Dúas miradas portuguesas sobre a pintura contemporánea inauguran a nova tempada expositiva do MARCO
O MARCO de Vigo inaugura a súa programación expositiva de verán coa apertura de dúas mostras dedicadas a artistas portugueses de xeracións próximas pero con linguaxes radicalmente persoais: Mariana Gomes e Francisco Mendes Moreira. As exposicións, producidas polo propio museo e comisariadas por Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto, poderán visitarse entre o 11 de xuño e o 27 de setembro nas salas B3 e B1 do primeiro andar, respectivamente.

A coincidencia destas dúas propostas permite establecer un diálogo arredor da pintura contemporánea portuguesa, entendida non como unha práctica pechada nun medio concreto, senón como un territorio de experimentación, proceso e liberdade formal. Tanto Gomes como Mendes Moreira parten da pintura, pero expanden os seus límites cara ao debuxo, o obxecto, a instalación ou a intervención espacial.
MARIANA GOMES: A PINTURA COMO ACCIÓN E PROCURA PERMANENTE
A exposición de Mariana Gomes presenta unha das traxectorias máis singulares da arte portuguesa actual. Nacida en Faro en 1983 e residente en Lisboa, a artista desenvolveu ao longo dos últimos anos unha investigación centrada na pintura entendida como experiencia física, acción e transformación constante.
Os comisarios destacan a importancia do seu espazo de traballo para comprender a súa práctica artística. O estudo de Gomes aparece como un lugar aberto e luminoso onde conviven diferentes zonas de experimentación e múltiples obxectos que revelan o seu universo creativo. Entre eles sobresaen pequenas esculturas que representan figuras como Antonin Artaud, Philip Guston, Tintoretto, Giacomo Leopardi, Jorge Luis Borges, T. S. Eliot ou Henri Michaux. Máis que simples homenaxes, estas pezas revelan unha necesidade de contacto directo coa materia e coa dimensión táctil da creación artística.
Na súa obra, a pintura convértese nun territorio onde conflúen o xogo, a máscara, a transgresión, o humor, a celebración e mesmo o espírito carnavalesco. Gomes reivindica o acto de pintar como unha experiencia aberta, en permanente transformación, onde o proceso resulta tan importante como o resultado final.
A artista adoita partir de referencias figurativas ou narrativas, mais progresivamente estas deixan paso ao protagonismo do xesto, da mancha e das linguaxes da abstracción. A superficie pictórica convértese así nun espazo de encontro entre diferentes tempos e accións. Un exemplo significativo desta metodoloxía foi a decisión de pintar sobre obras xa expostas anteriormente, non para ocultalas, senón para facer convivir distintas capas temporais dunha mesma investigación artística. Outro aspecto fundamental do seu traballo é a exploración das relacións entre pintura, sombra e proxección. A través de máscaras, obxectos e xogos lumínicos, Gomes formula preguntas sobre o que existe detrás da imaxe, sobre aquilo que permanece oculto baixo a superficie visible da pintura. A artista foi recoñecida con galardóns como o Premio Amadeo de Souza-Cardoso en 2015 e o FLAD Drawing Award en 2025.

FRANCISCO MENDER MOREIRA: LIBERDADE, NARRATIVA E IMAXINACIÓN PICTÓRICA
Se a proposta de Mariana Gomes se constrúe desde a experimentación coa materia e o xesto, Francisco Mendes Moreira ofrece unha pintura profundamente narrativa e persoal, marcada pola liberdade formal e pola mestura constante de referencias culturais.
Nado en Coimbra en 1979, Mendes Moreira é frecuentemente definido como un artista autodidacta. Porén, os comisarios da exposición consideran que a cuestión esencial non reside na súa formación, senón na capacidade para desenvolver unha linguaxe completamente propia, afastada de modelos xeracionais ou tendencias dominantes.
A súa práctica artística caracterízase pola utilización de soportes non convencionais: cartóns atopados, manteis, tecidos ou edredóns convértense en superficies pictóricas sobre as que constrúe un universo visual cheo de personaxes, escenas e asociacións inesperadas. Ademais da pintura, realiza esculturas e obxectos en papel maché e establece un diálogo constante cos espazos expositivos.
A riqueza da súa obra reside tamén na amplitude das súas referencias. Nas súas pezas conviven a pintura flamenga de Pieter Brueghel, o Renacemento de Piero della Francesca, o legado de Picasso, o surrealismo, a influencia de Philip Guston, a banda deseñada, o blues, a literatura de Jack Kerouac ou a música de Bob Dylan, The Doors e Neil Young.
As súas composicións producen unha impresión inicial de estrañeza e misterio. As figuras aparecen articuladas en escenas onde abundan os xogos de espellos, as máscaras e as miradas cruzadas. Os personaxes semellan independentes entre si, pero participan dunha mesma acción colectiva que dota ás obras dun forte carácter teatral e narrativo. Oartista tende a desprazar as tonalidades cara a gamas agrisadas e ambiguas, xerando atmosferas de gran intensidade emocional. O proceso creativo avanza mediante capas sucesivas de pintura, permitindo que as formas e os significados xurdan durante a propia execución da obra.
A exposición incorpora ademais un texto escrito pola artista portuguesa Ana Jotta especificamente para esta ocasión. Nel presenta unha longa secuencia de títulos e frases que funcionan como unha sorte de retrato poético do universo de Mendes Moreira. O texto conclúe cunha afirmación que resume a súa concepción da creación artística: Nós não fazemos arte, é a arte que nos faz.

A presentación simultánea destas dúas exposicións permite descubrir algunhas das liñas máis estimulantes da creación portuguesa contemporánea. Aínda que os seus camiños son moi diferentes, Mariana Gomes e Francisco Mendes Moreira comparten unha mesma confianza na pintura como espazo de liberdade, transformación e coñecemento.
Con estas dúas mostras, o MARCO reforza a súa aposta pola arte contemporánea da península ibérica e ofrece ao público vigués unha oportunidade excepcional para achegarse a dúas das voces máis interesantes da escena artística portuguesa actual.

