Dani Martín, novo cabeza de cartel de PortAmérica
PortAmérica incorpora a Dani Martín ao seu cartel e anuncia que xa leva vendidos o 70% dos abonos, que subirán de prezo o 17 de decembro. O festival tamén avanza os primeiros nomes do ShowRocking 2026, comisariado por Pepe Solla.

A XIV edición do Festival PortAmérica continúa a tomar forma cun anuncio de primeira liña: Dani Martín únese ao cartel e visitará a Azucreira de Portas (en Caldas de Reis) dentro da súa Gira 25 Aniversario 25 P*t*s Años. O cantante madrileño, que marcou a unha xeración con El Canto del Loco , vive un momento doce: acaba de pechar dez concertos consecutivos en Madrid con todas as entradas esgotadas, reunindo a preto de 170.000 asistentes. Un éxito que confirma o seu enorme tirón entre público de diferentes idades.
A incorporación de Dani Martín súmase ás recentes confirmacións de Hombres G, auténticos iconos do pop-rock español, ademais de Rigoberta Bandini, M-Clan, Sanguijuelas del Guadiana, Sexy Zebras, Marina Reche, Niña Polaca, Nortec: Bostich + Fussible (Full Band), Grande Amore, Eladio y Los Seres Queridos, The Rapants, Hey Kid e Alejo. Un adianto de luxo que promete unha edición memorable.
PortAmérica non só é música e a súa proposta gastronómica é un dos seus sinais de identidade. O ShowRocking, comisariado polo chef Pepe Solla (Casa Solla, Poio), avanza os primeiros nomes da edición 2026, reunindo unha auténtica constelación culinaria como Paco Roncero (Madrid), Maca de Castro (Alcúdia), Iria Espinosa & Luis Veira (Árbore da Veira, A Coruña), Camila Ferraro (Sobretablas, Sevilla) e Lucía Grávalos (Desborre, Madrid)
O interese pola cita reflíctese tamén na resposta do público: xa está vendido o 70% dos abonos, e os 10.000 primeiros da fase anticipada esgotáronse incluso antes das primeiras confirmacións. Actualmente o abono custa 75€, pero o 17 de decembro subirá a 90€. As entradas están dispoñibles en portamerica.es . Para facilitar o acceso ao recinto, o Festival PortAmérica volve activar as súas liñas de autobús oficiais, operativas durante os tres días do evento. Haberá servizos de ida e volta desde A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Cambados – Vilagarcía e Vigo.



