Damos unha volta no bus turístico de Vigo
Subímonos ao bus turístico para ver que lles ensinan e que lles contan da nosa cidade aos turistas. Foi unha agradable e soleada ruta de case dúas horas que percorreu lugares tan emblemáticos da cidade como a Porta do Sol, o Castro, o pazo Quiñones de León ou Samil.
Cando pasa o autobús turístico polas rúas de Vigo, moita xente mírao con estrañeza, pensando algo así como “é tan interesante a nosa cidade como para facer un tour guiado por ela?”. Eu a verdade tamén o pensei nalgún momento, polo que decidín subir a un deles e ver por onde levan e que lles contan aos nosos visitantes foráneos.
Subinme ao bus na parada do centro comercial A Laxe, onde tamén remataría o traxecto case dúas horas despois. Eran as 18:30 e o día estaba soleado, e na parte de arriba do vehículo sopraba unha brisa do máis agradable. Ao comezar o paseo, polos aurículares chegaba unha voz que nos explicaba, no idioma que preferísemos, algo de información histórica, demográfica e xeográfica da cidade.
A primeira parte da ruta discorreu polas rúas de Rosalía de Castro, García Barbón e Policarpo Sanz, onde se nos falaba da importancia destas persoas e tamén da importancia e da beleza dalgunhas das edificacións que se atopaban nestas rúas, como poden ser a Igrexa de Santiago de Vigo, a casa Bárcena, o edificio Sanchón e outras construccións dos arquitectos Jenaro de la Fuente e Pacewicz. Tras cruzar a Porta do Sol, con mención especial ao Sereo, pasamos polo paseo de Alfonso XII e a súa oliveira, pola panificadora, polo Concello e subimos cara o cumio do Castro. Primeira parada de 10 minutos na que os viaxeiros puideron gozar, aínda que moi brevemente, das fermosas vistas desde o miradoiro.
Á baixada, con volta á rotonda incluida, observamos o esplendor da escultura dos cabalos de praza España, obra de Juan José Oliveira, antes de tomar a Gran Vía. Nela se nos falou do monte Alba e da ruta de 40 quilómetros que percorría todos os montes da cidade. Xa na praza América, o audio guía comentaba que os afeccionados do Celta viñan aquí a celebrar “as victorias do equipo”. Digo eu que será só algunhas, tan conformistas non seremos. Non faltaron as mencións ao instituto Santa Irene, ao museo Liste, á ruta do Lagares, á senda da auga e a Castrelos, tanto na súa vertente de parque urbán como de auditorio de grandes concertos como os de “Oasis, Metallica e Mike Oldfield”.
Tras percorrer a avenida do alcalde Portanet, non faltou algo de historia industrial con Citroën como protagonista e historia deportiva do Celta ao pasar por Balaídos. Antes de chegar a Samil tamén puidemos coñecer a través da audio guía algo da orixe de barrios tan distintos como Coia ou Navia, ademais de desmentir mitos sobre o mal clima de Vigo, indicando que ten un dos mellores veráns da península e que non chove tanto como se di.
Unha vez en Samil, o bus non fixo a súa parada no Verbum ao tratarse esta da última liña da xornada, polo que continuamos viaxe pola fermosa avenida. De fondo, información sobre todos os areais de Vigo, sobre Samil e sobre as illas Cíes. E antes de chegar novamente a A Laxe, pasamos polo Museo do Mar, o hotel-pazo Los Escudos, Bouzas, a rúa dos asteleiros, o auditorio Mar de Vigo, o porto e o barrio do Berbés. Non faltou un inciso sobre a arte urbán plasmada nas medianeiras da cidade no seu paso por Beiramar.
Así foi, en resumo, a miña experiencia no bus turístico da cidade, que fai esta ruta todos os días ás 11.00 e ás 16:30, puidendo subir e baixar en calquera das paradas anteriormente mencionadas. Se ben é certo que se bota en falta máis información sobre algúns aspectos da cidade como poden ser o gastronómico e o cultural (saes de Vigo sen saber quen son Siniestro Total ou Carlos Núñez), e que algúns silencios do audio guía eran demasiado longos. Con todo, foi unha experencia gratificante na que podes aprender bastante da cidade en pouco tempo.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024