Dez imprescindibles do Hematofesti, o festival de humor e literatura infantil
A segunda edición do Hematofesti, que se celebra do 4 ao 8 de novembro en diferentes espazos culturais da cidade, desprega unha enorme programación ao longo de cinco xornadas. Destacamos algúns dos eventos máis salientables para sacar o máximo partido a un dos festivais máis orixinais de Galicia. Preme aquí para consultar toda a programación.

EXPOSICIÓN HEMATOCRÍTICO ILUSTRADO – Desde o martes 4 na Sede da Deputación
A exposición Hematocrítico Ilustrado por Alberto Vázquez recompila as obras gráficas orixinais de Vázquez para os libros infantís de Hematocrítico e conta cunha sala de lectura. Abrirá as súas portas na sede da Deputación Provincial en Vigo o martes 4 de novembro, coincidindo co inicio do festival. A partir do 15 de novembro contará cunha oferta de talleres de ilustración e clubs de lectura (de balde) deica o Nadal. A exposición e o resto de actividades forman parte da iniciativa O bosque dos contos, unha proposta creada polo Hematofesti e a Deputación de Pontevedra.
CONCERTO INAUGURAL DE CASPERVEK – Martes 4 ás 19:30 no Auditorio Municipal
A banda local Caspervek interpretará en directo a banda sonora de As aventuras do príncipe Achmed , a longametraxe de animación máis antiga que se conserva. Ata a data é un dos maiores éxitos da banda e unha das máis interpretadas ao longo dos anos, con actuacións en España, Eslovaquia e Letonia. No acto estarán presentes Abel Caballero, Ledicia Costas e Alberto Vázquez.
ECONOMÍA E CULTURA: CONVERSA ENTRE LUZ CASAL E LEDICIA COSTAS – Mércores 5 ás 18:30 no Auditorio do Consorcio da Zona Franca
Economía e cultura: o binomio fantástico é unha das actividades máis interesantes do programa, xa que ao londo de dúas xornadas reflexionarase sobre a cultura como ferramenta social e económica. O venres 7 a programación terá lugar desde as 11:00 ata as 18:30 h, mentres que o mércores terá lugar a conversa entre Luz Casal e Ledicia Costas. Ambas actividades serán no Auditorio do Consorcio da Zona Franca.
ARTISTAS CALIDOSCÓPICOS: CONVERSA ENTRE JAVIER JAÉN E BEA LEMA – Mércores 5 ás 19:30 h na Sede da Deputación
Bea Lema, recente Premio Nacional de Cómic, e Javier Jaén, un dos deseñadores estatais máis destacados da actualidade, falan de ilustración e deseño, conducidos por Alberto Vázquez.
ESPAZO GAMING DE NINTENDO – De xoves 6 a sábado 8 no Centro Comercial Vialia
Abrirá o xoves 6 e venres 7 pola tarde (17:30 – 21:00 h) e o sábado 8 durante todo o día (11:00 – 21:00 h). A inauguración (xoves 6, 17:30 h) consistirá nun interesante encontro entre a desenvolvedora e escritora de videoxogos Concepción López Agulla e o autor de Anna Kadabra, Pedro Mañas, que conversarán co xornalista especializado Noel Ceballos. Durante estas tres xornadas, grandes e pequenos poderán probar os xogos máis icónicos que xa se poden gozar na nova Nintendo Switch 2, como o Mario Kart World e o Super Mario Party Jamboree. O xogo estrela será o Donkey Kong Bananza, unha aventura de plataformas e exploración protagonizada polo personaxe máis “mono” de Nintendo.
HEMATOGALA – Xoves 6 ás 21:30 h no Mar de Vigo
Un dos eventos máis destacados da programación do Hematofesti é a Hematogala, que se celebra o xoves 6 de novembro ás 21:30 h no Mar de Vigo, o auditorio máis grande da cidade. Neste gran evento inédito daranse cita o cómico canario Ignatius Farray, un dos maiores referentes da comedia estatal da última década; o grupo galego Grande Amore; a banda local IGMIG; a cantante e empresaria viguesa Silvia Superstar; o xornalista Noel Ceballos; a compositora e podcaster Nus Cuevas e o dúo cómico Sobria y Serena (Arantxa Treus e Jazmín Abuín). Esta alineación de luxo estará conducida polo cómico Xosé Antonio Touriñán e a escritora María Lado. O espectáculo foi creado para a ocasión e conta coa dirección artística de Roberto Pascual e guión de Luismi Pérez y Rubén Ajau. Xa se poden mercar as entradas desde 15 euros na web de Teuticket.
COMEDY CLUB CON IGNATIUS – Venres 7 ás 21:30 h no Vitruvia Club
Ademais de participar na gala, Ignatius Farray imparte unha residencia humorística na que catro persoas aprenderán os trucos da comedia da man dun dos seus grandes mestres. En Queremos Humor! Academia de comedia, o humorista canario guía obradoiros e titorías a catro estudantes de arte dramático, seleccionados entre moitos candidatos de toda Galicia. Trátase dunha adaptación da súa Academia Palmera de Comedia, que realiza no Festival Desaquellados de La Palma. O curso desenvólvese durante toda a semana no Vitruvia Club. Ademais dos consellos de Ignatius, tamén recibirán formación da man de Paula Carballeira (Premio Nacional de Literatura Dramática) e Sobria y Serena (Arantxa Treus e Jazmín Abuín). O venres 7 os catro estudantes amosarán o aprendido no Comedy Club, tamén no Vitruvia, que xa esgotou todas as entradas.
QUEREMOS LITERATURA INFANTIL – Sábado 8 de 10:00 a 17:00 h na Sede da Deputación
Xornadas coordinada por Eva Mejuto e Montse Pena enfocada a un público máis especializado e profesional arredor da literatura infantil e, en especial, do álbum ilustrado. O evento dará paso ao acto de entrega do II Premio de Álbum Ilustrado Humor con H e do Premio Lenda do Recreo a Teresa Rabal da man Manuel Bragado, galadoado o ano pasado. Por último, arredor das 20:00 h, haberá unha actuación musical de Lucía Aldao xunto con Candela Fernández (gañadora de final de Pequeños Gigantes de la Lectura na Feira do Libro de Madrid 2025).
OBRADOIROS INFANTÍS – Do martes 4 ao sábado 8 en varios espazos
Hematofesti ofrece, do 4 ao 8 de novembro, catorce sesións de talleres e contadas con 250 prazas de balde, que xa se poden reservar a través da web do festival hematofesti.com. Todos estes obradoiros son posibles grazas ao paoio de Deleite. Entre as sesións para familias, que terán lugar todos os días do festival en distintas librarías e espazos sociais e culturais de Vigo, atopamos contacontos diarios, divertidos talleres de fanzines, xoguetes ópticos, ilustración e costura. Todo isto da man de artistas de primeiro nivel, como David Rodríguez, Diego Estebo, Bea Lema, Carmen Pintos, Iván R., Natalia Umpiérrez, Bea Gregores, Rena Ortega ou Berto Fojo. Nesta edición incorpóranse ademais as presentacións de libros infantís, cos autores Antonio Manuel Fraga, Lois Pérez, Gabriel Romero e Óscar Reboiras.

