Crea pezas únicas ou dálle unha segunda vida a calquera roupa con Felicetta Gualtieri
Felicetta Gualtieri marchou de Venezuela e chegou a Vigo en 2019 cunha máquina de coser. Este dúo muller-máquina traballa sen descanso na súa tenda-obradoiro, onde, por encargo e baixo demanda, crea pezas únicas desde cero ou dálle unha segunda vida a calquera roupa antiga que teñamos na casa e que xa non saibamos como combinar.

Ao longo dos anos, Felicetta traballou para marcas de moda como Volcom ou Zara e tivo o seu propio taller en Valencia (Venezuela), onde deseñaba vestidos de noiva e para ocasións especiais. En 2015 instalouse en Lima e entrou en contacto coas feiras e co upcycling, filosofía que segue hoxe en día e que se basea nun conxunto de técnicas que utilizan a creatividade para dotar de valor engadido obxectos que xa existen pero non utilizamos.
Aconsellamos concertar unha cita e visitar esta deseñadora no seu taller para facer un agasallo á medida. Tamén podemos obsequiar con experiencias: Felicetta ofrece bonos regalo para clases de corte e confección (catro sesións de dúas horas á semana por 65,00 €), unha forma diferente e especial de sorprender este Nadal, ideal para persoas creativas ou interesadas en aprender costura de forma personalizada.

Felicetta dános tres ideas máis. A primeira son as bandoleiras con forma de banana en dous tamaños (desde 30,00 €), ideais para ir de viaxe e lucir os mellores deseños e estampados sen renunciar á comodidade, pois nelas cabe de todo. Este dúo de bandoleiras é lixeiro e práctico e está confeccionado á man na súa totalidade.

Outra opción é a cazadora vaqueira de Felicetta Gualtieri (desde 150,00 €), que combina deseño artesanal, detalle coidado e materiais reutilizados; unha peza clásica con carácter propio. Esta cazadora é un presente ideal para quen busca nos básicos de armario modelos especiais, diferentes e con moita personalidade.

Por último, para quen guste de vestir camisas, recomendamos unha das pezas máis representativas da marca: a camisa Mao Ollo-Flor (desde 37,00 €), confeccionada con tecidos recuperados e que destaca pola súa combinación de cor, frescura e deseño único. Esta camisa é un agasallo perfecto para amantes da moda consciente e das pezas exclusivas feitas con agarimo.
Rúa de Rosalía de Castro, 19 | @felicettagualtieri
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Dez ideas de regalo local para este Nadal - 10 Decembro, 2025
- Crea pezas únicas ou dálle unha segunda vida a calquera roupa con Felicetta Gualtieri - 10 Decembro, 2025
- Panda Bohème: agasallos para amantes da escritura - 9 Decembro, 2025
- Better Late: nostalxia moderna - 7 Novembro, 2025
- Füa Chaval, uniforme de superheroe - 2 Outubro, 2025



