Do bar ao mundial: a evolución imparable do fútbol gaélico en Galicia

Este verán, as seleccións galegas de fútbol gaélico, tanto masculina como feminina, prepáranse para un novo reto internacional: os World GAA Games de Waterford, en Irlanda. Trátase do maior escaparate deste deporte a nivel mundial, onde Galicia competirá xunto a preto de douscentos conxuntos procedentes dos cinco continentes. O que hoxe parece unha estrutura consolidada é o froito de quince anos de traballo, paixón e unha conexión cultural profunda entre Galicia e Irlanda que comezou nun bar da Coruña.

Antía Iglesias e Pablo Bermejo coa equipación da selección | Darío Eyré
CASTELAO

A data oficial do inicio do fútbol gaélico en Galicia remóntase ao 8 de setembro de 2010. Ese día, 25 mozos e mozas fundaron na Coruña o club Fillos de Breogán e asinaron a súa acta fundacional nun bar irlandés. Carlos Seco, un dos pioneiros e antigo seleccionador, lembra que a idea xurdiu dun chamamento en redes sociais de Wenceslao García Zapata, quen quedara fascinado por ese deporte nunha viaxe a Dublín. Carlos, que xa vivía en Irlanda e o practicaba alí, sumouse ao proxecto desde o primeiro minuto.

Os inicios non foron fáciles: «Moita xente non coñecía o deporte nin as regras, e faltaba corpo técnico e experiencia». Daquela, Fillos de Breogán era o único equipo en Galicia e tiña que viaxar a Madrid para competir contra o Madrid Harps ou participar en torneos ibéricos en cidades como Barcelona ou Valencia. A situación mudou en 2012 co primeiro partido oficial da selección galega fronte a Bretaña en Narón, un evento que multiplicou o interese e derivou na creación de máis clubs, como o Mecos O Grove ou o Irmandinhos A Estrada. Finalmente, o 9 de marzo de 2013 fundouse a Asociación Galega de Fútbol Gaélico.

A historia de Pablo Bermejo, xogador do Keltoi de Vigo e da selección, é un exemplo de como o fútbol gaélico se expandiu a través da mocidade. Pablo descubriu o deporte en 2011 durante o seu Erasmus en Praga, grazas a amigos irlandeses. Ao volver a Galicia en 2012, comezou a xogar no equipo mixto Suevia, en Santiago. «Desde que empezamos a liga, cando eramos cinco equipos masculinos e cinco femininos, ata agora, o crecemento foi exponencial». Para Pablo, Galicia é hoxe unha das potencias organizativas de Europa, pois acolle torneos como o Europeo de 2018 ou a Celtic Cup. Tras nove anos vivindo en Vigo e xogando no Keltoi, destaca que o máis fermoso deste deporte é a posibilidade de viaxar e vivir experiencias «dificilmente acadables noutros deportes». Con vistas ao mundial deste verán, Pablo móstrase optimista: «Imos con moita ilusión e con dereito a soñar».

Pablo Bermejo | Darío Eyré

O fútbol gaélico feminino en Galicia tivo o seu momento de gloria en 2018, cando a selección se proclamou campioa de Europa en Lorient. Antía Iglesias, xogadora da selección, comezou a practicar este deporte en 2019 tras escoitar falar del anos antes na universidade. Logo de pasar polo Keltoi e o Independiente, Antía foi unha das fundadoras do Lavandeiras de San Simón, en Vigo, a finais de 2024. O nome do equipo non é casual: «Queriamos facer un pouquiño de memoria histórica». Inspíranse nas mulleres que durante a Guerra Civil ían á illa de San Simón para lavar a roupa dos presos, que lles levaban comida e cartas ás agochadas. Antía destaca o aumento da participación feminina e a profesionalización dos adestramentos para o mundial: «Temos xornadas cun psicólogo deportivo e moito compromiso; os dous equipos femininos son moi competitivos».

GOZO FEST
Antía Iglesias | Darío Eyré

A participación nos World GAA Games deste verán supón un esforzo loxístico e económico enorme. Por iso, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico lanzou unha campaña de crowdfunding que estará activa ata o 10 de xullo. O obxectivo é que ningunha persoa quede fóra por motivos económicos. Ademais, a iniciativa Empresas Amigas busca patrocinadores que queiran asociar a súa imaxe a valores como a igualdade, o esforzo e a promoción da lingua e a cultura galegas.

Carlos Seco subliña que o fútbol gaélico goza dunha saúde «boísima» tras superar o freo da pandemia, pero insiste na necesidade de máis apoio institucional e mediático. «As institucións teñen que estar detrás para que o deporte medre, e necesitamos máis presenza nos medios para que a xente o coñeza». Mentres tanto, a selección galega xa viaxou a Irlanda o verán pasado para medirse con equipos locais na modalidade de quince para quince, preparándose para o que será, sen dúbida, un fito histórico en Waterford.

Con quince anos de historia ás costas, o fútbol gaélico galego busca non só trofeos en Irlanda, senón seguir consolidando un proxecto que une deporte, identidade e comunidade. Como di Pablo Bermejo, o obxectivo é «levar o nome de Galicia por aí adiante e que saiban que aquí tamén xogamos ao fútbol gaélico».

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.