Dirty Suc: o ‘Fillo do Mar’ de Vigo prepárase para a súa gran noite

A conta atrás para a cita máis importante na carreira de Dirty Suc xa comezou. Este venres 10 de abril, o rapeiro vigués subirá ao escenario do hall do Auditorio Mar de Vigo para ofrecer un concerto que marca un fito non só na súa traxectoria, senón tamén na escena urbana local, e para o que non quedan billetes.

Dirty Suc diante dos carteis do concerto | P. Vázquez

Malia a magnitude do evento e a responsabilidade de xogar na casa nun dos aforos máis impoñentes da cidade, o músico amósase sorprendentemente sereno: “Estou moi tranquilo, a verdade que iso é raro porque eu adoito poñerme un pouco nervioso, pero ao levar xirando desde xaneiro chego con moita parte do bolo moi ben estruturada”.

Este concerto non é unha parada máis da xira; é a culminación dun traballo de formiga. Despois de encher salas como Master en tres ocasións o ano pasado, Dirty Suc e o seu equipo decidiron que era o momento de dar o salto. O espectáculo que se verá no Mar de Vigo promete ser algo nunca visto ata o de agora no seu percorrido: “Vai ser a produción máis grande que fixen na miña vida e o concerto con máis invitados”. O artista recoñece que hai moitas sorpresas preparadas para unha noite que pretende facer historia na cidade.

A elección do Auditorio Mar de Vigo tamén pon de relevo unha reivindicación histórica do músico sobre a falta de espazos de gran formato na cidade olívica. Dirty Suc bota en falta recintos intermedios ou grandes pavillóns adaptados á música, poñendo como exemplo o Coliseum da Coruña ou os espazos de Madrid. “Molaría que Vigo tivese un sitio xa non só para artistas locais, senón para que veñan artistas internacionais”, sinala, agardando que a súa aposta sirva para solidificar a escena urbana.

A carreira de Dirty Suc non se entende sen o concepto de traballo diario. Nunha industria dominada polos éxitos efémeros de TikTok, el optou por un camiño máis pausado e sólido: “O meu camiño foi moi diferente, pasiño a pasiño. A miña movida é un pouco máis deep, non é un rollo tan mainstream. Esta filosofía permitiulle construír unha base de fans leal que, segundo el, unha vez que “se sube ao barco non se baixa”.

A súa ambición, porén, non ten teito. Aínda que este concerto no Mar de Vigo pareza unha meta, para el é un punto de partida: “Sigo pensando que isto é só o principio; sinto que vai ser o inicio de algo máis grande ata onde Deus me deixe soñar”. O seu obxectivo final vai máis aló do éxito persoal, buscando “solidificar o proxecto para poder dar traballo aos meus colegas e á miña xente“.

Se algo define o momento actual do artista é o seu último traballo, Fillos do Mar. Trátase dun proxecto ambicioso e a contracorrente: un disco dobre de 22 temas e unha hora e vinte de duración. “Pensei no que me mola facer a min, se non estaría prostituíndo un pouquiño a miña movida”, confesa sobre a decisión de non limitarse a lanzar singles soltos.

O disco é unha viaxe visual e sonora pola iconografía de Vigo e as Rías Baixas. Suc busca que o oínte identifique un concepto claro: “o tridente, os nenos da batea, a cor do mar e do monte”. Esta aposta polo formato físico e o concepto de álbum completo deu os seus froitos, cun salientable volume de vendas, algo pouco habitual nesta época de streaming. Para el, isto demostra que o público conecta cun argumento e unha historia narrada de principio a fin.

A conversa co artista prodúcese, precisamente, no interior da Sala Doppler, un espazo que el considera “historia da música en directo en Vigo ao 100%”. Para Dirty Suc, estas salas de pequeno formato son o alicerce fundamental sobre o que se constrúe calquera carreira musical na cidade. Ao mirar as paredes do local, ateigadas de nomes de músicos que hoxe enchen grandes recintos, o rapeiro recoñece que este tipo de clubs son o “paso obrigatorio” para calquera artista emerxente.

Este respecto polas salas pequenas nace da súa propia experiencia, xa que o seu camiño cara ao Auditorio Mar de Vigo foi unha escalada gradual por diferentes escenarios da cidade. Dirty Suc lembra con orgullo como foi esgotando entradas en espazos con aforos progresivamente maiores, desde a sala Radar ata a Master ou a Queen, antes de enfrontarse ao seu reto actual. Segundo explica, Vigo é unha cidade “complicada” onde é difícil vender entradas para os artistas que veñen de fóra, o que lle fai valorar aínda máis a conexión que logrou establecer co seu público local nestes escenarios de proximidade. Para el, o éxito no Mar de Vigo non se entende sen o percorrido previo por estes templos da música en directo que manteñen viva a chama cultural da cidade.

Outro dos fitos recentes que marcaron a Dirty Suc foi a súa colaboración co Real Club Celta. Como vigués e celtista, escoitar o seu tema en Balaídos é, en palabras súas, “un soño totalmente inimaxinable”. Valora enormemente que a institución se involucre cos artistas locais e investigue o que está a pasar culturalmente na cidade: “Dálle moito valor á entidade que se molesten en saber que quere transmitir este tío co seu proxecto”. Aínda que o seu tema soe con frecuencia no estadio, asegura que non o quere normalizar nunca e segue a gravalo co móbil desde a grada coma se fose a primeira vez.

Con este bagaxe de identidade, esforzo e unha produción sen precedentes, Dirty Suc prepárase para o que el mesmo define como un momento para “gozar de todos os días porque o sábado xa será historia”. O Mar de Vigo espera por un dos seus fillos máis prolíficos.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.