REVISTA ABRIL

Descúbreas, a web pioneira para mulleres do sector musical

A pesar da melloría nos últimos anos, as cifras seguen a xogar en contra da igualdade no mundo da música. Coa idea de cambiar estas inxustizas nace a web descúbreas.com, promovida pola Deputación de Pontevedra, un espazo completísimo onde poderás atopar un directorio con artistas, entrevistas, foro, axenda de eventos, tutoriais e mesmo un programa de mentoría musical.

REVISTA ABRIL

Dos 100 artistas e grupos con máis seguidores en Galicia, só o 20% son mulleres. Unha porcentaxe moi pobre tendo en conta que elas son a metade da poboación, cunha importante participación tanto na creación como no consumo de música. Coa idea de invertir estas cifras chega descúbreas.com, unha plataforma web impulsada pola Deputación de Pontevedra. A presentación tivo lugar este xoves 18 pola mañá na sede viguesa do organismo provincial, coa cantautora viguesa Sanny interpretando un par de temas do seu disco Loners Downtown.

Olalla Dopico, unha das coordinadoras do proxecto, foi debullando cada unha das seccións desta nova ferramenta dixital, que non son poucas: unha sección de noticias, entrevistas a artistas consolidadas, vídeos inspiradores de músicas tanto nacionais como internacionais, videotutoriais sobre diversos temas do eido musical, axenda de eventos, foro, amplo directorio de artistas e profesionais do sector… E para non perderse nada nesta morea de información, existe a posibilidade de suscribirse á súa newsletter.

Unha das propostas que máis chaman a atención é o programa de mentoría musical. En que consiste? Algunhas das artistas máis relevantes do panorama axudarán a estas mozas a dar os primeiros pasos no mundo da música ata gravar a súa primeira canción e o teu primeiro videoclip profesional. Para participar é preciso ter entre 16 e 25 anos, inscribirse na web e cumprimentar un formulario, aquelas que cumpran os criterios necesarios, entrarán a formar parte desta iniciativa pioneira en España.