Curtametraxes, feridas de látex e David Bowie na sexta edición do Pequefreak
A canteira freak do Galician Freaky Film Festival, o festival Pequefreak, volve á carga do 19 ao 20 de setembro na Plaza Elíptica. A cita quere encandilar ao público infantil con 24 curtametraxes de 21 países, dous obradoiros de efectos especiais e a proxección de Dentro del laberinto polo seu 40 aniversario.

O Galician Freaky Film Festival volve reservar un espazo para os pequenos da casa coa sexta edición do Pequefreak, que se celebrará os días 19 e 20 de setembro na Plaza Elíptica, nas sedes de Apo’strophe.arte e Cines Tamberlick.
A Sección Oficial reunirá 24 curtametraxes procedentes de 21 países, seleccionadas para provocar risas, sorpresa e algún que outro arrepío. As películas estarán divididas en dúas categorías: Todos os Pequefreaks, para todas as idades, e Pequefreaks +7, para maiores de sete anos.

Fóra da sala de cine regresa un dos clásicos do certame: o obradoiro de efectos especiais impartido por Ricardo Spencer, que despois de encher prazas en todas as edicións, contará con dúas convocatorias: o sábado 19 e o domingo 20 pola mañá. Os participantes, que deben ser maiores de 7 anos, aprenderán técnicas profesionais para crear feridas, trucaxes con látex e sangue, que poderán aplicar tanto ás súas futuras producións audiovisuais como ás caracterizacións de Samaín e Entroido.
O programa completarase coa proxección de Dentro del laberinto, a película de Jim Henson que este ano celebra o seu 40 aniversario. O filme, protagonizado por David Bowie e Jennifer Connelly e con guión de Terry Jones, de Monty Python, fará aos adultos reencontrarse cun dos grandes clásicos do cinema fantástico e descubrir o universo do Rei dos Goblins ás novas xeracións.

Como na sección para adultos, o Pequefreak tamén ten os seus premios: O Premio Olimpo dos Pequefreaks e o Gran Premio Pequefreak. O primeiro distingue a mellor curtametraxe segundo o voto do público máis novo. Durante as sesións, os Pequefreaks poderán facer valer a súa opinión a golpe de aplauso, recollidos a través do aplausómetro do festival. Canto máis se aplauda, máis puntos para a curtametraxe.
Para decidir o Gran Premio Pequefreak, o festival está na procura dos integrantes do Honorable Xurado Pequefreak 2026: tres nenos ou nenas de entre 9 e 11 anos que poderán ver as 24 curtametraxes con antelación e votar as súas favoritas. A convocatoria está aberta a través do formulario na web do festival ata o 23 de agosto.
As entradas están dispoñibles para cada unha das sesións na web do Galician Freaky Film Festival. Quen queira vivir o Pequefreak ao completo poderá optar polo abono VIPF (Very Important Pequefreak), que dará acceso aos catro bloques de curtametraxes da Sección Oficial e á proxección de Dentro do labirinto; ademais de poder lucir unha chapa exclusiva.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- O GFFF inaugura unha exposición que repasa a historia do cine fantástico - 3 Setembro, 2026
- Arteficial celebra dúas décadas de cultura alternativa en Ribadavia - 2 Setembro, 2026
- Curtametraxes, feridas de látex e David Bowie na sexta edición do Pequefreak - 20 Agosto, 2026
- Río Verbena, as Festas do Cristo e o Entroido de Verán esta fin de semana nos arredores de Vigo - 20 Agosto, 2026
- O jazz soa na contorna de Vigo este agosto - 7 Agosto, 2026



