Dos Nudos: Catro mans, dous nós
Dos Nudos é unha marca local de alfombras e obxectos téxtiles fabricados mediante a técnica do tufting onde combinan cores imposibles, orixinalidade, enerxía.

Caterina Cabo, licenciada en Arte, e Agustín Fagiano, deseñador gráfico, son as dúas pezas de Dos Nudos, unha marca local de alfombras e obxectos téxtiles fabricados mediante a técnica do tufting, unha maneira de bordar moi particular cunha pistola eléctrica. O proceso de creación combina a sensibilidade artística do artesanal e a tecnoloxía do deseño, para que cada alfombra sexa unha obra feita á man que reflicta dedicación, paciencia e amor polo oficio. Dos Nudos xorde da necesidade de facer algo creativo en conxunto que poida alimentar a curiosidade e xerar sinerxías entre ambos en relación co mundo exterior, coa intención de levar a arte e o deseño contemporáneo a espazos cotiáns.

Combinacións de cores imposibles, orixinalidade, enerxía; sardiñas, froita, sifóns e xeometrías varias… O imaxinario de Dos Nudos é infinito para encher a casa de vida. Con cada peza, Caterina e Agustín convídannos a redescubrir a beleza da arte do feito á man coa técnica do bordado á máquina, na cal os materiais nobres e a atención ao detalle se unen para contar historias e experimentar sensacións. Xogando con texturas, formas e cores, obxectos que na súa materialidade orixinal son duros ou robustos, no imaxinario de Dos Nudos tornan flexibles e brandos para faceren do mundo unha realidade acariciable.

Se, ademais de mercar unha das súas alfombras, queremos aprender a facelas, Dos Nudos imparte talleres en Vigo, Cangas e arredores, abrindo así a súa porta á comunidade e impulsando a cor e o handmade a outro nivel.
@dosnudosestudio | dosnudos.com
Estela Gómez
Redactora
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Dos Nudos: Catro mans, dous nós - 16 Abril, 2026
- A forza do delicado: as xoias de vidro de Toda Frágil - 11 Marzo, 2026
- Xoias para un ‘look’ total - 6 Febreiro, 2026
- Dez ideas de regalo local para este Nadal - 10 Decembro, 2025
- Crea pezas únicas ou dálle unha segunda vida a calquera roupa con Felicetta Gualtieri - 10 Decembro, 2025


