Cines Yelmo proxecta en Vigo catro historias LGBT
Durante as próximas semanas, os Cines Yelmo de Vigo celebran un ciclo de cinema LGBT que inclúe catro títulos emblemáticos: Call Me by Your Name, Las aventuras de Priscilla, reina del desierto, La vida de Adèle e Carol.

O ciclo Cine con orgullo comeza con Call Me by Your Name, dirixida por Luca Guadagnino e estreada no 2007. Ambientada no norte de Italia nos anos 80, a película narra o espertar sexual e emocional de Elio, un mozo de 17 anos, quen se namora de Oliver, un estudante estadounidense que chega a casa da súa familia. A película destaca pola súa sensibilidade e a química entre os seus protagonistas, Timothée Chalamet e Armie Hammer. O filme abrirá e pechará o ciclo os días 13 e 19 de xullo, ás 20:00 h, no Yelmo Travesía.
Séguelle Las aventuras de Priscilla, reina del desierto (1994), unha comedia musical australiana que relata a viaxe de dúas drag queens e unha muller transxénero a través do deserto australiano.Unha road movie A película é unha homenaxe á diversidade e a aceptación, convertida nun clásico do cinema queer. As proxeccións especiais son o 14 e o 16 de xuño nos Yelmo Travesía ás 20:00 h.
Esta viaxe cinematográfica polo amor e adiversidade continúa con La vida de Adèle, dirixida por Abdellatif Kechiche en 2013; conta a historia de Adèle, unha adolescente que descobre o amor e a sexualidade a través da súa relación con Emma, unha nova artista. A película é unha adaptación da novela gráfica Blue, de Julie Maroh, e foi aclamada polo seu realismo e a intensidade emocional das súas protagonistas, Adèle Exarchopoulos e Léa Seydoux. A cita é o 15 e o 17 ás 20:00h, tamén en Travesía.
Finalmente, o 18 de xuño ás 20:00 h terá lugar a proxección de Carol (2015), filme inglés dirixido por Todd Haynes que presenta unha historia de amor entre Therese, unha nova dependenta dunha tenda, e Carol, unha muller maior atrapada nun matrimonio infeliz. Ambientada na década de 1950, a película acadou éxito pola súa elegancia visual e a interpretación de Cate Blanchett e Rooney Mara.
O ciclo é unha oportunidade para revisionar catro pezas sobresaíntes de varias décadas e varias nacionalidades, que, ademais de representar a diversidade, destacaron pola súa calidade cinematográfica e a capacidade de facernos rir, reflexionar ou emocionarnos. As entradas teñen un prezo de 8,40 € e poden adquirirse na web de Yelmo.