Dani Fernández pon o broche de ouro ao cartel do Galicia Fest

Esta mañá anunciouse un novo nome para o cartel do Galicia Fest. Dani Fernández é o último en unirse a unha lista de referentes do indie-pop español, entre os que destacan nomes como Mikel Izal ou Leire Martínez. O festival celébrase o 29 e o 30 de agosto no Peirao de Transatlánticos de Vigo.

Dani Fernández en Castrelos | Lara Alonso

O Peirao de Vigo foi tamén o escenario no que se anunciou oficialmente a participación de Fernández neste novo festival da cidade olívica. A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana e Antonio Casal, director do Galicia Fest reuníanse hoxe para pechar finalmente a programación musical do evento.

Dani Fernández é un dos máximos expoñentes do pop rock do panorama actual no noso país, con preto de medio millón de seguidores no seu perfil de Instagram e máis de 2 millóns de oíntes mensuais en Spotify. Conta cunha comunidade fiel de seguidores, acadada grazas á súa proximidade co público e o seu potente directo. Trátase dun artista que emprega as súas cancións como un instrumento para superar os prexuízos e unir ás persoas. O seu terceiro disco La Jauría consolida a súa carreira, que conta xa coa categoría de disco de ouro. Este último traballo entrou directamente no n.1 do chart de álbumes e vinilos, superando os 117 millóns de reproducións. Ademais, conseguiu dous discos de platino cos seus singles Todo cambia e Me has invitado a bailar. Máis aló das cifras, o éxito do cantante constátase na cantidade de xente que move: unha xira con todos os concertos sold out e un total de 70.000 entradas vendidas.

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra subliña a importancia da incorporaión deste novo cabeza de cartel para darlle un impulso definitivo á proposta, cuxo obxectivo principal é a creación dun festival de relevancia nacional na cidade máis grande de Galicia. Antonio Casal, pola súa parte, sinala que as entradas están a piques de esgotarse, agardando que a confirmación de Dani sexa o último pulo para conseguir o sold out.

A programación completa do festival é a seguinte:

  • Venres 29 de agosto: Dani Fernández; Mikel Izal; Dorian; La Habitación Roja; Samuraï; Sexi Zebras e Éxtasis.
  • Sábado 30 de agosto: Beret, co seu único concerto en Galicia este ano; Leire Martínez, presentando o seu disco en solitario, ademais de interpretar grandes éxitos de La Oreja de Van Gogh; Fredi Leis, aportando representación galega ao cartel; Hey Kid; Maldita Nerea; Marlon; Noan e Paula Koops.

Xa van polo último tramo das entradas do venres, que pasan de 35,00 € a 40,00 € (+ gastos de xestión). O abono abono xeral mantense en 50,00 € (+ gastos de xestión). Podes adquirilas a continuación:

ENTRADAS