Festival Sinsal, Rozalén, festas e actuacións en directo esta ponte en Vigo

A ponte do Día Nacional de Galicia vén cargada de plans e eventos. Ademais de festas patronais e celebracións arredor da cultura da nosa terra, esta ponte, Vigo está cheo de actuacións musicais en directo. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta ponte na cidade, entra na axenda d’A Movida.

Festival Sinsal | P. Vázquez

FESTAS DE BEMBRIVE, LAVADORES E BEADE – Desde o xoves – De balde

O verán é tempo de verbena. A estas alturas, case todos os barrios e parroquias vigueses fixeron públicas as datas e a programación das súas festas maiores. Durante a ponte, a Bembrive e Lavadores súmase Beade coa celebración de Santa Ana. Preme aquí para acceder á nosa guía con todas as festas deste verán.

ROZALÉN – Xoves ás 22:00 h en Castrelos – De balde

A cantante manchega, Rozalén, é a sexta actuación desta edición de Vigo en Festas. Trátase dunha das principais voces da nova canción de autor. Con catro traballos editados, cativou a público e crítica a partes iguais. No seu haber acumula distincións tan importantes como catro Discos de Ouro, dous de Platino, un Goya, o Premio Nacional de Músicas Actuais 2021, tres nomeamentos aos Latin Grammy ou a Placa ao Mérito Profesional de Castela-A Mancha. É unha das artistas de maior éxito en directo, congregando a miles de seguidores en cada un dos seus concertos.

FESTIVAL SINSAL – Desde o venres a partir das 12:15 h na Illa de San Simón – Entradas esgotadas

O festival Sinsal é un evento musical, organizado pola promotora local Sinsalaudio, que ten a particularidade de que o seu cartel é secreto ata o momento de chegar ao recinto. Caracterízase tamén polo eclecticismo e orixinalidade á hora de programar, ofrecendo ao público propostas diferentes, vangardistas e de varias partes do mundo (moitas delas por primeira vez en Galicia). Esta edición conta con vinte e un concertos e quince sesións musicais en escenarios alternativos con DJs e a Orquestra Clásica de Vigo. A maiores, o Sinsal tamén ofrece unha ampla variedade de actividades paralelas como, por exemplo, aquelas enmarcadas na Escola Sinsal ou as que pertencen a Descubre San Simón. As primeiras pretenden divulgar e recuperar a memoria sonora do século XX, mentres que as segundas dan a coñecer o patrimonio natural, cutural e histórico do arquipélago, da man de Xosé L. Faílde (Amarturmar). Desde 2022, é o festival galego de música mellor valorado polas profesionais da Cultura no país, recoñecemento que se suma aos recibidos, nos útimos anos, pola súas políticas innovadoras en relación tanto á sostibilidade ambiental como social.

FESTA DA SARDIÑA – Desde o sábado ás 10:00 h na carballeira d’A Guía – De balde

Todos os veráns, a veciñanza do barrio vigués d’A Guía celebra a súa Festa da Sardiña. Como cada ano, estas irán acompañadas de pan de millo e bo viño. Ademais, conta cunha ampla programación de actividades como tiradas de fogos artificiais, charangas ou verbenas.

FESTA DA CULTURA – Desde o sábado ás 11:00 h na Porta do Sol – De balde

Con motivo da celebración do Día de Galicia, durante a fin de semana, a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais organiza a Festa da Cultura na Porta do Sol. Trátase dun evento arredor da cultura, música e baile propios da nosa terra.

PIQUE NIQUE – Sábado ás 17:00 h na Fundación Sales – 8,00 €

A Fundación Sales ofrece unha experiencia culinaria da man de Caldo. Pique Nique é unha sesión de degustación de cociña da horta e viños naturais, ambientada con música dun DJ. Os produtos empregados son de tempada, procedentes da Horta Orgánica Navia Vello, e os viños naturais están seleccionados por Viños Vivos. Carmen Badía, Ferrán García e Ana Brea encárganse da cociña.

MOON CRESTA – Sábado ás 20:00 h en A Póla – De balde

A Póla organiza un concerto de Moon Cresta, na súa privilexiada terraza situada no Paseo de Alfonso XII, con vistas ás Cíes. Moon Cresta é unha banda viguesa de rock que leva máis de vinte e cinco anos tocando por España e Portugal. Partindo da música da década dos setenta, desenvolven un estilo propio a través dun repertorio variado onde os xéneros se funden para crear algo máis: o particular son de Moon Cresta.

CORAL CASABLANCA – Sábado ás 22:00 h en Castrelos – De balde

Todos os anos, o concerto da Coral Casablanca é un imprescindible da programación de Vigo en Festas. A Coral Casablanca é unha agrupación fundada en 1957 e a máis laureada de Galicia, conta con 130 integrantes e está liderada por Óscar Villar. O seu repertorio inclúe versións de temas de estilos variados, desde Mecano ata a musicalización do poema de Rosalía de Castro Negra Sombra, obra de Carlos Núñez e Luz Casal. Os cantantes estarán acompañados por unha orquestra sinfónica.

HELENA EGEA – Domingo ás 12:00 h nos Xardíns do Pazo de Castrelos – De balde

FAITE AMOVIDALOVER

Con motivo da conmemoración do seu primeiro século de historia, o Pazo de Castrelos prepara máis de vinte actividades culturais, repartidas nos seus distintos espazos. Entre as mesmas, destaca un ciclo musical composto por catro concertos que terán lugar todos os domingos de xullo ás 12:00 h, nos xardíns. Esta vez, é a quenda de Helena Egea, quen despedirá o ciclo cunha fusión de jazz, blues, pop e folk.

NOITE SON – Domingo ás 20:00 h no Chiringuito da ETEA – De balde

O Chiringuito da ETEA foi dos últimos en abrir este verán, xunto ao Chiringuito de Alcabre. Porén, vén pisando forte cunha ampla programación musical. Nesta ocasión, organiza un concerto de Noite Son, mais todas as semanas hai numerosas actuacións en directo que se completan coas do Chiringuito de Alcabre e o Chiringuito de la Fuente. Podes consultar os mellores chiringuitos de Vigo e arredores premendo aquí.