Costeira Sonora: experiencia enomusical no Pazo de Toubes con Joe Crepúsuclo, Grande Amore e Axion Band
A V edición do Costeira Sonora xa ten datas e cartel. Celebrarase, como sempre, no Pazo de Toubes (Cenlle) o sábado 27 de setembro e contará coas actuacións de Joe Crepúsuclo, Grande Amore, Axion Band, The Parrots, Terrae e os DJ Isaac Pedrouzo e Rapariga. Podes mercar aquí a túa entrada.

A bodega Viña Costeira repite por quinto ano na organización dun festival de música nacional nas instalacións do seu Pazo de Toubes, unha construcción do1742 que naceu como bodega e hoxe está adicada a actividades de gastronomía e enoturismo. Costeira Sonora celébrase o sábado 27 de setembro e, ademais de realizarse nun espazo senlleiro de espectacular beleza natural e histórica, conta cunha interesante programación musical e un showcooking a cargo do chef do restaurante do pazo, novidade este ano.
As entradas están dispoñibles na web da bodega a partir de 50,00 €. Existe a posibilidade de reservar tamén viaxe en autobús desde Ourense e Ribadavia, con saídas tanto pola mañá como pola tarde e dúas opcións de horarios para a volta. Esta é unha opción moi recomendable xa que o pazo conta con pouco espazo de aparcadoiro e permitiranos desfrutar dos viños da bodega de xeito seguro.

Nesta edición, gastronomía e música van máis da man que nunca. O Chef do Pazo convértese nun artista máis do cartel mostrando a mellor gastronomía de Toubes a través dun showcooking en directo. Saborea cada unha das elaboracións especiais do festival e marídaas cos viños e cócteles da adega. No apartado musical a programación, variada e moi bailable, é a seguinte: Joe Crepúsuclo, Grande Amore, Axion Band, The Parrots, Terrae e os DJ Isaac Pedrouzo e Rapariga.

As persoas que non poidan acudir ao festival, poden visitar o Pazo de Toubes durante todo o ano nalgunha das súas visitas guiadas. Hainas para todos os gustos e petos: visitas con brunch, con picnic entre as viñas ou con comida degustación; tamén paseos en bicicleta eléctrica e en barco. Para os que teñan curiosidade en coñecer o proceso de elaboración do viño, Viña Costeira tamén ten visitas regulares á súa fábrica, situada na entrada a Ribadavia e con vistas espectaculares sobre o río Miño.