Dez ideas de regalo local para este Nadal
Remata outro ano e, para celebralo, no pequeno comercio vigués atopamos multitude de propostas orixinais de papelería, roupa, complementos e xoiería coas que podemos desbotar as compras superfluas en grandes superficies —con opcións máis impersoais e correntes— e apostar polo negocio local, xusto e de barrio.
1. FELICETTA GUALTIERI
Rúa de Rosalía de Castro, 19 | @felicettagualtieri

Felicetta Gualtieri marchou de Venezuela e chegou a Vigo en 2019 cunha máquina de coser. Este dúo muller-máquina traballa sen descanso na súa tenda-obradoiro, onde, por encargo e baixo demanda, crea pezas únicas desde cero ou dálle unha segunda vida a calquera roupa antiga que teñamos na casa e que xa non saibamos como combinar. Aconsellamos concertar unha cita e visitar esta deseñadora no seu taller para facer un agasallo á medida. Tamén podemos obsequiar con experiencias: Felicetta ofrece bonos regalo para clases de corte e confección (catro sesións de dúas horas á semana por 65,00 €), unha forma diferente e especial de sorprender este Nadal, ideal para persoas creativas ou interesadas en aprender costura de forma personalizada.
Outra idea son as bandoleiras con forma de banana en dous tamaños (desde 30,00 €), ideais para ir de viaxe e lucir os mellores deseños e estampados sen renunciar á comodidade, pois nelas cabe de todo. Este dúo de bandoleiras é lixeiro e práctico e está confeccionado á man na súa totalidade.
Preme aquí para coñecer outras propostas de agasallo da man de Felicetta.
2. ARDENTIA
Rúa de Policarpo Sanz, 22 | ardentia.es | @ardentia_xoiajeweljoya

A man do artesán tras a marca Ardentia é a de Luis González, un xoieiro que leva desde os dezaseis anos desempeñando o seu oficio e que, tras moitas horas e sacrificio, obtivo a carta de artesán no ano 1994 e a de taller artesán en 1996.
A colección Baroña representa un castro cos seus muros, que lle dan forma arredondada e o protexen dos elementos exteriores. Grazas a esta colección, podemos trasladar o imaxinario da cultura atlántica ás nosas xoias para homenaxear a nosa terra e, á vez, brillar. Un regalo perfecto para este Nadal é o colgante Baroña (122,00 €), realizado en prata de lei 925 e cun acabado con pátina e pigmentos con efectos metálicos cobreados. O seu interior está rodeado por unha orladura de follas engarzadas cuns sinxelos remaches ocultos que lle dan volume. Ademais, no bordo das folliñas leva un acabado puído brillante que protexe o traballo das pátinas do seu interior
3. GALERÍAS FETÉN
Rúa de Elduayen, 28 | @galeriasfetenvigo

En novembro de 2024 apareceu no centro da cidade unha tenda con aires retro e vintage que lembra as antigas e glamurosas galerías ás que homes e mulleres acudían para conseguir pezas únicas que luciren nos seus paseos e ocasións especiais. Alí encontraremos marcas difíciles de atopar no mercado e produtos de artesanía e deseño de todo o mundo para vestir ou decorar o fogar.
A nosa elección como presente de Nadal son os seus botíns da marca Moonstar no modelo All Weather (260,00 €). En Vigo sabemos que do sol á chuvia hai un intre, e tamén o saben ben no Xapón. Desde alí chegan estes zapatos, feitos á man en caucho e lona da máxima calidade e cun deseño atemporal. Uns botíns tan diferentes camiñarán coa túa persoa querida durante moitos anos.
4. MORRIÑA SHOP
Praza da Pedra, 5 | www.morriñashop.gal | @morrinavigo

Morriña Shop naceu hai dous anos como tenda e marca propia para reivindicar a cultura galega e viguesa no agasallo e no souvenir, e colabora con ilustradores, deseñadores e artesáns da contorna que teñan como obxecto das súas creacións Vigo e Galicia.
Este Nadal, a marca estampa sobre as súas cuncas, suadoiros, axendas etc. un novo deseño exclusivo e único que leva o Nadal vigués a outro nivel (se iso é posible) e que recorda a nora e as luces que adornan a cidade. Non dubides en visitar a súa tenda na praza da Pedra se queres regalar o mellor recordo destas festas a quen vive aquí, para que lembre a sorte que supón morar en Vigo, ou a quen vive lonxe e anda sempre coa morriña ao lombo.
5. GALERÍA MARACA
Rúa do Doutor Cadaval, 12 | galeriamaraca.com | @galeriamaraca

Galería Maraca abriu as súas portas en decembro de 2023 nun piso antigo do barrio de Churruca e, menos dun ano despois, instalouse nun vello local moito máis amplo na rúa do Doutor Cadaval, onde Raúl Domínguez e as súas compañeiras dan renda solta a todas as súas inquietudes organizando exposicións, charlas, presentacións de libros, concertos e talleres. Trátase dun proxecto que vai máis aló do concepto de tenda ou galería; é un punto de encontro creativo que aposta por tendencias artísticas que teñen pouca recepción nas galerías convencionais.
En Galería Maraca Aquí tamén atopamos moitos agasallos orixinais para este Nadal, como libros, ilustracións, camisetas, suadoiros e obxectos curiosos. A nosa proposta entre todos os seus produtos é a de regalar tempo. Por ese motivo, parécenos perfecto o Kit Cat Klock (75,00 €), un icónico reloxo retro con forma de gato que move a cola e os ollos ao ritmo do tictac, un obxecto orixinal e misterioso que non pasará desapercibido.
6. LIA B
Rúa da República Argentina, 27, 1.º, estudio 7 | liabstudio.com |@liab_studio

Olalla é a alma detrás de Lia , unha marca de xoiería coa que pretende rescatar a materia para darlle outro significado e transformala en algo novo mediante un diálogo con ela. Para conseguilo, cada peza de Lia B sométese a un proceso de alquimia no que se busca espertar todos os sentidos a través das formas, as texturas e os materiais.
Este Nadal, Lia B proponnos obsequiar cunha xoia para sempre: as pulseiras permanentes (desde 25,00 €). Cada peza créase no momento, de maneira personalizada, e sóldase á medida, coidando cada detalle. Podes regalar esta experiencia cos bonos regalo de Lia B, unha forma especial de sorprender con algo significativo e feito á man. A experiencia lévase que se leva a cabo no seu estudio de xoiería artesanal (con cita previa), onde a persoa agasallada pode elixir a cadea e os charm e vivir un pequeno ritual persoal.
7. LE MARCHÉ DE RACHEL
Rúa de Carral, 15 | lemarchederachel.com | @lemarchelderachel

A vida é demasiado curta para vestir de forma aburrida e nós temos a solución para lucirmos os mellores estampados, os accesorios máis orixinais e a roupa de última tendencia. Le Marché de Rachel é un comercio no que a cor invade paredes, estantes, vitrinas e colgadoiros. O prato forte son as pezas de roupa, pero tamén vende calzado, mochilas, estoxos e complementos artesanais e rechamantes.
Non dubides en visitar esta preciosa tenda e escoller a túa propia opción de agasallo. Nós temos clara a nosa elección para que ninguén teña frío este inverno: as bufandas da marca Ezcaray (desde 44,50 €), fabricadas en España de forma artesanal con fibras naturais, como o moher, que se caracterizan pola súa lixeireza, suavidade e durabilidade. Estas bufandas poñen en valor a autenticidade e a calidade, e apostan pola moda con alma.
8. REIZENTOLO
Rúa do Príncipe, 11, CC Gran Vía e CC Vialia | reizentolo.es | @reizentolo_oficial

Aínda queda alguén na sala que non coñeza Reizentolo? É pouco probable, xa que as súas frases cheas de retranca e humor galego coáronse no imaxinario colectivo desde os seus inicios.
Os produtos de Reizentolo son case infinitos: roupa con mensaxe en galego, mandís para os que somos ración, parches para os máis punk, láminas, axendas, tote bags… e ata condóns para os que falan galego sen pelos na lingua! Unha opción de regalo que seguro que non falla é a cunca Santa Compaña (10,95 €), perfecta para tomar o café dos luns pola mañá (cando é case imposible revivir) e para tomar a vida (e a morte) con retranca e risas, como só sabemos facer en Galicia!
9. VAIDHÉ
Rúa de Carral, 7 | @vaidhe

Se vives en Vigo é imposible non saber desta tenda, como difícil é non ficar un bo anaco diante do escaparate coas cousas máis riquiñas da cidade. En Vaidhé, Iris e Eli ofrecen xoias, roupa, cerámica, candeas, láminas, libros e obxectos decorativos feitos por artesáns e marcas maioritariamente galegas.
É posible que xa visitases moitas veces o local de Vaidhé e que sexa a túa aposta segura cando tes que facer agasallos de aniversarios, bautizos e ocasións especiais, pero quizais aínda non saibas que Vaidhé lanzou unha colección de gorras bordadas con aire vintage (22,50 €). Este Nadal podes regalar un pedazo de verán, un anaquiño de esperanza no sol que virá. A gorra Vigo, a Rías Baixas ou a Vaidhé Club están deseñadas e producidas por Vaidhé, confeccionadas en algodón lavado, con peche axustable na parte traseira. Estas gorras son unha homenaxe á nosa cidade, á nosa ría, á nosa paisaxe e a ese grupo de amizades coas que todo flúe.
10. PANDA BOHÈME
Rúa de María Berdiales, 15 | pandaboheme.com | @pandaboeheme

Detrás deste negocio están Ana e Álvaro, dous arquitectos que en 2019 colleron o traspaso dunha pequena papelería en liña chamada Panda Bohème. Mantiveron o nome e o xa característico selo, pero déronlle un xiro a todo o demais. Seleccionan produtos exclusivos, de alta calidade, que non son fáciles de atopar noutros sitios; nalgúns casos mesmo son a única tenda en España na que se poden conseguir. Esta papelería céntrase en artigos de papel e escritura, e as súas marcas proceden de lugares tan dispares como O Xapón, Corea, Taiwán ou Os Estados Unidos.
Se este Nadal queres regalar materiais de escritura que estean á altura dun gran creador, non dubides en pasar por Panda Bohème e mercar algúns dos seus produtos destacados. Entre eles é obrigado mencionar as súas plumas estilográficas: nunha época en que parece que xa ninguén escribe á man, son o artigo que máis venden nesta tenda. A volta ao proceso manual de escritura, ademais de beneficiar o noso cerebro, é todo un pracer; en canto se empeza, o difícil é deixalo. Para quen se queira iniciar na arte de escribir con pluma, nesta tenda recomendan a Kaweco Sport (desde 29,95 €), un clásico alemán renovado. Como obsequio orixinal, propoñen as taiwanesas Twsbi (desde 39,90 €), co seu barril transparente. E se o noso agasallado non se conforma con nada que non teña unha plumiña de ouro, as xaponesas Sailor e Pilot son infalibles.
Preme aquí para consultar máis ideas de agasallo en Panda Bohème
Estela Gómez
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Dez ideas de regalo local para este Nadal - 10 Decembro, 2025
- Crea pezas únicas ou dálle unha segunda vida a calquera roupa con Felicetta Gualtieri - 10 Decembro, 2025
- Panda Bohème: agasallos para amantes da escritura - 9 Decembro, 2025
- Better Late: nostalxia moderna - 7 Novembro, 2025
- Füa Chaval, uniforme de superheroe - 2 Outubro, 2025


