Coworking, alén da oficina

Nos últimos quince anos, a nosa cidade foi pioneira en Galicia no desenvolvemento de espazos de coworking. O que comezou como unha fórmula pouco coñecida para fuxir da soidade do traballo na casa é hoxe unha realidade diversa que abrangue desde oficinas compartidas no corazón do Casco Vello ata locais híbridos con cafetería, proxectos artísticos ou iniciativas situadas en parroquias periféricas.

Cando en 2010 tres arquitectos e unha deseñadora gráfica decidiron saír de cadansúa casa para compartiren oficina en Vigo, non imaxinaban que estaban a ser precursores creando o primeiro coworking de Galicia, un modelo daquela descoñecido que acabou converténdose nun referente para profesionais autónomos e pequenos proxectos que buscan algo máis que un escritorio.

«O local importa, pero o que realmente fai especial un coworking é a comunidade», indica Ramón Viéitez, un dos fundadores. O espazo, hoxe situado no Casco Vello Alto, a escasos metros da oliveira, reúne 22 postos de traballo, unha sala de reunións e zonas comúns que facilitan a convivencia. Ademais e sobre todo, ofrece un ambiente de colaboración que permite separar a vida persoal e laboral, proxectar unha imaxe máis profesional fronte a clientes e crear sinerxías entre colegas.

Nos seus inicios, a proposta resultaba tan innovadora que nin sequera a Administración sabía como clasificala. Aínda así, a resposta da xente foi inmediata: en poucos meses encheron o primeiro local (sito na rúa de Manuel Núñez), polo que tiveron que buscar un novo espazo máis amplo. A acollida demostrou que había unha demanda latente entre as persoas autónomas que traballaban illadas desde a casa. A súa chegada ao Casco Vello tamén foi unha decisión tomada «como vigueses» e unha aposta de futuro: «Daquela era un barrio cheo de baixos pechados e case sen vida. Hoxe está completamente transformado», explica Ramón. Espacio Nido, que na actualidade ocupa tres locais que no pasado foron bares, participou de modo activo nesa revitalización, involucrándose na creación dunha asociación veciñal e mesmo compartindo a súa wifi cos residentes con menos recursos.

Rúa da Ferrería, 25 | espacionido.es | 649 32 48 24 – 651 53 56 28 | espacionido@gmail.com | @espacionido

Hai seis anos nacía en Matamá un proxecto singular cuxa orixe non foi unha estratexia empresarial, senón unha necesidade vital. «Buscabamos un espazo para traballar que non fose unha oficina fría, senón algo máis humano, máis casa», di Cristina González, unha das impulsoras. A pandemia marcou os primeiros pasos, mais tamén reforzou a súa idea: crear un lugar pequeno, acolledor e afastado da lóxica do centro urbano.

Con capacidade máxima para dez persoas, Fento reivindícase como un coworking híbrido entre rural e urbano. A súa localización, fóra do centro da cidade, podería parecer unha desvantaxe, mais co tempo converteuse nunha das súas fortalezas: sen problemas de aparcamento, a dez minutos do centro en coche e cunha comunidade pequena máis propia dunha vila, onde todo o mundo se coñece. A diferenza doutros espazos centrados no networking e no movemento constante de negocios, aquí as prioridades son a tranquilidade, a flexibilidade e a conformación dunha comunidade alén do ámbito empresarial. Hai quen acode de maneira fixa, quen contrata media xornada ou quen aparece cada dúas semanas para xuntarse co seu equipo. O denominador común é que cada persoa atopa unha fórmula á medida.

O seu verdadeiro valor reside na compoñente humana: Fento pon o foco na creación dunha comunidade reducida e potente que se comporte como unha «pequena familia». O espírito acolledor reflíctese tamén na convivencia coas mascotas, que teñen acceso ao espazo e forman parte da vida diaria do coworking, o que permite traballar fóra da casa e relacionarse con outras persoas sen ter que deixalas desatendidas ao longo do día.

Praza de San Mauro, 23 (Matamá) | fentocoworking.com | 670 68 37 73 | hola@fentocoworking.com | @fentocoworking

Hai máis dunha década, cando aquí aínda non se falaba de coworking, nacía Simia Espacio, un proxecto pioneiro creado por Mónica Flyn, vinculada desde sempre ao mundo da arte, do cine, da música e da danza. A idea xurdiu coa vontade de ofrecer un lugar multidisciplinario no que puidesen convivir diferentes expresións artísticas: pintura, ilustración, música, escultura, cerámica, baile, moda ou tatuaxe.

O primeiro local, en Beiramar, era reducido pero bulideiro, cheo de cursos e performances que o converteron nun referente alternativo. Co tempo, o espazo quedou pequeno, polo que se trasladou ao centro, ao pé de Churruca e Vialia, nun baixo amplo de tres plantas que permitiu consolidar a súa filosofía: crear unha comunidade de artistas con talleres propios e autonomía, pero tamén con sinerxías compartidas. A súa gran fortaleza é o feito de ofrecer espazos privados, amplos e moldeables pensados para un sector que non sempre pode afrontar alugueiros elevados. Na actualidade, Simia funciona principalmente como un coworking artístico no que conviven ceramistas, músicos, fotógrafos, deseñadoras de xoias ou creadoras de estética alternativa. Hai tamén un coro estable e actividades puntuais como obradoiros ou mercados. O modelo baséase na liberdade e flexibilidade horaria: cada artista dispón da súa chave e pode acudir os sete días da semana e as 24 horas do día. Mónica lembra con orgullo o carácter precursor do proxecto: cursos de cociña vegana cando apenas se coñecía, pop-ups creativos e concertos de novos talentos que hoxe triunfan. «Simia é máis que un lugar para traballar: é un espazo vivo onde a xente crea, evoluciona e se encontra», resume.

Rúa de Afonso XIII, 9 | simiacoworking.com | 661 56 64 33 | simiacoworking@gmail.com | @simiacoworking

Hai tres anos abría no centro da cidade La Contenedora e na actualidade xa se consolidou como un espazo cultural versátil: obradoiros, exposicións, concertos pequenos, mercados ou presentacións conviven baixo o mesmo teito. Ademais, desde hai uns meses, o local ofrece unha nova posibilidade para quen busca un lugar onde traballar sen deixar de gozar dun bo café. O funcionamento é sinxelo: quen consome na cafetería pode subir á planta superior e instalarse para traballar co seu portátil. Non hai tarifas nin bonos por horas: só o compromiso de pedir algo e dispoñerse a aproveitar un ambiente tranquilo, luminoso e con boa conexión. «A idea era dar uso ás mañás, que quedaban máis baleiras, e ofrecer un espazo cómodo á xente que non quere atarse a un coworking fixo», explica Saúl Seoane, un dos xerentes xunto con Leticia Rodríguez.

Ese carácter «nómade» é precisamente o que distingue a La Contenedora doutras propostas. Aquí non existen postos asignados; a norma é a flexibilidade: hoxe podes traballar desde a casa, mañá nun café e, cando o precises, atopar neste recuncho do centro un lugar acolledor para concentrarte. Polas tardes, o espazo vólvese transformar: cursos de máscaras venecianas, formacións para empresas ou mesmo rodaxes de cine atopan cabida entre as súas paredes. La Contenedora amósase así como un local polivalente, aberto á creatividade e ás novas formas de habitar a cidade.

REVISTA NOVEMBRO

Rúa de Eduardo Iglesias, 11 | 886 30 83 19 – 633 26 37 87 | hola@lacontenedora.es | @lacontenedora.vigo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.