DeWolff, Tahiti 80, We Are Scientists… o festival Underfest avanza gran parte da súa ambiciosa programación
O principal evento musical de Vigo, o festival Underfest, adianta gran parte do seu cartel, con propostas tan variadas e afastadas dos ciclos tradicionais como The Psychedelic Furs, DeWolff, Tahiti 80, We Are Scientists. O evento terá lugar o 14 e 15 de novembro en diferentes espazos da cidade. Entradas individuais xa á venda en Ataquilla.

O Underfest Xacobeo anuncia un avance do seu cartel 2025 coa incorporación de destacados nomes internacionais e nacionais que consolidan o festival como unha das citas musicais máis especiais do ano en Galicia. Un festival distinto, con nomes de prestixio, novo talento e un formato particular que escapa dos artistas e grupos de sempre, xa manidos, que percorren a maioría dos festivais do país.
Tras a confirmación hai xa meses do primeiro concerto en Galicia dun grupo lendario como The Psychedelic Furs, unha banda de culto como Cracker, referentes para todos os amantes do rock de raíces, The Tubs, un dos grupos de moda no Reino Unido, herdeiros de The Smiths ou Sugar, e con Patrick Watson e as súas emocionantes composicións para un peche por todo o alto do festival, agora súmanse novos nomes para unha aliñación de luxo.
Figuras de renome que se estrearán en Galicia como os franceses Tahiti 80, os neerlandeses Dewolff ou os estadounidenses We Are Scientists, xunto a proxectos de referencia no panorama estatal como Chucho, propostas frescas e rupturistas como Paco Pecado, Rizha, Los Manises, Nestter Donuts ou Vacaciones Permanentes, e Querido, o proxecto de Andrés Ferreiro, representando o talento local, aos que se sumarán outros proxectos galegos.
Os días 14 e 15 de novembro, Vigo volverá encherse de música cunha 8ª edición dun festival que conseguiu consolidarse como unha cita imprescindible para o público que busca experiencias diferentes, estilos variados, escenarios singulares e de aforo limitado, onde a música é a principal protagonista.
Os Abonos xerais para o festival volveron esgotarse aos poucos minutos de saíren á venda, sen coñecerse ningún artista do cartel, mostra da confianza do público nas propostas que ofrece o festival. Xa están á venda as Entradas Individuais para os concertos de Dewolff, We Are Scientists, Tahiti 80, Chucho e Querido, xunto ás que xa estaban dispoñibles de The Psychedelic Furs, Cracker, The Tubes e Patrick Watson. En poucos días sairán á venda as Entradas de Día. Todo en Ataquilla.com.



