Do porto de Vigo á praia de Samil, por que O Marisquiño saíu do centro?

Tras a recente celebración do 25 aniversario do Marisquiño, moitos vigueses, en retrospectiva, lembramos aqueles anos nos que este famoso festival tiña lugar no porto de Vigo. Con esta última, xa van tres edicións celebradas na praia de Samil, e aínda hai quen se cuestiona o porque deste movemento. Un acerto para algúns, un claro erro para outros, o cambio de localización do evento aínda xera certo debate. Para afondar nas cuestións que atinxen ao traslado dunha das citas máis importantes no calendario da cidade olívica, falamos con Carlos Domínguez ‘Pity’, director-fundador do festival.

OM 2024 | L.Alonso

Un dos cambios máis evidentes é o espazo. Carlos Domínguez (Pity) sinala: “Desde hai tempo, para nós o espazo no Porto de Vigo era un espazo moi xusto. O evento está collendo unhas dimensións demasiado grandes como para celebralo no centro”. Ademais da proxección que o propio festival ía gañando co paso dos anos, o equipo do Marisquiño xa aspiraba a celebrar os 25 anos por todo o alto, cunha edición dunha envergadura difícilmente asumible polo porto da cidade. Deste xeito, no 2023 deron o salto á zona de praia cun ánimo, en certa parte, de previsión. Se ben é certo que o tránsito de persoas era notablemente máis lixeiro, facendo máis sinxelo moverse entre os distintos espazos nos que se disputan as probas deportivas, moitos dos asistentes non quedaron satisfeitos con este traslado. Pity defende que, pola propia natureza do cambio, sempre hai disconformidade ao principio: “Eu penso que, se volvéramos a facer o cambio de novo ao porto, a xente diría que están máis cómodos na praia de Samil. A afluencia de público que houbo este ano tería creado un colapso total no Porto de Vigo”.

ESCENICAS

Segundo o director do festival, non se podería concibir unha 25ª entrega do Marisquiño —tal e como foi a celebrada—   noutro escenario distinto. Ademais, estima que a afluencia do público aumentou arredor dun 35%, demostrando que Samil xa é un espazo ben acollido polos asistentes. “As mellores estimacións que tiñamos foron superadas, e non só iso, senón que a repercusión mediática que tivo o evento este ano foi a maior de toda a nosa historia”. A organización non ofrece os datos concretos de asistencia debido á dificultade do seu rexistro, pero corroboran o evidente éxito deste ano co esgotamento das existencias nos foodtrucks, as gradas cheas de xente e os concertos tamén abarrotados. Sexa fronte ás Illas Cíes ou sexa fronte os barcos, é innegable que o festival xa conta cunha comunidade fiel que vai en aumento, convertendo Vigo no epicentro da cultura urbana e acollendo a persoas de distintos puntos do mundo.

OM 2024 | L. Alonso

Máis aló do espazo e da afluencia do público, Pity recoñece que hai un certo compoñente nostálxico nesta decisión. O Marisquiño nace no Monte do Castro, como algo fácilmente catalogable como unha xuntanza entre colegas. Despois das dúas primeiras edicións, o evento pasou en 2006 á pista de patinaxe de Samil, onde se realizaba skate, break dance, graffiti e un concerto. Foi no ano 2007 cando O Marisquiño chegaba ao porto de Vigo, consolidándose alí ata o recente regreso á praia. Dalgún xeito, é unha forma coa que a organización pretende volver á súa orixe, esta vez cunhas dimensións inimaxinables para aqueles anos nos que o proxecto comezaba a tomar forma.

BARAFUNDA

As citadas anteriormente son as cuestións que atinxen ao público do Marisquiño e á organización, pero hai unha opinión fundamental a ter en conta: a dos protagonistas do evento, os deportistas participantes. O fundador asegura a conformidade dos mesmos, “para nós é prioritario cando as cousas están ben aceptadas polos competidores, que sempre é unha palabra que respetamos moito”. Os deportistas agradecen a amplitude dos espazos albergados nesta (non tan nova) localización, que fai posible a celebración de todas as disciplinas. “O espazo que fixemos para o Freestyle Motocross este ano é único a nivel mundial: é a primeira vez que se presenta un espazo así, con dous saltos seguidos, nun evento gratuito destas características”, unha pista que non se podería montar no centro.”No porto tería que facerse dentro dos peiraos de carga, onde hai uns protocolos aduaneiros especiais, e probablemente non sería posible a nivel legal por moi boas intencións que houbese desde a parte institucional“.

A organización pretende, polo menos nun medio prazo, asentarse en Samil, mantendo o descenso na súa ubicación habitual. “Gústanos moito o itinerario que hai. E xa non só a nós: Adrián Lorón, que está a gañar todos os descensos urbanos a nivel mundial deste ano, dixo que lle encantou o trazado”. Aínda que non se descartan lixeiras variacións do percorrido —para engadir efecto sorpresa e novidade—, a baixada desde o Castro ata o porto é a única disciplina que parece que nunca vai abandonar o centro da cidade.

Descenso urbano OM 2024 | L. Alonso

Unha das cuestións que moitos vigueses sinalaban coa volta do evento á praia de Samil é a perda de accesibilidade, tendo que conducir ou coller o transporte público para chegar ao recinto, cun servizo en ocasións desbordado. Porén, nesta XXV edición aumentouse a frecuencia de autobuses, coa creación dunha liña extraordinaria para o festival por parte de Vitrasa. “Grazas a esta liña, cada 15 minutos había un autobús e funcionou moi ben en canto os horarios. Eu creo que foi unha parte que nos axudou moito á hora destes datos de afluencia que batiron todos os records que tiñamos anteriormente”, defende Pity. Tamén, afirma que aínda están á espera de analizar con Vitrasa e co Concello de Vigo a efectividade destas prestacións, avaliando un posible reforzo de cara ás próximas entregas do festival. Non obstante, recoñece que a opinión de que Samil non é un lugar accesible está, en certa parte, sesgada, xa que noutras cidades do país os cidadáns realizan desprazamentos moito máis longos a diario.

Por último, cómpre destacar o forte compoñente estético que Samil contén. Coas Cíes de fondo, é un escenario que facilita a produción de vídeo e fotografía, creando un contido moito máis atractivo para os distintos medios e axudando na difusión do evento. Non só na promoción do Marisquiño, senón na promoción da propia cidade, contribuíndo a que os asistentes garden un bo recordo de Vigo e queiran volver.

OM 2024 | L. Alonso