Danza e música en directo para gozar da ponte do primeiro de maio en Vigo
Os espectáculos musicais convértense nos grandes protagonistas da fin de semana cunha programación que reúne concertos de Javi Chapela, Familia Caamagno, Portosanto e Ólöf Arnalds. Continúan tamén as celebracións polo Día Internacional da Danza, que se celebra o 29 de abril, co festival Vigo Porté e a proposta da Asociación de Profesionais das Artes do Movemento de Galicia (PAM). Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

PLAY-DOC – Durante toda a fin de semana en Tui – Varios prezos
A cidade de Tui acolle unha nova edición do Festival Internacional de Cine Documental, Play-Doc. Este evento chega á súa 22ª edición consolidado como un festival a escala humana, cunha programación de gran rigor cinéfilo e proxección internacional. Nesta edición destacan as retrospectivas dedicadas a Viola Stephan e Eduardo Coutinho, así como a sección Sombras centrada en Rafael Luca de Tena. O programa complétase coas competicións Galicia e Internacional, proxeccións especiais en espazos patrimoniais, cinema mudo con música en directo e actividades formativas e profesionais, convertendo o festival nun punto de encontro imprescindible para os amantes do cinema.
VIGO PORTÉ – Durante a fin de semana no Mar de Vigo – Varios prezos
Vigo reafirma o seu papel como epicentro do baile coa celebración da 14ª edición de Vigo Porté , un certame consolidado como un dos máis importantes de Europa que reúne a 25 centros de danza, 1000 bailaríns e 400 coreografías procedentes de España, Portugal e o Reino Unido, estruturado arredor do Trofeo de Baile, o Espazo Mostra e as Masterclasses, e que este ano incorpora como novidade un obradoiro de K-Pop da man de Tami Tamako, ademais de estreitar lazos co mundo dos festivais ao levar unha das coreografías ao escenario de PortAmérica 2026, nun evento que tamén destaca polo prestixioso xurado internacional e polas súas bolsas e premios orientados á profesionalización da danza.
A Asociación de Profesionais das Artes do Movemento de Galicia celebra o Día da Danza en Vigo cun evento aberto e participativo que convida a todas as persoas amantes do movemento a vivir unha xornada de reivindicación, encontro e celebración a través do baile, comezando coa creación de pancartas en Caixa de Ritmos, seguindo cunha marcha colectiva bailada desde o Paseo de Alfonso ata a Praza do Pobo Galego, e culminando cunha Rave Invertida con música de Nu.Eva e intervencións artísticas en directo. A xornada remata cun bingo temático dinamizado por Daniel Lezo no que se outorgarán premios relacionados coa danza.

‘DIVA DEL BARRIO’ DE ISABEL REY – Venres ás 20:30 h no Teatro Afundación – Desde 13,80 €
‘Diva de Barrio’ é un espectáculo que combina humor e nostalxia para facer un percorrido divertido polas vivencias de Isabel, quen reflexiona con ironía sobre a contradición entre a felicidade que se amosa nas redes sociais e a realidade emocional do día a día. Cun estilo irreverente e cheo de referencias aos anos 2000, o show lévanos a unha época na que as primeiras redes comezaban a emerxer e a conexión real sucedía fóra das pantallas. Espontánea e sen filtros, Isabel comparte anécdotas vitais contadas con detalle e moito humor. O espectáculo culmina cun final musical que pecha a experiencia deixando ao público con ganas de máis.
CONCERTO DE JAVI CHAPELA – Venres ás 21:00 h na Sala Supersonic – Desde 10,50 €
Javi Chapela é un mozo compositor galego que comezou a súa carreira no 2020 e destaca polo seu son indie pop-rock, cunha identidade propia e unha voz que transmite madurez a pesar da súa xuventude. Este concerto forma parte do circuíto Girando Por Salas (GPS), unha iniciativa que impulsa artistas emerxentes levando os seus concertos a salas de todo o Estado. Un dos temas máis recoñecidos do artista, ‘Sin Tiempo Para Bailar’, xunto a Íñigo Quintero, supera xa os 24 millóns de reproducións, consolidándoo como unha das voces novas con maior proxección da escena actual.

CONCERTO DE FAMILIA CAAMAGNO – Venres ás 21:30 h na Fabrica de Chocolate – Desde 12,60 €
Familia Caamagno é unha banda xa consolidada no panorama musical galego que celebra quince anos de traxectoria cun novo traballo, ‘Disco Comarcal’, producido por Raúl Pérez no estudio La Mina. Neste disco, o grupo de Sigüeiro amosa a súa solidez compositiva e versatilidade estilística, cun son que mestura rock e power pop, guitarras afiadas e melodías luminosas, sen perder o seu característico sentido retranqueiro e incisivo nas letras. Ademais, o álbum abre novas vías sonoras achegándose ao R&B e mesmo á música disco, reafirmando a súa capacidade para transformar cada directo nunha celebración colectiva chea de enerxía e conexión co público.
‘NO CRUCES LOS BRAZOS’ DE DAVID CEPO – Sábado ás 19:00 h no Teatro Afundación – Desde 22,00 €
O humorista madrileño David Cepo combina o seu traballo en directo coa súa presenza habitual en Las Noches del Club de la Comedia e co seu éxito nas redes sociais, onde se fixo viral pola súa espontaneidade e proximidade. O seu espectáculo é unha proposta de comedia en vivo na que o público deixa de ser espectador pasivo para converterse nunha parte activa da función, nun formato baseado na interacción, a improvisación e o humor directo, co obxectivo principal de facer rir e conectar coas persoas asistentes desde a complicidade e a cercanía.
PROXECCIÓN CON MÚSICA EN DIRECTO: ‘FARO’ – Sábado ás 20:00 h na Galería RioLagares – Desde 6,00 €
Faro é unha proposta de suspense en formato de curtametraxe de trinta minutos que aposta por unha experiencia cinematográfica diferente, xa que está pensada para ser proxectada unicamente con banda sonora interpretada ao vivo. A obra, dirixida por Paulo Pascual, destaca pola súa sinxeleza narrativa e pola forza do seu traballo sonoro, no que se combinan contrabaixo, sintetizadores e theremin, creando unha atmosfera inmersiva e cambiante en cada pase. A historia segue a dous compañeiros de traballo cuxa rutina se ve alterada por unha sensación inesperada que os leva a cuestionar a súa contorna e a súa propia realidade, nunha experiencia que se proxectará no Río Lagares coa participación en directo de Pablo Muñiz e do propio Pascual na banda sonora.

CONCERTO DE PORTOSANTO – Sábado ás 21:30 h na Fabrica de Chocolate – Desde 13,00 €
Portosanto, proxecto no que participa Nuno Pico, tamén coñecido polo seu traballo en Grande Amore, presenta o seu primeiro LP, ‘Ten que haber un sitio para nós’, unha nova etapa tras a súa anterior vida como Oh! Ayatollah. O disco, composto por dez cancións, constrúe un pop rock de guitarras luminosas e enerxía contida, onde a banda explora temas como a procura dun lugar propio, a memoria e o paso do tempo, cunha proposta honesta, directa e emocional. Gravado baixo a produción de Jacobo Naya, o álbum aposta pola sinxeleza e pola identidade de grupo, deixando espazo ás cancións para respirar e medrar. O resultado é unha obra que combina intensidade melódica e reflexión xeracional, consolidando a Portosanto como unha banda cun discurso propio dentro da escena actual.
CONCERTO DE ÓLÖF ARNALDS – Domingo a 13:00 h na Fundación Sales – Desde 15,00 €
Ólöf Arnalds é unha cantante e compositora islandesa recoñecida pola súa capacidade para combinar a tradición oral do seu país cunha estética musical contemporánea, íntima e delicada, na que a súa voz e os arranxos minimalistas crean paisaxes sonoras de gran carga emocional; tras unha década de silencio discográfico, regresa co álbum Spíra, un traballo envolvente e moi agardado no que continúa explorando a fronteira entre o íntimo e o experimental. A súa presentación en Vigo formarase parte do Sinsal Primavera, unha cita que aposta por propostas musicais singulares e pola experimentación, consolidándose como un espazo de descubrimento onde artistas como Arnalds ofrecen concertos pensados como experiencias sensoriais e próximas ao público.



