CinVigo, Festival Creativa, Picnic Sesións e Carmina Burana esta fin de semana en Vigo
Vigo despide o mes de abril por todo o alto, e para iso conta con numerosos festivais como o CinVigo, Picnic Sesións e Creativa, ademais de varios concertos e espectáculos para desfrutar do bo tempo. Para máis información, preme nos títulos e, se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana en Vigo, entra na axenda de A Movida.

FESTIVAL VIGO PORTÉ – De xoves a domingo no Auditorio Mar de Vigo – Varios prezos
Vigo Porté é un evento internacional de disciplinas de baile que este ano celebra a súa 13º edición presencial no Auditorio Mar de Vigo. Nesta nova edición haberá máis de mil participantes e un total de 421 coreografías rexistradas, consolidándose como un dos eventos de danza máis importantes do territorio nacional. Ademais, este ano deu un salto internacional: concederanse catro bolsas con acceso directo á final mundial de Azul Fest World Championship, que se celebrará en Córdoba (Arxentina).
VIBRA MAHOU: BARRY B & FILLOAS – Venres ás 20:30 horas na Sala Supersonic – Desde 16,00 €
Barry B é un dos nomes máis potentes da escena actual e fará unha parada na cidade para presentar o seu esperado novo álbum, Chato, co cal o artista levou o seu son a un novo nivel, combinando a súa esencia con influencias actuais que fixeron do cantante algo único. Por outra banda, Filloas é una artista de pop urbano en galego cun estilo baseado na autenticidade das súas letras, que se mesturan con ritmos clásicos como o punk, e outros máis modernos como o trap.

TRASPIELAS & SOFÍA ESPIÑEIRA – Venres ás 22:00 horas na Sala Rebullón – Desde 10,00 €
Sofía Espiñeira é unha artista multidiscipliar que mestura circo, teatro, danza e música, destacando nesta última con composicións de raíz linguaxe persoal. Gañou o II Certame de Canción de Autor de Teo en 2016, lanzando o seu primeiro disco, Alá onde agroman as herbas, e prepara o seu próximo traballo, Xeografías. Por outra banda, Traspielas é o novo proxecto de Su Garrido Pombo con Macarena Montesinos, Iago Ramilo, Marco Maril e Fran Rodríguez Casal no que celebran a memoria colectiva dunha aldea a través dunha obra musical, poética e visual.
FESTIVAL CREATIVA – Venres e sábado na Galería Maraca, Cines Vigo e Praza do COAG – De balde
Vigo convértese novamente no punto de mira para os amantes da creatividade coa chegada da terceira edición do Festival Creativa, o cal foi recoñecido o ano pasado co Premio Paraugas ao Mellor evento cultural de Galicia. Nesta edición, o festival contará con máis de trinta artistas convidados, ademais dun mercado gráfico con preto de ciencuenta artistas. Poderase desfrutar de ilustradores, artistas, creativos, músicos, diseñadores e creadores, entre eles: o deseñador Javier Jaén, a ilustradora Genie Espinosa e o Premio Nacional de Deseño Mario Eskenazi, entre outros.

CARMINA BURANA. La Fura dels Baus – Venres, sábado e domingo no Teatro García Barbón – Desde 44,00 €
Carlus Padrissa, membro fundador da Fura dels Baus, concibiu un Carmina Burana trepidante onde o espectador, a través de impactantes escenas, efectos especiais e mesmo fragrancias primaverais, mergúllase de cheo no universo da Fura dels Baus. Sobre o escenario, un gran cilindro de dez metros de diámetro envolve literalmente á orquestra, mentres unhas imaxes proxectadas sobre el ilustran toda a obra de principio a fin. O Carmina Burana de La Fura dels Baus é un espectáculo sensorial, musical e teatral, vital e enérxico
FESTIVAL LBTIQ + – Sábado de 12:00 a 17:30 horas en A Morada – De balde
A Morada organiza un festival en contra da violencia de xénero, da violencia cara as mulleres LBTIQ + e as persoas non binarias. A programación será variada e contará con música variada, un xantar colectivo, unha proxeción e unha lectura dramatizada.
ORQUESTRA VIGO 430 – Sábado ás 20:00 horas no Salón Rexio de A Sede – 10,00 €
A Orquestra Vigo 430 ofrecerá a oportunidade única de escoitar unha xoia musical barroca case esquecida na historia. O concerto Souvenirs da corte Esterhazy: Un instrumento para un príncipe brindará unha viaxe ao mundo sonoro do Baryton, un instrumento híbrido entre a viola da gamba e o laúde, da man da artista internacional Maddalena del Gobbo. Será unha oportunidade única para o público de Vigo de descubrir a sonoridade deste instrumento, o favorito do príncipe Nikolaus Esterházy –mecenas de Joseph Haydn – nun contexto parecido ao orixinal do Baryton.

SOLOS – Sábado e domingo ás 20:00 horas na Sala Ártika – Desde 11,00 €
Solos de Provisional Danza é un espectáculo de danza contemporánea composto por tres solos que exploran a emoción, a ausencia e a reflexión a través do movemento. Cunha linguaxe corporal intensa e evocadora, cada peza mergulla ao espectador en universos únicos onde o corpo fala o que as palabras calan. Interpretado por Raquel Jara, Cristian López e Sebastián Calvo, Solos é unha viaxe sensorial e emotiva que convida a unha conexión profunda coa expresión da danza.
FESTIVAL CINVIGO – Sábado e domingo na Porta do Sol – De balde
Tras o éxito acadado en anteriores edicións, o festival científico CinVigo volve á Porta do Sol. Organizado polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, este evento pretende achegar o coñecemento científico á sociedade, fomentando as vocacións científicas entre a cativada e a mocidade. Contará con numerosas actividades para desfrutar en familia como a feira científica, obradoiros infantís, unha xincana inclusiva e varios espectáculos.

FESTIVAL PICNIC SESIÓNS – Sábado e domingo en Saiáns – De balde
Tras ter que cambiar as datas debido ao mal tempo, o festival terá lugar esta fin de semana. A festa repartirase en dúas xornadas con concertos, mercado, comida e actividades para todos os públicos, consolidándose así como un festival de pequeno formato pero ideal para pasar tempo en familia nun espazo agradable e con boa música. Poderase desfrutar dun roteiro forestal, dun certame de pintura e de varios obradoiros, entre outras moitas actividades.