Deleite concede a Residencia Deleite Literario ao poeta Samuel Merino
Deleite concede a Samuel Merino 3.000 € e un período de residencia artística para desenvolver Sexagonal, un proxecto no que se combina o literario e o escénico.

A marca galega de leite DELEITE volve impulsar este mes de xuño unha nova estadía de creación literaria na coruñesa Residencia Literaria 1863. Tras a primeira edición da convocatoria, celebrada en 2025, na que resultou gañador o poeta Ismael Ramos (Mazaricos, 1994), a iniciativa consolídase como un apoio específico á creación contemporánea galega, ofrecendo un mes de residencia e un estipendio de tres mil euros para o desenvolvemento dun proxecto literario en andamento.
Nesta segunda edición, o xurado estivo formado pola escritora viguesa e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil Ledicia Costas, a poeta e música coruñesa Lucía Aldao e o narrador betanceiro Premio Nacional de Narrativa, Xesús Fraga. Despois de avaliar as candidaturas presentadas, o comité seleccionou o proxecto do creador Samuel Merino, unha das voces máis singulares da poesía galega contemporánea, que se trasladará á Residencia Literaria 1863 no mes de xuño.

Nado en Mos e licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, Merino desenvolve unha obra de forte compoñente reflexiva e escénica, que adoita tomar forma en recitais, dispositivos performativos e pezas híbridas entre a poesía e o teatro. Entre os seus libros publicados destacan Guantanamera. Poema nun só acto (2021), Claustro Corda Comensal (2023) ou Manual de camuflaxe (2025), obra coa que obtivo o Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey. En 2025 foi recoñecido tamén co Premio Nacional de Poesía Viva #LdeLírica.
O proxecto seleccionado, titulado Sexagonal, preséntase como un artefacto literario e escénico que explora os códigos de comunicación, os espazos de encontro e as dimensións performativas asociadas ás chamadas áreas de cruising. A proposta articúlase como unha investigación poética híbrida, concibida para transitar entre o texto, a oralidade e a posible posta en escena.



