Dez libros para un verán en galego, por Tensi Gesteira
O verán é a estación na que sempre facemos o que durante todo o ano pospoñemos por falta de tempo. Ler é unha destas afeccións que se incrementa nesta época, dado que os días son máis longos e moitas persoas gozan das merecidas vacacións. Dende aquí quixeramos propoñermos un monllo de lecturas para gozar con calma do verán, para ler e fuxir da rutina afogante. Hai neles unha variedade de estilos, de xéneros e de temáticas, e así podedes deleitarvos no teatro, a poesía, a novela, a literatura xuvenil, ou mesmo algunhas traducións. Todas elas, iso si, na nosa lingua.


Praia artificial, de Abraham Pérez: este libro chega coma un acubillo, que é o sentimento que atopo sempre na poesía. Esa sensación de que hai versos que me sorprenden no momento xusto. Eu tamén sentín falar nunha lingua descoñecida, coma ese poeta ao que se alude aquí, pero creo que vou atopando a propia. Abraham é para min un escritor sensible, que escribe cun gran sabor a verdade. Este poemario, cóllese coma unha flor delicada e forte á vez.

O lado nobre, de Irene Lourido: esta obra breve, coa que a xornalista Irene Lourido gañou o X Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, conta os días no hospital dunha muller que debe acompañar ao seu pai e que reflexiona sobre a perda, a morte, a infancia, os coidados, as aparencias, e esa estraña sensación de que o pasado sempre se volve presente e ao revés. É un libro fragmentario que nos chega moito pola beleza da linguaxe e pola súa contemporaneidade. Ademais é ideal para unha tarde de praia, porque nela o mar tamén ten moita presenza.

Bsanda Ebé, a espada de deus, de Raúl Dans: este libro de teatro experimental logran poñernos contra as cordas, facernos cuestionar todo o tempo o que pensamos e a nosa forma de actuar. Fálase aquí de racismo, de bombas, pero sobre todo creo que se analizan as verdadeiras razóns que teñen as persoas que todos os días cruzan en pateiras ata o continente europeo na busca dunha salvación e vítimas dos que se lucran no sufrimento humano. Marabilloume a forma na que está escrito, con esa mestura entre teatro, moitas voces, e tamén narracións xornalísticas e literarias que a converten nunha gran obra de arte. Que cuestiona, que impacta, que nos escacha un pouco, que nos fai chorar.

As malas ideas, de María Solar: a autora e xornalista escribe dosificando as emocións, e o resultado é un libro que ten moito de traxicomedia, pois atopamos as partes duras e tremendas da vida pero adobiadas con moita retranca. Ten, ademais, un estilo que engancha, cuns diálogos ben traballados e é capaz de xerar un universo que, aparte de facernos pasar un bo anaco, nos levará a pensar moito. Deixa, dende logo, unha boa presada de preguntas: é posible cambiar e emendar os erros cometidos no pasado? Canto debemos dar ao traballo e canto á vida persoal? Que importancia ten o caos? Acaso todas as vidas poden ser unha serie ou unha película?

A máis recóndida memoria dos homes, de Mohamed Mbougar Sarr: é a historia da busca dun escritor desaparecido despois dun plaxio. O que parece un argumento banal, convértese nun percorrido por diversos lugares na busca dese escritor e da súa literatura. No camiño, moito para pensar, pois abórdase o racismo, o politicamente correcto, o amor e a paixón, a amizade e, rodeando todo isto, a literatura nesa eterna pregunta de se o pode curar todo, mesmo o incurable. Sen dúbida creo, e non digo nada novo, que é un dos grandes libros do pasado ano e que, sobre todo, deberían lelo as persoas obsesionadas por novos detectives e polo espírito de Bolaño o cal, por certo, aquí tamén aparece moito. Encántame ademais a tradución de María Alonso Seisdedos, que sempre consegue que a gran literatura soe a gran literatura na nosa lingua.

Tempo de correspondencia, de Xerardo Quintiá e Xesús Fraga: adoro os libros epistolares. Hai algo de maxia demorada en agardar unha carta, en escribir para outro, en reflexionar para un amigo. Xesús Fraga e Xerardo Quintiá comparten iso neste Tempo de correspondencia, unhas cartas que son unha pausa no frenesí do mundo, nas que acougan os seus ánimos tras o paso da Negra Sombra. Nelas reflexionan sobre a infancia, ese deterse nas cousas cotiás como agardar para ver unha serie cada semana en familia, ese rural que se vai pero que eles acollen con certa nostalxia coma o vento que foxe aínda que o queiramos apreixar coas mans.
Hai moito de agradecemento neste libro, de amigo a amigo, pero tamén cara as persoas lectoras, as que queremos cruzar esa porta e pensar tamén en nós mesmas. Eu, por exemplo, vinme de pequena compartindo o tempo cos meus avós na cociña de afumar, cos chourizos no fumeiro e as historias a prender do maxín do abuelo Chico. Este Tempo de correspondencia permítenos tamén coller lecturas, películas e cancións que emocionan aos autores, pero tamén observar como son os seus tempos de creación e de curación tras esa depresión que todo o absorbe.

Tras da mirada de José Suárez, de Olaia Sendón: no ano de José Suárez, artista e fotógrafo recoñecido pola súa mítica serie “Mariñeiros”, Olaia Sendón recompón neste album ilustrado a súa biografía en relación ao tempo que lle tocou vivir. O libro é unha marabillosa oportunidade para coñecer a este artista do que sabemos moi pouco. Destacan moito as ilustracións que acompañan o texto, con ese branco e negro que nos leva a unha época pasada. É unha proposta para público adulto á que se poden achegar tamén os cativos e cativas.

Querida morte rachada, de Latife Tekin: baixo a ollada da nena Dirmin, o resto de personaxes van loitando por atopar o seu lugar no mundo, un mundo hostil, de pedras duras e unha natureza agreste que non permite a paz. Pero aí ela pelexa por aprender a escribir, por crer nas palabras por enriba de todo, por tentar explicar o que vai descubrindo e que supón no seu devir como persoa. Comeza a falar coa herba, sendo este símbolo a máxima expresión da maxia que impregna toda a novela, que ten ese ritmo propio dos contos de fadas e tamén de Andersen, pero que, sobre todo, é debedora desa corrente coñecida como “realismo máxico” que tamén chegou a outros países máis alá de América Latina.

A muller de mentira, de Iria Collazo: penso que todas as mulleres, en maior ou menor medida, caemos nas trampas da idealización e de tentar cambiar a unha persoa. A muller de mentira é o novo libro de Iria Collazo e está escrito de forma fragmentaria, con citas de autoras, reflexións, anacos de vida. Parecéuseme moito ás obras de Annie Ernaux, en especial a A muller xeada, pero tamén a Margerite Duras. Está ateigado de literatura dende o comezo ao final, pois tamén é unha indagación no que nos ofrecen os libros, os seus perigos e a súa substitución (ou non) da vida real. Creo que a autora se foi poñendo a proba cos anos, e agora atopámonos coa súa obra máis valente e madura.

Cóntocho con palabras, de Anxo Otero e Caetano Otero: que utopía parece hoxe en día que un rapaz escriba un libro canda o seu pai. E que utopía maior que sexa en galego cando en realidade ambos viven en Estados Unidos. Cóntamo con palabras é unha carta de amor á lingua e ás cousas que fan feliz a Caetano Otero, entre as que destacan os videoxogos, a comedia, o té matcha, a música e os amigos.
É un libro que se le coma se vises unha canle de YouTube pero é mellor porque están as palabras escritas que teñen un poder especial e emociona ver a conexión entre un pai e o seu fillo. A obra está atravesada pola linguaxe e as formas de comunicarse das novas xeracións, e cun ton moi divertido que tamén se aproveita para falar de temas serios como as relacións, as olladas diversas sobre o mundo, a reivindicación dunha lingua minorizada (neste caso, o galego).
Tensi Gestira (@lecturafilia)
Crítica literaria




