Cine ao aire libre, Facu Díaz e Miguel Maldonado, Pimpinela e ‘Zombie Walk’ esta fin de semana en Vigo
Esta fin de semana vén cargada de eventos e plans para tódolos gustos e idades. Ademais de espectáculos, recitais e música en directo, Vigo está cheo de cinema con proxeccións gratuítas ao aire libre. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana na cidade, entra na axenda d’A Movida.

CINE NA TERRAZA DE A LAXE – Venres ás 19:30 h e sábado ás 20:30 h no CC A Laxe – De balde
No marco da súa programación de verán, o Centro Comercial A Laxe proxecta catro filmes ao aire libre, de forma gratuíta. Ditas proxeccións terán lugar na súa terraza superior, cunhas privilexiadas vistas ás Illas Cíes. Nesta ocasión, é a quenda de El hotel de los líos (Ana Murugarren, 2023), o venres; e O que arde (Oliver Laxe, 2019), o sábado, obra que pecha finalmente o ciclo.
SANNY – Venres ás 21:30 h en La Pecera – 10,00 €
La Pecera acolle un concerto de Sanny, unha artista viguesa cun pé nos primeiros anos de Bob Dylan e no Nebraska de Bruce Springsteen, e co outro en artistas indie contemporáneas como Phoebe Bridgers e Sharon Van Etten. Os seus directos íntimos e cunha gran carga emocional téñena levado a tocar tanto en distintas salas e festivais nacionais como en Portugal e Italia, así como a compartir escenario e colaborar con artistas internacionais como Molly Parden ou Noel McKay.
CINEMA NO PAZO DE CASTRELOS – Venres e sábado ás 22:00 h no Pazo de Castrelos – De balde
Os xardíns do Pazo de Castrelos acollen Era una vez en una mansión británica, un ciclo de cinema para conmemorar o centenario da súa doazón ao pobo vigués. Debido a malas condicións meteorolóxicas, algunhas proxeccións foron aprazadas. Por dito motivo, esta fin de semana tócalle a El jardín secreto (Marc Munden, 2020) o venres e a Puñales por la espalda (Rian Johnson, 2019) o sábado, poñéndolle o broche final á iniciativa.
ROMARÍA DA VIRXE DOS LIÑARES – A partir do sábado no Parque Forestal de San Miguel de Oia – De balde
Co remate do verán, Vigo despídese das súas festas maiores ata o ano que vén. Porén, aínda quedan algunhas como a Romaría da Virxe dos Liñares no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Tres días de celebración e festexo, cheos de bo ambiente, música e verbeneo.
GALICIAN FREAKY FILM FESTIVAL: ZOMBIE WALK – Sábado ás 17:30 h no MARCO – De balde
O sábado pola tarde, unha multitude de zombis sairá do MARCO e percorrerá o centro da cidade olívica, nunha Zombie Walk organizada polo Galician Freaky Film Festival. Este festival internacional de cinema prevé reunir a máis dun cento de participantes nesta primeira edición da marcha. Todo o evento é gratuíto e o GFFF convida a toda a cidadanía viguesa a formar parte del, sen necesidade de inscrición previa.
POÉTICAS DIVERSAS – Sábado ás 19:00 h na Fundación Sales – 10,00 €
A Fundación Sales organiza Poéticas diversas, un gran recital de poesía no que preto dunha vintena de artistas combinan palabra e música, enchendo o exótico e romántico xardín de arte.
No mes de setembro, Pakolas ofrece unha serie de concertos en Vigo, dirixidos á cativada. Nos mesmos, guía ao público coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical. A través da súa voz e guitarra, ofrece un espectáculo individual creado polo propio autor, onde a interacción e participación cos máis pequenos, a animación, as caracterizacións e a música son os puntos fortes.
Quieto todo el mundo é o último proxecto de Facu Díaz e Miguel Maldonado. As noticias mandan e eles proceden a esnaquizalas neste show semanal dirixido ao seu consumo en plataformas dixitais, pero que xa se converteu nun show digno de presenciar en directo. Tras dez anos de carreira xuntos, puxéronse en mans dunha impresora, da cal aparecen (ou non) informacións actuais (ou non) que son analizadas improvisadamente desde o máis mínimo rigor, o absoluto descoñecemento e a procura constante da risotada. Con case cen edicións ás costas, Quieto todo el mundo sae a rodar polo país por primeira vez con ánimo de informar e entreter, pero, sobre todo, con ánimo de lucro.
HANNAH ALDRIDGE – Sábado ás 22:30 h na Sala Rebullón – Desde 15,00 €
Novamente, a Sala Rebullón acolle unha actuación musical en directo de Hannah Aldridge, retomando así a súa programación habitual tras o verán. Hannah Aldridge é unha banda estadounidense de southern rock, folk e country que destaca pola súa potencia vocal, chegando á alma do público.
PIMPINELA: NOTICIAS DEL AMOR – Domingo ás 21:00 h no Mar de Vigo – Desde 60,50 €
Noticias del amor é un espectáculo único, pois non só celebra os grandes éxitos de Pimpinela, mergullando ao público nas súas emblemáticas cancións de amor e desamor, senón que, a través dunha emotiva viaxe visual, conta como cambiaron as relacións entre o home e a muller ao longo do tempo. As voces de Lucía e Joaquín fan vibrar o escenario coas súas icónicas melodías nun show cegador que fará emocionar, lembrando que o amor segue sendo o protagonista das nosas vidas, aínda que vaia cambiando a súa forma de expresarse.



