Concertos a bordo, sardiñada, circo, catas e roteiros… estas son as actividades paralelas do Revenidas
Ademais dos concertos que se desenvolverán nos escenarios Galicia e Vibra Mahou, o Revenidas manterá paralelamente á celebración do festival unha intensa programación de actividades.

Unha delas é a celebración de concertos a bordo: pequenos recitais en formato acústico e para un aforo máximo de 12 persoas que se ofrecen a bordo do barco Chasula navegando pola ría de Arousa. O sábado 13 haberá concertos de Uxía (con saída do porto de Vilaxoán ás 13 h), Xisco Feijoó (15 h) e O Rabelo (17 h). Os concertos a bordo do domingo 15 correrán por conta de Dakidarría en formato “acustiquísimo” (13 h), Budiño (15 h) e Xabier Díaz (17 h).
As entradas para os concertos a bordo poranse a venda o sábado 6 de setembro ás 10.00 horas a través de www.revenidas.com. O seu prezo é de 30 € (+ gastos de xestión) e inclúe tamén unha degustación de produtos galegos durante a travesía.
SARDIÑADA E GALA DE CIRCO
O domingo é un día grande para o Revenidas xa que é a xornada na que se celebra a gran sardiñada popular que foi a que deu orixe ao festival. A sardiñada Revenidas-Turismo Rías Baixas desta edición terá lugar o domingo 14 no parque de dona Concha e con entrada libre. A partir das 13:30 horas poderanse degustar as que posiblemente son as mellores sardiñas do mundo. Os Terribles de Arousa, As do Xeito e a Mekánika Rolling Band animarán as rúas e a contorna do parque xa dende ás 12.30 h.
Trala sardiñada, ás 17.30 horas, tamén no parque Dona Concha, dará comezo a Gala de Circo Solidaria, con entrada de balde. As aportación voluntarias que se realicen terán como destino a axuda a Palestina. A Gala acollerá unha festiva sucesión de espectáculos de maxia, clown, música e circo protagonizados por varios dos nomes máis destacados da escena galega e catalá dos espectáculos de rúa, como é o caso de Peter Punk, Factoría de Subsistencia, Cris Collazo, Sempre Arriba, Sabela Galbán, Sonía García e Pau Segalés.
ROTEIRO E CATAS
Outra das actividades tradicionais que adoita preceder o inicio do Revenidas é o roteiro Redescubre Vilaxoán, guiado por Xurxo Souto, que permite coñecer para coñecer a cultura, a música e a gastronomía da vila que acolle o festival. Nesta ocasión terá lugar o mércores 10 ás 19 horas. A saída é dende o Centro Social e Deportivo de Vilaxoán. A asistencia é de balde ata completar as 40 prazas dispoñibles.
Dende o xoves ata o sábado, o Revenidas tamén ofrece a posibilidade de gozar das Catas dos Sentidos que se desenvolverán no espazo de Paco & Lola no recinto do festival. Os asistentes ás catas recibirán uns auriculares inalámbricos para poder escoitar á perfección as indicacións do sumiller sen que interfira o son dos escenarios.
As Catas dos Sentidos terán lugar o xoves e o venres ás 18.30 horas e o sábado ás 13.30 e 16.30 h. O seu é prezo é de 5 euros (+0,50 de gastos de xestión). As entradas para as catas poden reservarse a partir das 10.00h do venres 5 en www.revenidas.com
ENTRADAS POR DÍA, ABONOS E ACAMPADA
Ata o luns 1 de setembro, data na que se modificarán os prezos, os abonos e as entradas por día poden mercarse a través das páxina web www.revenidas.com con estes importes:
Abonos: 71 euros + gastos de xestión
Entrada Xoves: 37 euros + gx
Entrada Venres: 37 euros + gx
Entrada Sábado: 42 euros + gx
Entrada Domingo: De balde
As persoas que merquen o abono tamén poderán reservar na web o acceso á acampada por un importe de 15 euros no Rial (a piques de esgotarse) e 10 euros na Pelada, ambas con servizo circular de bus gratuíto.
Os posuidores de entrada de día tan só poderán reservar a acampada na Pelada.

