Conta atrás para a apertura do novo Vitruvia Café, máis amplo e con programación máis variada

Este luns 1 de setembro, xusto cando se fan dez anos da apertura do Vitruvia Café , a popular cafetería múdase a un novo local a escasos metros do anterior, na antiga sede do Aero Club (Rúa da Reconquista, 7). Este novo espazo permitirá maior capacidade e comodide para desfrutar dos concertos de jazz e música clásica, ademais de albergar outras moitas actividades de carácter cultural.

Sala principal co escenario ao fondo | P. Vázquez

O 1 de setembro de 2015 abría as súas portas, en plena praza de Compostela, o Vitruvia Café, unha cafetería de aspecto coidado que non tardou en facerse un oco entre os locais favoritos do público vigués. A iso axudou, ademais do seu ambiente tranquilo, a ampla e notable programación musical de jazz e música clásica. De feito, Javier Ferreiro, o responsable do local, recoñece que “utilizaba a hostelería para divulgar este tipo de músicas minoritarias”. Sorprende, pois, que un local de éxito en ambas vertentes (hosteleira e cultural) se decida a un cambio tan ambicioso como o que está a piques de suceder este luns, xusto dez anos despois do día que levantaron por primeira vez a cancela.

O cambio é grande, mais a pouca distancia. Uns cen metros separan os dous locais, pero unha vez dentro decatámonos de que pouco teñen que ver entre si. O novo espazo, antiga sede do Aero Club na rúa da Reconquista, é moito máis amplo e acaído para os concertos, unha das bases da filosofía da Vitruvia: “No anterior local xa tiñamos un público fixo tanto na cafetería como nos concertos, pero non se adaptaba estruturalmente ao que necesitabamos para poder desenvolver da mellor forma os concertos e o resto de actividades”, explica.

Javier Ferreiro no novo Vitruvia | P. Vázquez

Non só para concertos: ese escenario (con piano de cola e batería fixa) permite proxeccións, charlas, presentacións de libros, monólogos e todo tipo de actividades culturais. Ademais de duplicar a capacidade e aumentar a comodidade do público, este novo Vitruvia consta de dous ambientes que permiten que durante as actividades culturais a cafetería permaneza aberta con total normalidade, algo que non acontecía na praza de Compostela. Non só os espectadores gañan en comodidade; tamén os músicos, que agora gozan dun escenario más amplo, batería fixa e un fermoso camerino onde relaxarse antes e despois da actuación.

Zona de cafetería do Vitruvia | P. Vázquez

A decoración do local mantén a liña do seu predecesor, e nas esquinas e paredes atoparemos obras de arte variadas e fotografías de grandes autores. A propia arquitectura do lugar, un club social de principios dos anos cincuenta , outórgalle un aire clásico e sofisticado; un refuxio de calma para fuxir do ruído da cidade. Malia que a priori son todo vantaxes, non foi unha decisión doada para Javier: “Este local levaba abandonado vinte anos, polo que houbo que cambialo de xeito integral. Tiven que darlle moitas voltas á cabeza para decidir que forma darlle e como decoralo. Custoume moitísimo lograr este aspecto”, recoñece. Poderiamos definilo como un café doutra época adaptado aos nosos tempos.

Interior do Vitruvia | P. Vázquez

Con esta nova infraestrutura Ferreiro quere abrir o Vitruvia a outras propostas alén dos concertos de jazz de clásica. Outras músicas independentes gozarán do seu oco na programación, e algúns festivais locais poderán utilizar o espazo para as súas iniciativas. É o caso do Hematofesti, que este outono celebrará a súa segunda edición e contará co Vitruvia para algunhas actividades. A pianista viguesa Nuria Reboreda, residente en Barcelona, acudirá unha vez ao mes para realizar charlas sobre música clásica; a primeira será sobre La Mer de Debussy. O músico local Brais González, líder de Caspervek, tamén ten preparada unha peza de música e cine mudo feita ex profeso para ser estreada no Vitruvia. Unha vez ao mes haberá proxeccións de cine e xa teñen varias presentacións de libros axendadas. Tamén se celebrará neste espazo unhasubasta de arta da man da Fundación Degén, entidade privada, cuxo obxecto é a mellora da calidade de vida dos pacientes de enfermidades neurodegenerativas. Como vemos, este histórico local promete ser todo un fervedoiro cultural.

Caspervek en directo, con Brais González ao piano | P. Cermeño

Outras novidades, neste caso referentes a hostelería, son a incorporación do chef pasteleiro portugués André Gonçalves, quen elaborará repostería lusa para o local; Xaime Rodríguez Trigás ideará unha carta de cocteis exclusivos e Noelia Figueiras creará unha liña de tostas rápidas e saúdables con produtos de proximidade e que poden personalizarse de forma doada.

O pianista compostelán Abe Rábade actuando en Vigo | P. Cermeño

Por suposto, o jazz e a música clásica non van perder o seu protagonismo. Para este mes de setembro a programación está composta por Alberto Conde e Ton Risco (4/9), Abe Rábade (18/9) e Francisco Bigoni, Demian Cabaud e Marcos Cavaleiro (25/9), todos ás 20:30 h. Ferreiro tampouco deixará de lado a dirección e organización do festival Musicav, un ciclo de concertos de jazz e clásica que se celebra en outubro no Auditorio Rosalía de Castro do Teatro García Barbón, tamén a escasos metros do novo local.

Blue Summit Quintet actuando no Musicav | P. Cermeño
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.