VIALIA
bannerPicnicSesions

Descúbrete con MiParrula

O erotismo é unha pradería verde na que explorar e explorarse, onde gozar da vida. Ou pode que a pradería sexa rosa, como a páxina web da tenda erótica MiParrula, cunha esencia multidisciplinar e o firme compromiso de darlle o empurrón necesario á comunidade para mellorar o seu benestar sexual.

MiParrula nace en 2020, mais a idea de abrir un local físico xa estaba de antes da pandemia. A situación sanitaria fixo que Susana Pena mudara o concepto á rede, mais continúa a realizar reunións tuppersex: “Son xuntanzas normalmente de amigas, aínda que tamén poden ser mixtas, cun contido lúdico no que intercambiar inquedanzas arredor do sexo”, explica. Sorprendíase nestas reunións que convoca desde 2013 polo pouco ánimo co que se recibían as marabillas que poñía nas mans do público asistente. Desde este ámbito tan próximo era testemuña de que a sexualidade era un tema tabú mesmo entre amizades, chegando á conclusión de que a xente compra moito máis cando ninguén a ve: “O sexo é algo normal que fai todo o mundo, non é nada malo nin raro”, comentaba Susana ante as incómodas miradas das súas amigas.

REVISTA ABRIL

Cando as cousas melloren ten pensado realizar obradoiros eróticos e sesións de pilates centradas no solo pelviano de maneira presencial, actividades que xa realizou de maneira telemática. Estamos a falar dun servizo que promove máis que a simple compravenda: desde aquí ofrece multitude de consellos e artigos sobre educación sexual, tendencias, ideas para agasallos… e tenda online de produtos eróticos: accesorios, lencería, xoguetes… A responsable percibe as tebras nas que tradicionalmente foi encerrada a sexualidade: “Mesmo a xente da miña idade me preguntaba ‘pero vas a vendelos ti?’, como se non fose un traballo para persoas normais”, lembra.

Se nos últimos anos houbo un cambio na percepción mediática e social dos xoguetes sexuais, ese foi a aparición do Satisfayer: “Foi incrible. Eu sabía que ía acontecer, porque xa viña pasando no resto de Europa. Grazas ao Satisfayer a xente empezou a falar da masturbación feminina como algo normal“, explica. Tamén percibe un cambio a mellor respecto á educación sexual: “Antes era algo marxinal considerado de guarrillas e agora xa está máis normalizado. Especialmente entre a xente nova, pero a maior tamén se anima máis”, apostila. MiParrula promove unha filosofía sex positive, isto é, “ter unha sexualidade sen prexuízos, diversa e sen tabús. Cada un ten a súa e debe apostar por ela, sen importar quen che guste ou che deixe de gustar”, resumen Susana.

miparrula.com | 610 99 52 25 | hola@miparrula.com | @miparrulaloveshop