BIBOPALULA

Descobre a ximnasia acrobática no campamento de verán de Flic Flac

A ximnasia acrobática é unha disciplina recoñecida dentro da federación de ximnasia e, malia ser unha das modalidades máis chamativas é, á vez, das máis descoñecidas. Ten elementos que lembran ao circo, especialmente á hora de construír figuras onde uns se soben enriba doutros, e tamén combina a expresividade do baile, típica da ximnasia rítmica, coas acrobacias da ximnasia artística.

Esta disciplina é a especialidade do Club Flic Flac, fundado en 2003 e actualmente o maior club de Galicia, con máis de 400 nenos e nenas inscritos e cun amplo historial de ximnastas na selección estatal. Comezaron as súas actividades no pavillón do instituto do Coia, sen contar cun ximnasio propio inicialmente. Posteriormente, trasladáronse ao Berbés, para finalmente establecerse hai máis de dez anos na súa ubicación actual na ETEA.

O principal obxectivo do campamento é achegar e iniciar a todos os nenos e nenas que queiran ter unha experiencia ou un primeiro contacto coa ximnasia. Ademais, busca facilitar a conciliación para as familias durante o período estival. Trabállanse valores fundamentais como a persistencia e a colaboración, esencial para as figuras grupais e a práctica en xeral desta modalidade. Desde o club, observan un cambio nas capacidades motrices dos nenos e nenas actuais en comparación con anos anteriores. Por iso, poñen especial énfase en traballar e mellorar a axilidade, a coordinación e a flexibilidade.

A xornada no campamento está deseñada para ser dinámica e variada. Ao chegar, os nenos e nenas teñen un tempo libre onde poden saltar nas camas elásticas. Unha vez están todos, realízase unha pequena introdución teórica sobre a ximnasia acrobática, incluíndo a proxección de vídeos para que coñezan a disciplina, especialmente aqueles que veñen de fóra e nunca escoitaron falar dela.

Hai tamén unha parte dedicada a xogos populares, moi útiles nos primeiros días para que se coñezan entre eles. Posteriormente, pasan á parte acrobática propiamente dita. Esta inclúe un tempo de traballo individual para mellorar aspectos como a flexibilidade (aprendendo a facer espagates, pinos de cabeza, pontes ou volteretas no chan). A parte máis agardada e divertida para moitos é cando poden traballar en grupo, realizando figuras e pirámides a nivel de iniciación. Tamén fan uso dos diversos aparatos dispoñibles, incluíndo camas elásticas e estruturas inchables.

As merendas realízanse sempre ao aire libre, aproveitando as instalacións do club. Ademais, para variar as actividades, unha vez á semana os campistas baixan á praia e outro día á semana desfrutan dun inchable acuático.

1 SEMANA – 85€ 4 SEMANAS – 280€
2 SEMANAS – 160€ 5 SEMANAS – 325€
3 SEMANAS – 225€ 6 SEMANAS – 360€

Preme aquí para inscribirte

O club Flic Flac, fundado na nosa cidade en 2003, convida a rapazada a descubrir a ximnasia acrobática a través do acrosport e xogos ao aire libre e na praia con camas elásticas e inchables. Para participar non é precisa experiencia previa, xa que as actividades se adaptan ao nivel de cadaquén.

REVISTA XUNHO

Datas: Do 23 de xuño ao 29 de agosto
Horario: 9:00 h a 14:00 h
Idade: 5 a 14 anos
Prezo:
85,00 € unha semana, con descontos nas sucesivas semanas
Enderezo: Polideportivo da ETEA, avenida Marina Española, s/n