Cristina Olea: «Trump reclama todo o tempo a atención dos medios e, á vez, ódianos»
A xornalista Cristina Olea (Vigo, 1982) chegou á correspondencia de RTVE nos Estados Unidos en 2018, dous anos despois de que Donald Trump accedese por vez primeira á Casa Branca e dous anos antes da crise mundial da covid. Logo de seis anos vivindo e traballando neste país, lanzouse a publicar o seu primeiro libro, La gran fractura americana (Esfera de los libros, 2024), unha crónica de longa duración na que dá voz aos distintos sentires de América.

Lin que te colleu por sorpresa a oferta de Televisión Española para que cubrises a correspondencia en Washington. Custouche tomar a decisión de aceptala?
A verdade é que non me custou. É certo que, aínda que levaba xa bastantes anos en Televisión Española na área de Internacional, me colleu por sorpresa porque estaba aquí, en Galicia, de excedencia por maternidade. Cando chamaron os meus xefes e me preguntaron se quería ir a Washington, o primeiro que pensei foi: non será isto demasiado para min? O segundo que pensei foi: non será demasiado civilizado? No gremio dicimos que hai xornalistas de barro e de moqueta, e aínda que eu piso moita moqueta, o que me gusta de verdade é o barro. Nese momento pensei que en Washington estaría co traxe posto todo o día, pero equivocábame. Ao chegar alá decateime de que sabía do país moito menos do que pensaba. É un país inmenso, cheo de historias que non se acaban nunca, non podes rematar de contalo. Ademais, cheguei nunha etapa moi convulsa e turbulenta, na metade do primeiro mandato de Donald Trump, cando moita xente aínda se preguntaba por que ese señor chegara á Casa Branca.
Cal era a túa relación cos Estados Unidos antes de chegares?
Xa estivera alí porque cubrín as eleccións na segunda vitoria de Barack Obama, enviáranme como reforzo dos correspondentes daquel momento. Ao estar na área de Internacional xa me tocara algún tema estadounidense, pero non era a miña especialidade.
E ao chegares alí, que foi o que máis te sorprendeu?
Creo que tendemos a pensar que Os Estados Unidos é un país bastante parecido a Europa porque é occidental. Ademais, é un lugar que coñecemos a través da música, da televisión, das películas, e sobre o que estamos a ler información constantemente. Malia todo, hai moitísimas diferenzas, e unha delas é a falta de rede social. Aquí, en Europa, temos un estado de benestar que non existe nos Estados Unidos. Alí, cando alguén enferma de cancro, o primeiro que pensa é que non ten diñeiro para pagar o tratamento e que pode quedar na ruína. O primeiro que fai unha persoa que padece unha enfermidade grave é abrir unha páxina de GoFundMe e pedir solidariedade á súa veciñanza, amizades e familia para poder pagar a quimioterapia, por exemplo.
«As persoas que non o votaron nas últimas eleccións están noqueadas»
Debe ser moi complicado resumir o que acontece nun país tan grande en crónicas dun minuto. Como seleccionas que contar?
É, especialmente agora con Donald Trump, que é un presidente que nos abafa con titulares diarios e xiros de guión; inúndanos cada día cun montón de noticias diferentes. Eu pregúntome todos os días se o estou contando ben. Dedicamos tanto tempo a transmitir o que el di que empregamos pouco tempo a contar as consecuencias do que fai, a saír á rúa para ver os efectos das súas políticas na xente.
Quizais esa é a estratexia: tervos entretidos para que non indaguedes máis.
É un presidente que triunfa no caos. Abáfanos con titulares, co efecto de que todo se dilúe un pouco e un escándalo novo xa non chama tanto a atención.
Que importancia ten o que pasa nos Estados Unidos para España?
Neste momento Os Estados Unidos están en plena crise de identidade. É un país que se pregunta que rumbo quere seguir. Esa crise de identidade arrastra tamén o resto do mundo. Ademais, Donald Trump está dándolle un xiro a practicamente todo, incluída a política exterior. Estamos vendo como non ten moita simpatía pola OTAN nin pola Unión Europea.

Por que cres que é importante achegar esta información á cidadanía española?
Creo que é moi importante achegar información sobre o que ocorre en todo o mundo, non só nos Estados Unidos. Pero o autoritarismo de Donald Trump e a súa forma de facer política estanse exportando a outros países. Penso que temos que coñecer o que está acontecendo para saber cales poden ser as consecuencias deste modo de gobernar un país.
O teu libro titúlase La gran fractura americana. Cal é esa fractura?
A polarización política. Agora mesmo, as familias que se xuntan para cear por Acción de Grazas evitan falar de política. Hai familias, amizades e veciñanzas que deixan de falarse porque un vota aos demócratas e o outro vota a Donald Trump. Senten que as súas diferenzas son irreconciliables.
Cres que esa polarización podería acabar coa democracia estadounidense?
Os Estados Unidos presumen de ser a democracia máis antiga do mundo, pero co asalto ao Capitolio vimos como cambaleaba esa democracia diante dos nosos ollos. É verdade que o sistema prevaleceu, non conseguiron parar o resultado electoral. Agora que Donald Trump volveu á Casa Branca, xa nos demostrou que está disposto a tensar as costuras do sistema, a poñer a proba os límites do seu poder. Unha das grandes preguntas agora mesmo é ata onde pode aguantar a democracia.

Se gañase Kamala Harris, cal pensas que sería o panorama?
Esa era a gran pregunta que nos faciamos as e os xornalistas en Washington antes das eleccións. Todos nos preguntabamos que pasaría se perdía Donald Trump, se habería tensión, violencia, outro asalto ao Capitolio… A sensación era de incerteza, de que calquera cousa podía pasar.
Cada episodio do teu libro é a historia dunha persoa que coñeciches ao longo destes anos. Como fixeches a selección?
Iso foi o difícil, Os Estados Unidos non caben nun só libro. Pero había algúns temas dos que quería falar, como a ferida racial, a fronteira, a inmigración, a polarización política, as drogas ou as armas. Escollín aquelas persoas que me axudaron a contar mellor o país. Algunhas delas levareinas no corazón para sempre, porque compartín con elas momentos cruciais na súa vida. Como Enrique Unagó, de 75 anos, co que me atopei cando acababa de pisar Os Estados Unidos despois de escapar de Honduras nunha viaxe dun mes a pé para intentar poñer a salvo a súa familia logo de que as maras degolasen un dos seus fillos. El pensaba que tras un mes camiñando por fin estaban a salvo, pero en menos de 24 horas deportárono. No libro tamén aparecen outros tipos de persoas coas que custa moito máis empatizar, pero coas que hai que falar si ou si se queres entender o país. Por exemplo Tim, un cidadán que perdeu o seu traballo na construción despois da crise financeira e que colleu un fusil, unha R-15 e varias pistolas e marchou á fronteira para intentar deter os migrantes que cruzan sen papeis porque dicía que lles quitaban o traballo aos estadounidenses.
Desde aquí custa entender que nun país que foi levantado por inmigrantes haxa tanta xente que compre ese discurso.
O discurso migratorio endureceuse moitísimo nos últimos anos. No primeiro mandato de Donald Trump, cando empezou a separar familias na fronteira, a nenos pequenos dos seus pais, a indignación social foi tal que tivo que dar marcha atrás. Agora, oito anos despois, a Casa Branca está separando familias que levan anos ou décadas vivindo nos Estados Unidos pero que non teñen regularizados os seus papeis. Está facendo redadas nos sitios onde traballan os migrantes sen papeis e está deportando persoas a países en guerra, como Sudán do Sur, ou a megacárceres en terceiros países, como O Salvador, e ninguén está freando isto. Durante o seu primeiro mandato, a foto dunha nena de dous anos chorando porque a Administración Trump acababa de separala dos seus pais na fronteira foi portada en todos os periódicos do mundo. Esa imaxe humillaba o Goberno republicano. Hoxe en día, son eles mesmos os que están publicando imaxes de migrantes vexados, humillados, axeonllados, co pelo rapado e amoreados en cárceres. Ese xeito de instigar as emocións máis baixas da cidadanía e de incitar ao odio contra as persoas migrantes a min alármame moito.
«Coa idea de converter Gaza nun resort conseguiu cambiar o debate de lugar»
E por que a sociedade non se mobiliza como o fixo daquela?
Supoño que é unha mestura de medo e desacougo. Cando Trump gañou hai oito anos foi unha sorpresa para boa parte do país. Iso causou indignación, por exemplo, entre as mulleres, que o primeiro día saíron á rúa nunha das manifestacións máis multitudinarias da historia dos Estados Unidos. Durante o seu mandato tamén houbo grandes mobilizacións contra o racismo. Porén, agora, cando volveu gañar, foi como un meteorito que se vía que se estaba achegando e de repente impactou, e a xente non sabe como responder a isto. Estoume referindo á metade do país, porque hai outra metade que está encantada con Donald Trump, pero as persoas que non o votaron están asustadas, alarmadas e sobre todo noqueadas.
Como é a relación do presidente coa prensa?
É moi contraditoria. Por unha parte sempre está buscando as cámaras e reclamando os xornalistas. Dános un aluvión de titulares diarios e temos moitísimo acceso a el porque é un presidente que responde un montón de preguntas cada día. Iso é agradecido para un xornalista. Pero o mesmo tempo insúltanos, ameázanos e atácanos. Está demandando os medios de comunicación máis importantes do país por ter publicado informacións que el considera nesgadas. Moitos deses medios están accedendo a pagar millóns de dólares en vez de chegar a xuízo —que terían todas as papeletas de gañar— para non enfadalo máis.
Un dos grandes retos da sociedade actual é loitar contra as fake news. Que pode facer o xornalismo para frealas?
A desinformación é un perigo para o sistema democrático. No seu primeiro mandato, Donald Trump rompeu todos os récords de mentiras ditas por un presidente dos Estados Unidos. O Washington Post ten unha especie de antipremios, os Pinocho; pois Trump acadou o récord de Pinochos recibidos. Pola súa boca saían varias mentiras ao día. A raíz disto, creceron os equipos de verificación de datos. Cada vez que dá un discurso, os medios de comunicación teñen unha persoa asignada para contrastar cada unha das cifras que di. Donald Trump é o presidente que, en prime time, no seu debate electoral contra Kamala Harris, dixo que nunha aldea de Ohio os refuxiados haitianos estaban comendo os gatos e os cans dos estadounidenses. Ata aí chega o nivel de desinformación que sae agora mesmo do atril da Casa Branca.

A importancia xeopolítica dos Estados Unidos é indubidable, e agora todos temos a vista posta en Palestina. Atreveríaste a augurar que vai acontecer alí nos próximos meses?
Os Estados Unidos son o maior aliado de Israel, é o seu maior provedor de armas. Donald Trump, na súa campaña, prometeu paz. Mais aconteceu todo o contrario e xa temos escoitado cales son os seus plans para Gaza: convertela nun resort turístico e desterrar a poboación palestina.
Nesta parte do mundo cústanos crer que iso poida acontecer, ti desde alí igual tes outra perspectiva e non o ves tan disparatado.
É unha idea moi difícil de realizar porque non depende del. Para comezar, os países árabes terían que querer ser cómplices de expulsar a poboación palestina da súa terra e acollela de forma permanente nos seus territorios. Pero Donald Trump pon a idea sobre a mesa e cambia o debate. Antes, a cuestión era: solución dos dous estados si ou non; agora estamos falando de se expulsar os palestinos da súa terra ou non. E isto si que ten un efecto en calquera negociación para a paz.
Para rematar, quería preguntarche se hai algo dos Estados Unidos que cres que sería bo que importásemos.
É un país que ten unha cara moi vibrante, moi nova, con moitas ganas de facer cousas. Moitas veces porque non lles queda máis remedio, porque non hai unha rede social e, se non emprendes ti, non tes nada que facer. Pero é verdade que esa vitalidade, ese espírito emprendedor, si que é unha cousa que poderiamos copiar.

E á inversa, que botas en falta de España nos Estados Unidos?
Boto moito a faltar o estado de benestar europeo. A protección social, a sanidade pública, as axudas que hai aquí á cidadanía, ademais das regulacións e a protección que existe non só para as persoas con menos recursos, senón tamén, por exemplo, para os consumidores ou o medio ambiente. Alí estas regulacións vense como unha intromisión do Estado e un prexuízo para as empresas e para o capitalismo.
Tamara Novoa
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Anxos Fazáns: «Hai un xesto político en colocar unha muller madura e un rapaz trans no centro da historia» - 25 Febreiro, 2026
- Abraham Boba: «Gustaríame tocar máis aquí, pero non temos onde actuar» - 26 Xaneiro, 2026
- Un libro pioneiro desvela a orixe das rondallas - 15 Xaneiro, 2026
- Chega ao cine ‘Rondallas’, o filme que avoga polo poder da comunidade - 31 Decembro, 2025
- As rondallas resisten no rural - 26 Novembro, 2025

