Concertos e mercados a favor de Palestina esta fin de semana en Vigo

Ademais poderemos gozar dos concertos de Traspielas e Ailá, ir botar uns bailes á festa de Caixa de Ritmos ou redescubrir un clásico como Tarzán en formato musical. Preme en cada un dos eventos para obter máis informción. Se queres coñecer máis plans visita a axenda de A Movida.

O equipo de voluntariado de Oxfam Intermon de Vigo organiza un concerto lírico solidario por Palestina que terá lugar o venres 12 de decembro ás 19:30 no Auditorio do Conservatorio superior de música de Vigo. Participarán o tenor Enrique Martínez, a soprano Anna Melikova, o barítono Eliseu Mera e Severino Ortiz ao piano.

Concerto dos filais da Coral Casablanca | Venres 12 ás 20: 30 h no Teatro García Barbón | Desde 5,60 €

Un concerto de cancións de Nadal polos coros filiais da Fundación Casablanca: Coro Peques, Coro juvenil, Coro Gepetto, Coro “Los sonidos de la memoria” e Coro “Aférrate”.

Concerto de Traspielas | Venres 12 ás 20:30 h no Auditorio Municipal do Concello | Desde 12,00 €

Traspielas é o novo proxecto de Su Garrido Pombo xunto con Macarena Montesinos (cello), Iago Ramilo (saxo), Marco Maril (electrónica) e Fran Rodriguez Casal (visuais) nos que profundizan e celebran a memoria colectiva dunha aldea a través dunha obra musical, poética e visual. Partindo de pezas tradicionais recollidas na aldea de Traspielas (Fornelos de montes) e proxecións con imaxes actuáis e de videoarquivo, músicas de recoñecida traxectoria e de estilos diversos como a electrónica, a experimentación e a música tradicional conflúen para crear unha obra actual que pon en valor a cultura popular e busca fortalecer o vínculo entre a comunidade e o seu territorio.

Salseo Market | Sábado 13 desde as 11:00 ás 20:00 h en Supralab | De balde

Gráfica, téxtil, ilustración, cerámica e un feixe de traballos fermosos que merecen ser vistos, tocados e celebrados. Supra Lab (en Rosalía de Castro, 19) terá as portas abertas, con sesión de DJ, bo ambiente e artistas con ganas de conversar, amosar o seu proceso e compartir con agarimo aquilo que fan.

Tarzán: o musical | Sábado 13 ás 16:00 e 19:30 h e domingo 14 ás 16:00 h no Mar de Vigo | Desde 40,00 €

A clásica historia, non de Disney, senón a orixinal en formato musical. Unha viaxe na que o romance entre un home “salvaxe” e unha dama “de ben” demóstranos qué é a verdadeira humanidade, e cómo as etiquetas sociais non son a mellor descrición do que está ben e o que está mal.

Churru Gaza | Sábado 13 ás 18:30 h no Tinta Negra | De balde

O pub Tinta Negra de Churruca organiza ChurruGaza, unha subasta de arte solidaria para recadar fondos para a UNRWA (United Nations Relief and Works Agency). Esta asociación internacional dedícase especialmente á axuda humanitaria do pobo Palestino. Neste evento lembramos que os problemas e as violacións dos dereitos humanos en Palestina non cesan, a pesar de acordos de “Paz” impostos por axentes exteriores. Desde as 13:00 h poderase asistir á exposición de arte e ás 18:30 h a artista Petra Porter presentará á subasta das obras expostas.

Teatro Chegar e encher | Sábado 13 ás 20:30 na Sala Ártika | Desde 11,00 €

Chegar e encher é un monólogo escénico ácido e humorístico creado e interpretado por Bea Campos. Un espectáculo de Inventi Teatro que mestura narración oral, cabaré e improvisación para reflexionar sobre as expectativas sociais, os roles de xénero e a beleza do fracaso. Cun formato íntimo e directo, convértese nunha experiencia teatral tan divertida como reveladora.

Festa Caixa de Ritmos | Sábado 13 ás 21:30 h en La Fábrica de Chocolate | Desde 5,00 €

A escola de danza celebra unha festa especial para recadar fondos para o peto solidario, as bolsas de estudos do segundo trimestre de Caixa de Ritmos. Noite de house, dancehall, hip hop, afrofusion, swing e jazz con varios DJs. Os asistentes poden pagar entre 5,00 € e 10,00 € , segundo a vontade de contribuir.

Reinventio | Domingo 14 ás 18:00 e 20:30 h no Teatro García Barbón | Desde 11,60 €

Un espectáculo que combina danza, circo, ilusionismo e música. Conta con dúas funcións o mesmo día, unha ás 18:00h e outra ás 20:30h. O espectáculo convértese nun cabaré narrativo vibrante, cheo de beleza e emoción, onde o circo, a danza e a maxia se transforman nas pegadas do camiño. O público é convidado a un universo onírico no que a realidade se desdobra en aparicións e desaparicións imposibles, levitacións que desafían a gravidade, números de circo que cortan a respiración e coreografías que encarnan a esencia da ilusión.

Concerto de Ailá + Xiro | Domingo 14 ás 19:00 h na Sala Rebullón | 12,00 €

REVISTA NADAL

Concerto doble na Sala Rebullón, Ailá é unha proposta festiva e minuciosa, que dá boa conta do inmenso patrimonio vinculado ao canto e ao baile tradicional de Galicia. Xiro é o territorio onde conversan as melodías tradicionais cantadas pola voz e percusións de Icía Kirk engalanadas co saxo de Andrés Pérez e o acordeón de Xan Pampín. Un diálogo coa forza e enerxía que brota da linguaxe da música e do baile tradicional galega.