Compass, un refuxio contra o ruído
A Academia Compass, emprazada na céntrica rúa Venezuela, funciona como refuxio musical. Neste espazo, capitaneado por Rosanna Ojea, ofrécense aulas musicais e concertos de público reducido que permiten escapar da voracidade do día a día.

Hai tres anos que a pianista e docente Rosanna Ojea colleu as rendas desta academia que ten como obxectivo principal achegar a música a tódolos públicos. Segundo a propia Ojea, practicar música é un dos hábitos máis saudables que se poden adquirir a calquera idade: contribúe á desconexión das pantallas, á empatía, á mellora de moitas funcións cerebrais e, en xeral, ao relax após das obrigas diarias. As clases están pensadas tanto para adultos como para menores, acollendo clases de piano, guitarra, canto, frauta e coro. O jazz é outro dos piares do proxecto, Rosanna quere atraer tanto a adultos como a xóvenes ás músicas de raíz e desvincular a escola da exclusividade da música clásica para levala a estilos máis contemporáneos e atractivos para a maioría da poboación. O centro ofrece a posibilidade de que sorprendamos a amigos e familiares cuns bonos regalo para que as nosas persoas agasalladas poñan a proba a súas habelencias musicais e sobre todo escapen, durante o tempo que dura a clase, do mundanal ruído.

Ademais das clases, o espazo tamén alberga concertos en formato reducido. Unha oportunidade única de escoitar en directo e a moi pouca distancia a artistas locais e galegos. Ao longo destes tres anos, a academia acolleu máis dun cento de recitais en diferentes combinacións instrumentais, mesmo mesturando música e poesía, convertendo o acolledor espazo nun punto de encontro habitual para diferentes públicos. As persoas interesadas en estar ao tanto da programación musical de Compass poden subscribirse ao seu servizo de whatsapp, escribíndolles ao 616 800 497.

