro encontro, o grupo decidiu establecerse como un espazo de traballo recorrente. A Wikimorada reúnese agora o segundo e cuarto luns de cada mes para investigar, debater e seguir editando nun ambiente «moi relaxado, sen esixencias nin competicións, onde prima máis a posta en común e os coidados que os resultados», explica Sabela.

Paula Cermeño
Redactora

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.