Cinco festivais portugueses a menos de dúas horas de Vigo
Por se non houbese suficientes en Galicia, o norte de Portugal alberga numerosos festivais de gran nivel e con moita historia. Aproveitamos que este xoves comeza o Primavera Sound de Porto para repasar cinco dos máis relevantes, algúns deles a menos de unha hora en coche desde Vigo.

PRIMAVERA SOUND, do 12 ao 15 de xuño en Porto – 1 hora e 45 min. aprox.
Unha semana despois da celebración do seu homónimo en Barcelona chega ao fermoso Parque da Cidade de Porto o Primavera Sound, un dos eventos máis grandes de Portugal e da península. Como macrofestival que é, a variedade de estilos musicais é sempre enorme. Algúns dos artistas destacados desta edición son Charlie XCX, Fontaines DC, Michael Kiwanuka, Waxahatchee, Beach House, Deftones, HAIM, Wet Leg, Jamie XX ou Turnstile.

MARÉS VIVAS, do 18 ao 20 de xullo en Vila Nova de Gaia – 1 hora 50 min. aprox.
Á outra beira do Douro, en Vila Nova de Gaia, celébrase desde 1999 o Marés Vivas, un evento ecléctico nun espazo natural de moita beleza. Nesta edición destacan sobre todo dous nomes, Scorpions e Thirty Second to Mars, pero tamén outros como Marcus King, Ozuna ou Xutos & Pontapés, unha das grandes bandas portuguesas das últimas décadas.

SONIC BLAST, do 7 ao 9 de agosto en Âncora (Caminha) – 1 ahora aprox.
Todos os amantes do stoner, doom e rock psicodélico teñen marcadas no calendario as datas do Sonic Blast. Inicialmente celebrábase en Moledo e era un festival moito máis pequeno, pero cos anos mudouse a un espazo máis grande á beira da Praia da Duna do Caldeirão e do Río Âncora. Ademais, dispón dunha ampla zona arborizada de acampada libre. Algúns dos artistas que actuarán nesta 13ª edición no Sonic Blast son Molchat Doma, Fu Manchu, Amenra, Circle Jerks, Earthless ou King Woman.

PAREDES DE COURA, do 13 ao 16 de agosto en Paredes de Coura (Viana do Castelo) – 55 min. aprox.
Este festival, que temos a menos de unha hora de Vigo, destaca todos os anos por un cartel variado que mestura grandes nomes con outras propostas menos coñecidas pero igualmente interesantes. Ademais de polo apartado musical, o evento é famoso pola súa ubicación idílica, á beira do río Coura e nunha zona verde e moi arborizada. Este ano poderemos ver a Vampire Weekend, Franz Ferndinanz, Lola Young, Portugal, The Man, MJ Lenderman, King Krule, Big Country New Road, Sharon Van Etten ou Zaho de Sagazan.

VILAR DE MOUROS, do 20 ao 23 de agosto en Vilar de Mouros (Caminha) – 50 min. aprox.
É o festival máis antigo de Portugal e da península. A súa orixe remóntase a 1965 como festival de música folclórica da rexión do Alto Minho e Galicia. Co paso dos anos foise orientando máis ao pop rock, primeiro, e despois ao rock e metal. Ao longo das décadas polo seu escenario pasaron artistas do nivel de Elton John, Megadeth, Iron Maiden, Iggy Pop, The Offspring… Este ano destacan no cartel os nomes de James, Papa Roach, Sex Pistols ft. Frank Carter, Da Weasel, The Kooks ou Refused.
