Cinco rutas de sendeirismo preto de Vigo
Existen moitas formas de gozar do verán, máis aló da praia e da piscina. Unha andaina pola natureza galega é unha boa opción para manterse en forma á vez que explorar recunchos de beleza única. Recompilamos cinco rutas moderadas para facer sendeirismo preto de Vigo, ás beiras de distintas praias e ríos.

CABO HOME – MONTE DO FACHO | 12 km en 4 h. Circular
Recoméndase estacionar no aparcadoiro gratuito da Caracola, onde nada máis baixar do coche pódense presenciar unhas vistas espectaculares. Desde alí, emprende o Sendeiro da Costa da Vela, dirección Praia Melide, parando nos distintos Faros: o Faro de Cabo Home, o Faro de Punta Robaleira e o Faro de Punta Subrido. Unha vez chegados ata este último, da a volta e camiña ata o desvío da praia de Barra, seguindo a continuación o Sendeiro de Barra a Donón e despois polo sendeiro do Monte do Facho. Ascende ata O Facho de Donón, onde se pode obter unha impresionante panorámica da costa da Vela, as Illas Cíes e as Ons. Alí, destaca unha garita de vixiancia costeira circular que data do século XVII. Dede alí, baixa pola estrada cara a Caracola, rematando a ruta.
ALTO DO PRÍNCIPE (ILLAS CÍES) | 3 km en 1 h
Unha vez baixado do barco e chegado ás Illas Cíes, camiña ata a Caseta de Información. Unha vez alí, xira á dereita dirección praia de Figueiras. Continúa ascendendo ata chegar ao principal cruce de camiños da Illa de Monte Agudo, onde debe desviarse á esquerda por unha senda que leva ao Alto do Príncipe. Unha vez chegado, aproveita e senta na Cadeira da Raíña para ver unhas espectaculares vistas dos acantilados, onde se aprecia o contraste entre a cara oeste e a cara este das illas, unidas pola mítica Praia de Rodas. Para dar a volta, débese emprender o mesmo camiño, puidendo aproveitar e continuar coas outras rutas das Illas.
POZA DA MOURA | 5 km en 1 h 20 min
Comeza a ruta desde a Capela de San Benito, en Domaio, onde poderás aparcar. A continuación, comeza a subida a Domaio, onde atoparás carteis indicativos co percorrido ás beiras do Rego da Freixa, parando na Fervenza do Rego da Miñouva. Despois, unha vez cruzando a Autovía do Morrazo pola ponte, aprécianse distintos muíños e fervenzas. Finalmente, chégase á Poza da Moura, un lugar único cheo de lendas de beleza singular. Unha vez gozado desta contorna, emprende o mesmo camiño de volta.
CANGAS – LIMÉNS | 10 km en 4h
Para realizar esta ruta non é necesario coller o coche, podes chegar a Cangas en barco desde Vigo. Unha vez chegados ao peirao, camiña en dirección á antiga fábrica conserveira Massó. Seguindo adiante, chegamos ata a praia de Area Milla. Entón, segue pola senda costeira ata Liméns, pasando polo túnel e gozando das espectaculares vistas. Pronto atoparás as praias de Santa Marta e Liméns, onde finaliza a ruta. Aproveita e baña nas augas turquesa destas praias antes de comezar o camiño ata o peirao.
A PONTE DE PAU (FORNELOS DE MONTES) | 12 km en 4 h. Circular
Existe unha variante máis sinxela da PR-G 164 Senda da Fraga do Barragán (17 km), onde atoparás un camiño cheo de beleza natural e patrimonio como muíños, pontes ou restos de asentamentos antigos. Comezando na Igrexa de San Salvador de Xunqueiras, empréndese o camiño á dereita dirección á Ponte de Pau. Unha vez pasada, continuando por un tramo empedrado, xira a esquerda e volve a conectar coa Senda da Fraga do Barragán para seguir o percorrido circular e parar na Ponte do Barragán e as Ruinas da Cidade.
Para coñecer cinco rutas dentro da cidade de Vigo, consulta este artigo.
Javier Rodríguez
Últimos posts de Javier Rodríguez (ver todos)
- Beret, mañá no Galicia Fest: «Se vas con algún tipo de idea ao concerto, vas errar» - 29 Agosto, 2025
- Do porto de Vigo á praia de Samil, por que O Marisquiño saíu do centro? - 20 Agosto, 2025
- Cinco rutas de sendeirismo preto de Vigo - 14 Agosto, 2025
- 10 festivais a menos de 1 hora de Vigo - 8 Agosto, 2025
- Yung Beef e Hard GZ inundan O Porriño de música urbana no Negrita Music Festival - 8 Agosto, 2025

