VIALIA
bannerPicnicSesions

Despois de chegar a meta

O domingo pasado, despois de máis dun ano sen correr, volvín participar como un afeccionado máis nunha carreira popular, a do Calvario, unha bonita experiencia que me anima a retomar a rutina de correr que tiña afastada por baixóns físicos e anímicos –uns levan aos outros-, e que me ten dado moitos momentos positivos.

Intres antes do pistoletado de saída da carreira 5+5 do Calvario / Fernando Laconde

Ao longo destes anos participando en carreiras populares vin como aumentaba o interese por correr na nosa cidade, como colegas que comezaron con escepticismo agardan con ganas a seguinte carreira popular para competir contra o reloxo e bater as súas marcas.

Cadaquén ten as súas motivacións para participar, e o detonante desa primeira vez pode ser dende cumprir unha aposta ata a superación persoal, pero para darlle continuidade, incorporar o adestramento as nosas rutinas e mesmo cambiar algúns hábitos, fan falla razóns sólidas, e para min resúmense en que correr me fai sentir ben física e sobre todo animicamente.

A satisfacción de cruzar a meta, do obxectivo cumprido anima a repetir a experiencia, pensas en adestrar, en correr por unha meta, mellorar o teu tempo como un reto persoal, o que che axuda a manter a motivación necesaria para porte a adestrar, non se trata de competir por gañar, nin de quedar entre os primeiros, ti compites contigo mesmo para mellorar, e esa dose competitiva lévate a adquirir unha rutina de adestramento. E para correr, a forma máis simple e natural de exercitarse dende que somos nenos, só necesitas querer e unha equipaxe deportiva básica que che sexa cómoda.

Tes múltiples opcións para practicalo, dende facer un programa de adestramento nunha web especializada, nun ximnasio ou cun dos moitos grupos de running que hai, ata simplemente buscar ratos libres para saír a trotar só contigo , suar un pouco e sobre todo desconectar.

REVISTA ABRIL

A cidade e o noso magnífico entorno animan a facer rutas polos moitos circuítos existentes, e o concello de Vigo, despois de anos de demanda, implícase activamente coa promoción e a posta en marcha de novos circuítos urbanos para facilitar máis a súa práctica ao aire libre. En Vigo por citar algúns itinerarios clásicos, se queres facer fondo temos as praias, todo o litoral, ou o paseo do Lagares; se o que procuras é adestrar resistencia, contamos con magníficas pendentes como a subida ao Castro dende o Náutico, ou subir o monte de A Guía; se queres adestrar velocidade que mellor que Castrelos. E non digamos os parques forestais que nos circundan para correr gozando da paisaxe. En fin, por opcións para practicalo ao aire libre en contornas fermosos que non quede.

Pero como dixen o máis importante de correr é que me fai sentir ben. Non falo de competir por acadar unha determinada marca, senón de pasalo ben adestrando e participando, xa sexa automotivándome cos meus pequenos obxectivos e sobre todo correndo por sensacións, escoitando o meu corpo, sen o control do reloxo, por suposto coñecer os ritmos de cada un é un proceso de aprendizaxe, pero aí está outra das razóns para correr, a saúde mental e coñecerse a un mesmo. Correr ten un potente efecto desestresante, liberador de nervios e exceso de adrenalina e de desembarazarse das preocupacións diarias. Moitos cando corremos en solitario encontramos unha magnífica forma de aclarar a mente, reflexionar e incluso de crear. É por iso que o running é, para min, unha actividade tan mental coma física.

Correr e participar nunha carreira popular tamén é unha actividade social e divertida. Sempre nas carreira teño vivido ou visto momentos de compañeirismo e solidariedade. A compañía motiva e facilita os adestramentos e, dende logo, para min ten sido o punto de encontro e nexo de unión con vellos colegas e amigos. Tal vez, cando penses en diversión o primeiro que che veña á mente non sexa porte a correr, pero participar nunha carreira, ten os seus momentos lúdicos e festivos, e para quen o dubide, anímolle a participar na próxima carreira, hoxe mesmo no IFEVI, ten lugar a Galiexpo running. Pero os que non chegarades a tempo tedes unha nova oportunidade o vindeiro día 11 de entroido polo centro da cidade, e desta mellor vir disfrazado!

The following two tabs change content below.

Fernando Laconde

O fotógrafo Fernando Laconde, cursou psicoloxía en Santiago de Compostela onde comezou a formarse na súa paixón, a fotografía perfilándoa coma ferramenta pedagóxica e comunicativa. Na actualidade, traballa diversas temáticas fotográficas, dende fotografía arquitectónica e de interiores ao retrato e moda, pasando pola fotografía documental sobre o leste de Europa.