Documentais, podcasts, libros e actividades arredor de Begoña Caamaño polo Día das Letras Galegas

Este domingo 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas, este ano dedicado á xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño. Imos recompilar algúns dos actos máis relevantes que van ter lugar na nosa cidade arredor da súa figura, así como documentais, podcasts e libros que nos axuden a coñecer mellor a súa vida, obra e pensamento.

Begoña Caamaño nos anos 80 | Arquivo de Begoña Caamaño
FAITE AMOVIDALOVER
  • Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, é o documental da protagonista do Día das Letras Galegas 2026, producido pola Real Academia Galega e dirixido por Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez.
  • A RAG tamén produce unha serie de videopodcasts conducidos por Alba Mancebo co título Colchas de voces arredor da figura de Caamaño. As primeiras convidadas foron as músicas viguesas Fillas de Cassandra. A seguinte convidada será a escritora Antía Yáñez.
  • Para o público infantil e xuvenil a RAG preparou unha obra de teatro escrita por An Alfaya e ilustrada por Laura Romero, onde Caamaño vive emocionantes aventuras canda as protagonistas das súas novelas. A proposta conta con varias actividades interactivas.
  • É o tempo de Begoña é unha serie de reels para redes sociais nos que Alba Mancebo achega información sobre a homenaxeada en vídeos breves.
  • O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia tamén preparou unha serie de podcasts arredor de Begoña Caamaño con título Poñer a voz. É un relato sonoro en cinco capítulos que atravesa a súa vida, desde a súa infancia e xuventude en Vigo, onde prende a paixón por contar historias, ata a súa implicación vital no feminismo, no coidado da lingua, no antimilitarismo e na defensa dos medios públicos.
  • A Asemblea de Mulleres do STEG (Sindicato de Traballadoras do Ensino Galego) celebra o legado de Begoña cun podcast de tres episodios orientado a facilitar a tarefa a mestres e mestras.

Como é habitual cada ano, as diferentes editoriais galegas publican diversos libros tanto da como sobre a autora homenaxeada.

  • A Editorial Galaxia publica cinco libros arredor de Caamaño: Bego e o mundo do reves, de Iria Collazo; A nena que perdeu un zapato na lama, de Ramón Nicolás; Biografía de Begoña Caamaño, de Ana Romaní e María Xesús Nogueira; Begoña Caamaño, o transgredir das ondas, de Paula Carballeira; e Begoña Caamaño, xornalismo para a cidadanía, de María Xosé Porteiro; e dous da súa autoría: Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle.
  • A Editorial Xerais optou por dúas biografías dirixidas ao público infantil e xuvenil: Os fío de Begoña, de Eva Mejuto e Nuria Díaz; e Begoña e o pracer da amizade, de Beatriz Maceda.
  • Através Editora publicou a biografía Begonha Caamanho, uma das nossas, de Charo Lopes, Lara Rozados e Isaac Lourido.
  • Ir Indo tamén optou polo formato biografía con Begoña Caamaño, xornalista e escritora, de Estefanía González.
  • Edicións Embora propón un título ilustrado por Nerea Gómez e escrito por Icía Varela e Xosé Manuel Varela que leva por título o nome da escritora.
Begoña na feira do libro de Vigo | Arquivo de Begoña Caamaño
Uxía Senlle e Begoña Caamaño | Arquivo de Begoña Caamaño