Cincuenta anos de pulso veciñal: da conquista dos barrios á loita contra o desleixo municipal
A historia moderna de Vigo non se pode explicar sen o ruxido das súas rúas. Este ano, a Asociación Veciñal de Teis celebra o seu 50.º aniversario, un fito que permite botar a vista atrás cara a un tempo en que as asociacións eran o principal escudo da veciñanza contra o abandono institucional. Porén, esta efeméride chega nun momento de encrucillada: mentres algunhas entidades históricas resisten con espírito reivindicativo, outras moitas víronse reducidas a centros socioculturais dependentes do orzamento e da infraestrutura municipais, e cederon o testemuño da protesta a novas plataformas cidadás que xorden á marxe das estruturas tradicionais.

O movemento veciñal en Vigo callou nos anos setenta, na etapa final da ditadura, como unha forma de loita pola democracia e polos servizos máis básicos, en especial nas parroquias e barrios periurbanos. En Teis, o xerme foi a traxedia: o elevado número de accidentes e atropelos na antiga Travesía de Vigo (hoxe avenida Ángel de Lema y Marina) obrigou a que a xente se organizase. Anxo Iglesias, cun cuarto de século na directiva da asociación ás costas, opina que «unha asociación veciñal ou é reivindicativa ou non ten utilidade». Grazas a esta filosofía rebelde, ao longo destas cinco décadas de vida conseguiron que o Concello puxese os primeiros pasos de peóns e un semáforo na encrucillada dos Caños, ou que se instalase rede de sumidoiros en zonas do barrio esquecidas, así como o traslado dos depósitos de Campsa en Guixar, a conservación da carballeira da Guía ou a defensa do litoral de Teis co rexeitamento da ampliación do porto deportivo da Lagoa, entre outros moitos logros.

Tras varios meses de reunións, en 1976 oficializouse a fundación da Asociación de Veciños de Teis e pronto o seu exemplo se espallou por toda a cidade. Unha década máis tarde, en 1988, a necesidade de coordinar estas voces fronte á Administración levou a crear a Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao (FAVEC). María Pérez, presidenta desta entidade desde hai dezaseis anos, explica que «as asociacións por si soas en ocasións non conseguían facerse oír en temas importantes e decidiron formar a Federación para aglutinarse e acadar máis cousas». Pérez enumera, orgullosa, algúns dos logros das últimas décadas: a construción, a través de cooperativas de vivenda veciñal, de 292 vivendas protexidas en 2009 en Navia e Barreiro; o recoñecemento formal da FAVEC como representante lexítima do movemento veciñal da cidade en 1991; as melloras na rede de saneamento das parroquias e a xestión de proxectos europeos de desenvolvemento; o nacemento do proxecto A Rede, destinado a apoiar as vítimas de violencia machista (o que fixo de Vigo a primeira cidade de España en poñelo en marcha); así como actuacións de recuperación na Xunqueira do Lagares e a defensa de contornas protexidas como Castrelos e A Madroa.

Máis dóciles e con medo a represalias
Cincuenta anos despois, o panorama é moi distinto. Moitas asociacións abandonaron a barricada para se converteren, na práctica, en xestoras de obradoiros, actividades deportivas, actuacións teatrais e festas. Anxo Iglesias atribúeo en parte a un cambio social: «Hoxe hai unha sociedade máis individualizada e politicamente menos activa que na Transición». Pero tamén sinala directamente á praza do Rei: «O Concello de Vigo non aposta baixo ningún concepto por que os veciños e as veciñas se organicen nas asociacións e sexan persoas participativas… Non interesa un pobo organizado». Ademais, opina que «desde a chegada de Abel Caballero ao goberno houbo un retroceso no fomento do asociacionismo e a participación cidadá», e conclúe: «Vigo é moito máis que anunciar luces e concertos de verán. Hai un déficit de xestión moi grande que observamos nos barrios e parroquias en moitísimas cousas».

María Pérez vai máis alá e fala dunha estratexia de control a través do diñeiro das subvencións e a cesión dos locais. «A maioría das asociacións están en locais cedidos polo Concello e moitas nin teñen o documento de xestión; é un aviso a navegantes: como discrepedes ides acabar non só sen local, senón sen convenios», denuncia. A actual presidenta da FAVEC sabe do que fala: en 2021 o Concello desaloxounos do local que ocupaban desde había dúas décadas na praza da Princesa. A versión oficial dá como motivo unhas obras de rehabilitación de «interese público superior» para destinalo a usos municipais, mais María pensa que «o único motivo é que molestamos». Cinco anos despois do desaloxo, a oficina continúa baleira e sen uso, e a FAVEC sen un espazo no que traballar e recibir a veciñanza. Esta mordaza invisible ten consecuencias directas na atención á cidadanía. Pérez lamenta que moitos colectivos xa non se atreven a presentar queixas: «Chámannos moitos veciños de parroquias dicindo que a súa asociación non pode facer nada ou non pode saír nun medio de comunicación queixándose por medo».

A loita continúa en Teis
Malia as presións, a Asociación de Teis segue a ser un dos bastións críticos da cidade. Na actualidade manteñen frontes abertas que exemplifican a parálise de certos servizos: por exemplo, a piscina municipal leva catro anos pechada tras un incendio, coas obras de reacondicionamento aínda a comezaren. Iglesias critica a demora «incomprensible» e asegura que «se non houbese mobilizacións, non sei se estariamos falando agora da súa reconstrución». Outra batalla simbólica é a da biblioteca no antigo centro de saúde, un proxecto que leva trece anos de espera e que actualmente aínda está en fase de demolición do anterior edificio. A asociación rexeita o plan municipal: «Unha sala de lectura nunca vai ser unha biblioteca. Desde a apertura da Neira Vilas en Lavadores non se construíu ningunha máis. Só fixeron salas de lectura, pero non bibliotecas, e Vigo e Teis necesitan bibliotecas; temos unha gran carencia de dotacións culturais», afirma Iglesias. Sobre o recente anuncio do Vigo Arena na zona de Guixar, a postura é de cautela ante a falta de información e diálogo oficial: «Non imos opinar sobre unha infografía. Estamos cansos de anuncios sen información clara. O lóxico era ter unha reunión coa asociación, pero non a houbo».

Comigo ou contra min: «Se discrepas, es antivigués»
A dificultade á hora de comunicarse coa institución local é unha queixa unánime. David Amoedo, vigués cun amplo historial no asociacionismo e voceiro de Beiramar da Xente, cualifica a relación co Concello como «case imposible». «Hai anos pedías reunirte cun concelleiro e recibíate. Agora mandas correos que nunca responden e cítante con técnicos que non resolven nada», relata Amoedo. David pon como exemplo o funcionamento da Escola Municipal de Artes e Oficios, dependente do Concello. Cando el era alumno de Costura, a súa profesora colleu unha baixa por maternidade e o goberno municipal non contratou unha substituta, o que mandou todo o alumnado para a casa e provocou que tivesen que repetir curso: «Intentamos por activa e por pasiva reunirnos co concelleiro de Educación e non nos recibiu en máis dun ano de mobilizacións», lembra.

Anxo Iglesias coincide en que o alcalde e os concelleiros só reciben «aquelas asociacións que non cuestionan absolutamente nada, as que non lles resultan incómodas». Amoedo vai máis alá e describe a hostilidade cara a calquera voz discordante: «No momento en que discrepas, es un antivigués e usan toda a súa maquinaria para acabar contigo. Poden botarche enriba medios de comunicación, porque a diferenza de forzas é moi grande».

María Pérez lembra que a FAVEC xa tivera friccións previas co goberno local, o que provocara a retirada de convenios á anterior directiva. Porén, a súa chegada supuxo unha reconciliación temporal: «Cando entramos nós, restablecéronnos os convenios e todo ía moi ben; pagábase calquera evento que quixésemos facer», relata. O punto de quebra definitivo chegou en 2014, en plena crise económica, cando a FAVEC presentou escritos de protesta pola decisión municipal de subir as taxas: «Dixemos que non se podían subir os impostos un 4 % porque a xente estaba a pasar por unha situación moi mala. A partir de aí, ese mesmo día, retiráronnos absolutamente todo o apoio e comezaron a dicir nos plenos que só nos dedicabamos a facer papatorias». Desde ese momento a FAVEC xa non está convidada a ningún acto ao que acuda Caballero, conta Pérez.

Bembrive en Pé: rebelión contra a autovía
O conflito de Bembrive estoupou a finais de 2021 coa aprobación provisional do novo PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal). A veciñanza descubriu que o documento resucitaba un antigo proxecto estatal de autovía que pretendía cruzar polo medio de Beade e Bembrive. Nunha parroquia que xa sufrira historicamente o forte impacto de grandes infraestruturas como a ampliación da Avenida de Madrid ou a VG-20, a preocupación estendeuse rapidamente, dando pé a unha recollida de firmas que acabou por constituír a plataforma Bembrive en Pé. Como lembra o seu portavoz, Roberto Estévez: «A raíz de aí comezamos como a coller sinaturas e a organizarnos. Eramos veciños desencantados e preocupados». Coa axuda do veciño Concello de Mos (xa que Vigo apenas facilitaba o rexistro de documentos), a veciñanza logrou presentar máis de 26.000 alegacións para frear a obra.

A loita de Bembrive en Pé topouse desde o principio co desinterese e a hostilidade das institucións locais. Aínda que Bembrive conta coa particularidade de ter unha Entidade Local Menor, esta aliñouse co goberno municipal de Vigo e co Estado (todos baixo as siglas do PSOE) e non apoiou as demandas veciñais. Segundo Estévez, conseguiron poñer á propia Entidade «contra as cordas» para forzar un pleno explicativo sobre o proxecto que nunca antes se convocara. Co Concello de Vigo as relacións foron «nefastas», sen que se mantivera ningunha reunión cos afectados directos. Ao contrario, a resposta municipal consistiu en descalificacións públicas a través da prensa: «Chegaron a dicir que eramos os asasinos da estrada, que as mortes eran culpa nosa, ou que os de Bembrive queremos volver á epoca dos carros de bois».
Para ilustrar esta barreira institucional, o portavoz relata o único e frustrante encontro presencial que lograron ter cos representantes do goberno de Vigo, no que a Concelleira de Urbanismo María Xosé Caride «estivo uns cinco minutos na reunión e despois ausentouse». O colectivo quedou cun funcionariado, segundo o portavoz, sorprendido polas propias eivas técnicas do trazado: «Cando explicabamos cousas do proxecto, as súas caras eran poemas», lembra Estévez. Malia as trabas e a presión mediática contraria, a mobilización social foi enorme: «Abel Caballero, que sempre viña a Bembrive a tocar o bombo por San Brais, nin se atreveu a aparecer», exemplifica Roberto. Mais o maior logro ata a data foi conseguir que o expediente pase ao Ministerio de Transición Ecolóxica para realizar unha análise de impacto ambiental moito máis extensa. Para o colectivo, este paso supón unha gran vitoria moral: «Se se está a facer este novo estudo é porque as nosas alegacións serviron de algo», conclúe.

Novas formas de loita
Como demostra o exemplo de Bembrive en Pé, ante a parálise de moitas asociacións tradicionais, o tecido social vigués busca novos xeitos de mobilizarse. Nos últimos tempos xurdiron outros colectivos para defender causas concretas: Amigas das Árbores, Salvemos a Barroca, Vigo Histórico, Grupos de Vigo en Loita ou Beiramar da Xente son algúns exemplos. David Amoedo explica que este asociacionismo nace de persoas individuais que traballan no seu tempo libre: «Nós non temos a maquinaria do Concello. Se facemos unha alegación ao PXOM, por exemplo, é no noso tempo libre, mentres o Concello contrata avogados a tempo completo».


Hoxe, máis de corenta destes colectivos están agrupados na plataforma O Vigo que Queremos, un punto de encontro para os proxectos que, en Vigo e na súa comarca, traballan desde as marxes das estruturas tradicionais na procura dunha cidade mellor. O seu obxectivo é facer fronte «cunha soa voz» ao que consideran un modelo de cidade de «asfalto e escurantismo». Trátase dun tecido plural e diverso integrado por asociacións veciñais, cooperativas e mais colectivos feministas e de defensa do medio ambiente, da lingua, do patrimonio e da cultura que queren poñer de manifesto a falta de diálogo e de transparencia na xestión do común, así como esixir canles reais de participación cidadá. Amoedo conclúe que estas plataformas veñen cubrir o oco das asociacións que «din que non queren problemas co Concello», reivindicando unha cidade «construída desde abaixo, coa veciñanza no centro».

Pablo Vázquez
Redactor
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Zamáns e San Andrés de Comesaña preparan as súas festas para despedir o verán - 4 Setembro, 2026
- Cincuenta anos de pulso veciñal: da conquista dos barrios á loita contra o desleixo municipal - 31 Agosto, 2026
- Ignatius, Berto Romero, Goyo Jiménez, The Book of Mormon e outras comedias visitarán Vigo este outono-inverno - 27 Agosto, 2026
- O Concello abre unha nova convocatoria de espectáculos para artistas locais en plena crise cultural - 26 Agosto, 2026
- O Concello impide a celebración do festival Mar de Galicia a menos de 24 horas da súa celebración - 18 Xullo, 2026



