Dani Martín, novo cabeza de cartel do Son do Camiño

O madrileño únese aos outros dous cabezas de cartel xa anunciados polo festival galego: Katy Perry e Linkin Park. Os abonos están á venda por 147,00 € na web do festival.

Dani Martín en Castrelos en 2022 | Foto: Pablo Vázquez

O Son Do Camiño anuncia o seu terceiro gran cabeza de cartel para a edición 2026: Dani Martín, un dos artistas españois máis influentes e populares das últimas dúas décadas cunha traxectoria que marcou a varias xeracións, primeiro á fronte de El Canto del Loco e posteriormente na súa exitosa carreira en solitario. O madrileño vén de facer dez concertos consecutivos con todas as entradas esgotadas no emblemático Palacio de los Deportes de Madrid, reunindo preto de 170.000 asistentes entre todas as datas. Un fito histórico que confirma o bo momento artístico que vive.

REVISTA NADAL

Dani Martín únese aos dous cabezas de cartel xa desvelados: Katy Perry, icona global do pop cunha carreira ateigada de números un e actuacións memorábeis nos escenarios máis importantes do planeta; e Linkin Park, unha das bandas máis influentes da historia do rock contemporáneo, cuxo regreso aos grandes festivais xerou unha enorme expectación mundial. A forza combinada destes dous primeiros nomes xa impulsara novas cifras de récord: máis de 30.000 abonos vendidos en só 90 minutos. Desde o seu debut en 2018, o festival esgotou todas as edicións, atraendo miles de asistentes dos cinco continentes e consolidando Galicia como unha parada imprescindíbel no circuíto global de festivais.