De Ninghures, Arizona Baby, Nat Simons e Alana entre as actuacións musicais do Festival de Cans

O Festival de Cans, especializado en curtametraxes galegas, avanza as primeiras confirmacións do seu cartel musical.

De Ninghures | Arancha Brandón

A XXIII edición do Festival de Cans celebrarase entre o 19 e o 23 de maio. Como en anos anteriores, o festival centrado no cinema, inclúe unha programación musical que se desenvolverá en dous espazos principais: o Espazo Estrella Galicia da Leira do Río e o Torreiro. Os concertos principais serán de entrada gratuíta.

A programación arranca coa actuación de Laura LaMontagne o xoves 21 na Noite Lasal dos videoclips, marcando o seu regreso aos escenarios na que é unha das propostas máis orixinais da música galega actual.. O venres 22 de maio, o Espazo Estrella Galicia acollerá o “Chicas Fuertes Tour”, que xunta a Nat Simons e a Aurora Beltrán. Nat Simons presentará material do seu novo disco gravado en Nashville, mentres Aurora Beltrán ofrecerá un repertorio do seu percorrido musical. A xornada pecharase coa sesión de Delafé Dj Set. O mesmo venres, o Torreiro ten programado o concerto de Alana. O trío, formado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, mestura música tradicional, electrónica e pop. Previo ao concerto, presentarase unha selección de videoclips da banda.

O sábado 23, o Espazo Estrella Galicia da Leira do Río acollerá o concerto de De Ninghures, gañadores do Premio MIN 2026, cun repertorio que combina música de raíz galega con influencias de estilos globais, como folk, rock e sonoridades electrónicas. Tras eles actuará Arizona Baby, que presentará un repertorio acústico con influencias da música americana e do folk rock, mantendo a esencia do seu estilo característico. A xornada pecharase coa sesión de Señora DJ, que ofrecerá unha selección de temas festivos e electrónicos para rematar a noite cun ambiente de baile e Itrynottothink Dj, artista viguesa que combina música urbana de Portugal e Galicia.

O festival manterá o acceso gratuíto aos concertos principais e reforzará o plan de mobilidade en autobuses desde O Porriño para facilitar o acceso e limitar os vehículos na aldea.