Procúranse as mellores fotografías da Reconquista

A Asociación da Reconquista de Vigo convoca a cuarta edición do seu Concurso Fotográfico, unha oportunidade para capturar con cámara a esencia da festa máis emblemática da cidade.

O certame de fotografía da Reconquista busca imaxes que reflexen a historia nas rúas, os traxes de época, a emoción dos participantes da festa, que se celebra no Casco Vello entre 21 e o 29 de marzo. As bases completas están dispoñibles na web da asociación.

O concurso está aberto a todas as persoas interesadas, con un máximo de tres fotografías por participante. As obras deben ser orixinais e inéditas, realizadas no Concello de Vigo, e deben representar algunha actividade relacionada coa festa (Reconquista, Destitución, Reconquistiña) ou feitos históricos que se conmemoran. Non se admiten fotografías pornográficas nin que falten ao respecto a persoas ou colectivos, e queda prohibida a edición mediante intelixencia artificial.

As persoas que desexen participar poderán facelo en formato físico ou dixital dende o 21 de marzo ata o 14 de abril de 2026. As copias físicas deberán entregarse en tamaño 50×25 cm a 30×40 cm nas oficinas da AVC Casco Vello. Por outra banda, os arquivos electrónicos deberán enviarse a info@reconquista.gal, coa resolución mínima de 12 Mp e 200 ppp. Para preservar a anonimidade, cada fotografía recibirá un código de identificación para que o xurado non coñeza a identidade das persoas participantes.

O xurado valorará a pertinencia, creatividade, orixinalidade e calidade técnica e artística das fotografías. Establécense tres categorías: Fotografía de Acción, Fotografía máis Creativa e Mellor Retrato, con premios de 200 € para o primeiro e 75 € para o segundo premio en cada categoría. A entrega de premios terá lugar o 3 de maio na Praza do Berbés, con ocasión da Festa dos Maios, e as obras premiadas permanecerán expostas no local da AVC Casco Vello ata o 30 de xuño.