Cinvigo, ciencia na rúa para todo o mundo

Tras o éxito das dúas anteriores edicións, nas que se presentaron máis dun centenar de proxectos, o festival científico CinVigo – Ciencia na Rúa regresa á Porta do Sol os días 26 e 27 deste mes. Esta actividade, organizada polo Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), preséntase como un evento de divulgación para todas as idades, onde a ciencia é a protagonista indiscutible.

As persoas asistentes poderán gozar dun amplo abanico de actividades deseñadas para suscitar a curiosidade e o interese polo coñecemento científico, incluíndo experimentos, proxectos científicos, espectáculos, obradoiros e unha xincana científica. O obxectivo é achegar a ciencia á sociedade e espertar as vocacións da mocidade dunha maneira diferente e divertida, involucrando a toda a cidadanía no fascinante mundo da investigación.

Miguel Correa, director do CINBIO, móstrase feliz polo enorme crecemento da feira en só tres anos: «Coido que non existe ningún festival igual en Galicia nin en España. Nós queriamos trasladalo á rúa para que todo o mundo poida participar e se sinta partícipe. En definitiva, que sexa como unha festa, non unha feira típica cuns stands nun pavillón». O éxito é tal que están a recibir propostas de fóra de Galicia e mesmo tiveron que descartar algúns proxectos por falta de espazo na céntrica praza viguesa. Correa estima que na edición anterior pasaron polo evento arredor de 45.000 persoas. Un dos piares do CinVigo é a súa feira científica, que nesta edición conta coa participación de preto de 260 estudantes de secundaria e bacharelato pertencentes a 32 centros educativos de Galicia (12 deles públicos), que explicarán a todas as persoas que se acheguen ás casetas os seus traballos experimentais, un total de 70 proxectos científicos.

Entre os 58 docentes que acompañan a rapazada atopamos a Pablo Blanco, do IES Mendiño de Redondela, e a Carmen Fernández, do vigués IES Carlos Casares, ambos xa con experiencia á hora de asistir a este evento. Carmen valora moi positivamente a participación das súas alumnas no CinVigo: «Tes a posibilidade de ver e aprender do que fan outros centros, tomar ideas e facer contactos, porque, por exemplo, nós temos un club de ciencias e así podemos tecer redes entre nós». O proxecto que coordina leva como título Ciencia das papilas gustativas. Desde a revolución umami aos supercatadores, no que explicarán a relación do umami e o glutamato coas particularidades e identificación dos chamados supercatadores, persoas que posúen moitas máis papilas gustativas que o resto da poboación e que representan aproximadamente o 25 % desta. De feito, o IES Carlos Casares xa participou, con premio incluído, en anteriores edicións, o que serviu para que o grupo de estudantes acudise a outras feiras científicas en Barcelona e Bruxelas. «Abriulles moitas portas e melloraron moitísimo o proxecto inicial», di a docente.

Pola súa parte, Pablo acode por primeira vez co IES Mendiño tras participar na pasada edición co IES de Beade. O seu proxecto trata sobre como os gases contaminantes de efecto invernadoiro teñen impacto sobre a acidez do océano, e Pablo destaca o bo facer das catro alumnas que forman o grupo: «A escolla da idea foi delas. É un alumnado moi voluntarioso que quere participar e que lle gusta o tema. Malia estar en bacharelato e ter moita carga de traballo, sacan tempo para avanzar co experimento no club de ciencias e nos recreos». Lembrando a participación do ano pasado, indica que «o pasaron en grande e ademais foi unha experiencia moi enriquecedora, especialmente para as alumnas que non están afeitas a falar en público. A mellora ao longo do CinVigo foi moi significativa; ao rematar a xornada xa eran auténticas expertas no tema polo feito de ter que explicar o proxecto de distintas maneiras e adaptarse a un público de idades moi diversas», conclúe.

Miguel recoñece que a grande acollida do evento por parte do estudantado e do profesorado é un dos motivos que o animan a continuar adiante: «Ás veces ata nos chaman para felicitarnos, tanto alumnos como mestres», lembra. Tamén sinala o éxito da carpa dirixida a menores de doce anos, onde se fan ao redor de cinco experimentos en directo: «Foi unha barbaridade. Por alí pasaron máis de mil rapaces en quendas de media hora. Ata fixemos pases extra para que non quedase tanta xente fóra. Son experimentos que chaman a atención ata dos maiores», explica o director do CINBIO.

AXENDA

A Feira Científica conta con 70 proxectos de 32 centros educativos de Galicia.
Horario: sábado 26 de 11:00 a 14.30 h e de 16:00 a 19:00 h e domingo 27 de  11:00 a 13:00 h.

Obradoiros infantís
Para as e os máis cativos e cativas da casa, entre os 3 e os 12 anos, o CinVigo programou unha serie de obradoiros científicos infantís, nos que poderán participar, xogar, gozar e aprender a través de actividades deseñadas seguindo metodoloxías de aprendizaxe activo que os converterán en científicos e científicas por un día.
Horario: sábado 26 de 11:00 a 14.20 h e de 16:00 a 19:20 h e o domingo 27 de 11:00 a 12:40 h. Con inscrición previa

Xincana CinVigo Holmes
Os máis curiosos e curiosas poderán converterse en detectives por un día e descubrir a ciencia dunha maneira emocionante na xincana CinVigo Holmes polas rúas de Vigo, organizada polo CINBIO e adaptada a persoas con diversidade funcional grazas á colaboración da asociación DisCamino. dará comezo o sábado 26 ás 11.00 horas e concluirá sobre ás 13 horas. Para participar é preciso realizar inscrición previa desde a páxina web do evento

Programa de radio Efervescencia
Horario: domingo 27 pola mañá

Espectáculo familiar Cienceando
o espectáculo Cienceando, que tamén conta coa colaboración da FECYT, será o encargado de pechar a xornada do sábado a partir das 19.00 horas. Esta proposta, que ofrecerá un percorrido pola historia da ciencia a través de demostracións e experiencias espectaculares que permitirán, por exemplo, coñecer a natureza do lume, contará cunha nova sesión que terá lugar no escenario do festival ás 12.00 horas do domingo.

REVISTA NADAL

CinVigo – Ciencia na Rúa é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Unión Europea, ademais de contar co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo e do Concello de Vigo, así como doutros patrocinadores, que se suman á colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.