Dolores Ribaldo, a nova libraría alternativa de Vigo

A cidade gaña un novo espazo cultural coa apertura de Dolores Ribaldo, unha libraría especializada en literatura internacional e alternativa na que tamén se levarán a cabo exposicións, talleres, cursos e charlas.

Nadia e Paloma na súa libraría

Paloma e Nadia son as impulsoras de Dolores Ribaldo, unha nova libraría que acaba de abrir na rúa Pracer para poñer unha nota disonante na oferta cultural viguesa. A parella comparte un pasado profesional na industria do cine e unha etapa vital en Madrid, onde se coñeceron e empaparon dunha efervescencia cultural que agora queren trasladar a Vigo.

A idea de abrir o seu propio negocio nace da dificultade de vivir dos traballos cinematográficos, unha industria que definen como “bastante dura de roer e violenta” e a decisión de mudarse “preto do mar”. Polo momento, a vida de Nadia, valenciana, e Paloma, viguesa, transcorre nun equilibrio entre o traballo remunerado nunha escola e a pulsión artística, que as levou a abrir o seu propio negocio. De luns a venres, exercen como monitoras escolares, guiando a convivencia dos máis pequenos no comedor e no patio. Ao rematar a xornada, comeza o seu “recreo cultural”.

Sendo conscientes de que se están a iniciar nun mercado no que non teñen experiencia previa, traballan sen présa e prefiren a singularidade á cantidade. O seu obxectivo non é competir coas grandes cadeas.”Non queremos ser a Casa del Libro, senon encher as estanterías de cousas diferentes, asegura Nadia. Malia que polo de agora contan con poucos exemplares nos andeis, a súa visión editorial é moi específica. O catálogo centrarase en proxectos que moitas veces quedan fóra do circuíto comercial tradicional: autoedicións, pequenas editoriais independentes e, especialmente, obras internacionais. “Estamos procurando libros en Berlín e Londres e apostando por proxectos moi visuais”. Tamén contan cunha sección de libros de segunda man.

Non paga a pena buscar a Dolores Ribaldo na Wikipedia. O nome do proxecto non responde a ningunha liñaxe familiar nin a unha figura histórica. “É un nome inventado, que xurdiu de xeito espontáneo e encantounos como soaba”. Esta personaxe inventada xa deixou anécdotas na súa primeira semana de vida. Algunha veciña achegouse preguntando: “E ti es Dolores?”, reciben correos profesionais encabezados cun “Ola, Dolores” e Google remite a Dolores Aveiro, a nai do futbolista Cristiano Ronaldo.

Ademais da zona de libraría, Dolores Ribaldo conta cunha zona na que cruzar a literatura con outras disciplinas e celebrar talleres, exposicións e cursos. “Queremos que unha expo de Madrid poida vir a Vigo”, comentan sobre a súa ambición de descentralizar a oferta cultural e traer propostas vangardistas. A axenda xa bota a andar: estes días celebran un mercado de roupa de segunda man e o xoves albergan a súa primeira presentación dun libro, Illa de sangue, de Carmen V. Valiña, editado por Galaxia. Vigo gaña así un novo patio de recreo para os interesados na cultura e os proxectos curados con personalidade.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.