Mercedes Peón, Ana Morgade, feira de abril e festa da cereixa esta fin de semana en Vigo e arredores

A esencia da Feira de Abril tomará Galicia esta fin de semana cunha celebración que traslada o espírito das casetas, a música e o ambiente andaluz ata a praza do Berbés. Xunto a ela, a Festa da Cereixa reivindicará un dos produtos estrela da tempada entre gastronomía, mercado e actividades para todos os públicos, mentres que o Verbena Market combinará cultura, creatividade e ocio nunha cita cada vez máis consolidada. Son só tres das propostas que compoñen unha axenda cargada de festas, concertos, humor e tradición para aproveitar ao máximo os días de descanso. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

FEIRA DE ABRIL – De xoves a domingo na Praza do Berbés – De balde

CASTELAO

Coa chegada dos días longos e das temperaturas agradables, Vigo volve mirar cara ao sur coa celebración da Feira de Abril, enchendo o corazón de Vigo de música, baile e gastronomía andaluza. Durante toda a fin de semana, a caseta da Casa de Andalucía converterase nun punto de encontro para desfrutar de sevillanas, rumbas, espectáculos flamencos e concertos en directo, ademais de propostas para todos os públicos. Entre os momentos máis destacados figuran as actuacións de Alma Flamenca, o Coro Rociero da Casa de Andalucía, a exhibición do alumnado da entidade e unha clase gratuíta de iniciación ás sevillanas para quen queira dar os seus primeiros pasos neste baile tradicional. Unha oportunidade perfecta para vivir un anaco da esencia do sur sen saír das Rías Baixas.

FESTIVAL AZUL – De xoves a domingo no Porto – Varios prezos

Co obxectivo de achegar o mar á cidadanía, o Festival Azul propón experiencias náuticas, turísticas, deportivas e culturais, unha iniciativa impulsada polo Clúster Náutico Rías Baixas. Durante catro días, o público pode participar en actividades para todos os gustos, desde bautismos de vela, surf, paddle surf ou dragon boat ata propostas máis relaxadas e divulgativas como visitas ao Hidria Segundo, o Observatorio Nautilus, obradoiros de identificación de algas ou cruceiros pola ría.

FESTA DA ALEGRÍA – Do venres 12 ao sábado 20 no Calvario – De balde

O Calvario dá o pistoletazo de saída á Festa da Alegría, unha edición moi especial coa que a Asociación de Veciños celebra o seu 50 aniversario. Esta fin de semana, a programación arrinca por todo o alto cunha emotiva homenaxe a persoas que foron piares fundamentais para o barrio, e, tras poñer os sentimentos a flor de pel, o showman Tony Lomba será o encargado de arrincar as risas do público. O sábado tamén haberá actuacións do Ateneo Musical de Bembrive e de Mari Costa, ademais do concerto de Los Cinco del Titanic como gran cita musical da xornada. Ademais da música en directo, o barrio volverá encherse de ambiente festivo e actividades para todos os públicos.A festa continuará ata o próximo sábado cunha semana chea de concertos, exhibicións e sesións vermú que culminarán cun gran guateque inspirado nos anos 70 e 80 na terraza do Vialia.

FESTA RAXADA – De venres a domingo no campo de fútbol da Comunidade de Montes de Couso – De balde

A fin de semana achega a Couso a súa primeira Festa Raxada, cunha proposta que vai moito máis alá da música. Impulsado por A Casa das Redes e a Comunidade de Montes de Couso, este festival autoxestionado nace coa intención de reivindicar outras formas de facer cultura desde o territorio e os espazos comunitarios. Durante tres días, o público poderá desfrutar de concertos, espectáculos, actividades para crianzas e un mercado artesán con máis de 40 postos, onde atopar tesouros únicos e propostas ben diferentes. E se, por variar, che apetece abandonar o teu teito durante algo máis de tempo, tamén haberá zona de acampada e espazos de baño nun entorno natural privilexiado. No apartado musical destacan nomes como Mercedes Peón, Brassica Rapa, Netta Ruffina ou Sun Iou, nunha cita que combina cultura, comunidade e natureza para crear unha experiencia afastada dos festivais convencionais.

VERBENA DA POMBA – Venres de 19:00 a 23:00 no Canellón da Pomba – De balde

O Solar da Pomba, que durante anos pasou de ser un espazo abandonado a converterse nun símbolo de encontro e convivencia grazas ao impulso da veciñanza, celebrará esta fin de semana a súa última gran festa. A finais de mes comezarán as obras para a construción dun edificio no seu lugar, polo que a Verbena da Pomba servirá tamén como unha emotiva despedida deste singular recuncho urbano. A xornada estará amenizada pola música de Sabor Latino, Orysel Gaspar e Pedro Román, e contará con actividades para todas as idades, desde pintacaras ata a iniciativa Adopta unha planta do Solar. Tampouco faltarán a intervención artística de Ignacio Pérez-Jofre e Alberto Ardid, unha merenda comunitaria, o pregón da rapazada do barrio e a tradicional Rifa da Pomba, nunha celebración que promete mesturar festa, memoria e reivindicación veciñal.

NADIE GONZÁLEZ – Venres ás 20:30 h no C.C. Vialia – De balde

A programación cultural de Vialia Vigo recibe esta fin de semana a Nadie González, a rapeira de Candeán é unha das novas voces emerxentes do panorama musical galego. Influenciada pola poesía de Xela Arias, Rosalía, Alejandra Pizarnik, Alfonsina Storni ou Idea Vilariño, as súas líricas abordan temas como a ruralidade, a dor, a saúde mental, o feminismo ou o sentimiento de comunidade.

LOS MONÓLOGOS DE LA TREUS – Venres ás 22:00 h no Island Club – Desde 15,00 €

Los Monólogos de La Treus baixan o pano da tempada cunha convidada de luxo: Ana Morgade. A humorista, actriz e presentadora chega a Vigo para protagonizar unha noite de comedia marcada polo seu estilo irreverente, a rapidez das súas réplicas e a capacidade para conectar co público. Cun espectáculo pensado para adultos e cargado de ritmo, observacións afiadas e interacción, a cita promete ser unha boa oportunidade para despedir a semana entre gargalladas e comprobar por que Morgade segue sendo unha das voces máis recoñecibles do humor estatal.

VERBENA MARKET – Sábado ás 12:00 no Casco Vello – De balde

O Casco Vello Alto de Vigo, na rúa San Sebastián, acolle a xa quinta edición do exitoso Verbena Market, unha cita que aposta pola artesanía, a creatividade e a cultura ao aire libre. Durante toda a xornada, o espazo converterase nun pequeno mercado urbano no que descubrir creacións artesanais, gozar de propostas gastronómicas e deixarse levar por música en directo e actividades para todos os públicos. A programación arrinca ao mediodía co espectáculo de Duende Circo, segue coa sesión vermú de Paul Clarke, continúa cun obradoiro de punch needle da man da Asociación Évame Oroza e remata co tardeo a cargo de CaMiNo DJ, nun plan perfecto para quen queira pasar o día entre deseño, música e bo ambiente no corazón histórico da cidade.

GOZO FEST

FESTA E FEIRA DA CEREIXA DE BEADE – Sábado e domingo no Centro Cultural de Beade – De balde

A parroquia de Beade celebra unha nova edición da súa tradicional Festa e Feira da Cereixa, unha cita que pon en valor un dos froitos máis esperados da tempada con degustacións, concursos e unha completa programación cultural e festiva ao aire libre. Ao longo da fin de semana, o público poderá probar as primeiras cereixas do ano en catas gratuítas e participar en certames de calidade, repostaría e mesmo no xa clásico concurso de lanzamento de carabuña. A música tamén terá un papel protagonista, con actuacións de grupos como Los Lunes al Sol, a Orquesta Kv2211 ou Batea, ademais de charangas, folclore e propostas infantís como cucañas e obradoiros. Unha festa que mestura tradición, produto local e ambiente veciñal nunha das citas máis saborosas do calendario vigués.

CRYPTA + BLOODHUNTER – Domingo ás 20:30 h na Sala Rebullón – Desde 20,00 €

A sala de Mos prepárase para unha noite de puro metal extremo coa chegada de Crypta, unha das bandas máis potentes da escena internacional actual. O grupo brasileiro, liderado por Fernanda Lira, aterra en Vigo dentro da súa xira mundial para presentar os temas de Shades of Sorrow, avalado por escenarios de referencia como Wacken Open Air, Rock in Rio ou Bloodstock. Un directo que promete intensidade, velocidade e unha descarga continua de death metal contemporáneo. A velada completarase coa presenza de Bloodhunter, unha das grandes referencias do metal extremo galego, que sumará aínda máis contundencia cun show cargado de riffs agresivos e enerxía desbordante. Unha cita imprescindible para quen busque unha noite sen concesións e ao volume máis alto.