REVISTA VERAN

Contedores de memoria: por que é importante catalogar o patrimonio industrial como Ben de Interese Cultural?

Tras a recente aprobación do novo PXOM de Vigo, gran parte dos elementos máis destacados do noso patrimonio industrial corren risco de ser demolidos total ou parcialmente ao carecer de protección suficiente. Por este motivo, varias asociacións da cidade levan os últimos meses traballando na documentación necesaria para solicitar a catalogación dos elementos máis ameazados deste patrimonio como Ben de Interese Cultural (BIC). Falamos con Mariña López, experta na industria conserveira que leva anos traballando na defensa deste patrimonio e colaborou na preparación de propostas para a súa protección, para que nos explique por que é importante a catalogación destes edificios. Podes apoiar a iniciativa asinando o seguinte documento.

Fábrica de Alfageme | P. Vázquez

Non é a primeira vez que nos facemos eco de temas relacionados co patrimonio industrial de Vigo, especialmente o situado no polígono de Beiramar e Jacinto Benavente: dedicámoslle a reportaxe central da revista de setembro de 2023, informamos do nacemento da plataforma Beiramar da Xente, acudimos ao free tour que organizaron este mes de xuño e, desde hai uns meses, contamos na sección Trazo industrial da man de David Amoedo a historia de distintas industrias históricas de Vigo: Pescanova, Sacco, Casa Mar

Barreras | P. Vázquez

Nos últimos tempos é un tema que volveu a estar de actualidade, pois a recente aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) deixa a moitas destas contrucións nunha situación fráxil de cara ao futuro, ao caracer de protección suficiente contra os intereses inmobiliarios. Só nas últimas dúas décadas vivimos varias situacións que nos alertan da inestabilidade do noso patrimonio: o derrubamento de Casa Mar para a construcción do Auditorio Mar de Vigo en 2006, a desaparición de Cordelerías Mar para o levantamento duns pisos de luxo en 2019, a “rehabilitación” de parte da fachada de La Metalúrgica para instalar a Sede da Tesoureria da Seguridade Social en 2020, a “recuperación” da fachada orixinal da estación de tren fronte a Vialia en 2021… Unha cousa está clara: unha vez pasas a picaraña por riba dun edificio senlleiro estás a borrar de xeito irremediable parte da historia da cidade.

Antiga fábrica de Flex | P. Vázquez

Contactamos con Mariña López, experta na industria conserveira e parte do equipo que está a preparar a documentación necesaria para solicitar a catalogación dos elementos máis ameazados deste patrimonio como Ben de Interese Cultural tras a recente aprobación do novo PXOM: “Moitas das futuras intervencións na zona resultan preocupantes, xa que implican alteracións significativas sobre o patrimonio e afectan estruturalmente ao conxunto dos edificios e da súa memoria. O novo PXOM, tal como está formulado, pode comprometer non só o aspecto arquitectónico, senón tamén a identidade e o simbolismo destes espazos vencellados á memoria do traballo e á cultura viguesa, tanto mariñeira como obreira e empresarial“, explica.

Mariña López | P. Vázquez

Deste xeito, a catalogación como BIC “permitiría rescatar a memoria industrial galega e abrir a posibilidade de usos futuros respectuosos coa identidade do lugar. Trátase de procurar novas vidas para espazos emblemáticos sen romper co seu significado orixinal“, di Mariña. Para conseguilo, a documentación debe incidir nos valores que os fan singulares: arquitectónicos, artísticos, sociais, patrimoniais, simbólicos e mesmo sensibles, “xa que moitos destes espazos conteñen unha sorte de maxia discreta que conecta coa memoria colectiva“. Fai fincapé no polígono de Jacinto Benavente e Beiramar, onde máis edificios deste tipo se acumulan: “É un caso moi singular e moi propio, xa que forma unha paisaxe industrial onde todos os lugares e todas as empresas están interconectadas. Estes espazos falan uns cos outros e contan historias humanas, empresariais, culturais e intelectuais”, explica.

Fábrica Thenaise | P. Vázquez

Ademais de asinando un formulario creado por Beiramar da Xente, a cidadanía tamén pode aportar o seu grao de area “divulgando, valorando, falando e tendo conciencia” deste patrimonio, e non velos “só como edificios que arden de cando en vez e que son fruto de vandalismo, senón como contedores de memoria e de identidade. Son espazos que gardan unha beleza silenciosa, unha maxia que vai máis alá do material”. Por último lanza un aviso, visto o acontecido con outros edificios como Cordelerías Mar: “A especulación é perigosa para o que somos”.

Demolición de Cordelerías Mar en 2019 para construír pisos de luxo | Vigo Baleiro
RIO VERBENA
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.