BANNER CANS
BANNER GALAXIA

Ciencia e misterio na xincana infantil CinVigo Holmes que se celebra este sábado

O festival científico CinVigo convida aos nenos e nenas de Vigo a converterse en Sherlock Holmes por un día e resolver un misterio buscando as pistas polo centro da cidade. A xincana CinVigo Holmes é gratuíta e forma parte da feira científica CinVigo que terá lugar os días 26 e 27 na Porta do Sol.

Tras o éxito acadado en anteriores edicións, o festival científico CinVigo volve á Porta do Sol. Organizado polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, este evento pretende achegar o coñecemento científico á sociedade, fomentando as vocacións científicas entre a cativada e a mocidade. Aquí podes ver a programación completa do festival.

Unha das actividades máis dinámicas da xornada será a xincana CinVigo Holmes na que os máis curiosos e curiosas poderán converterse en detectives por un día e poñer a proba as súas habilidades para resolver misterior. A actividade, gratuíta e cun máximo de 200 participantes, dará comezo ás 10:45 h do sábado 26 na Porta do Sol e rematará ás 13:30 coa entrega de premios.

Ao incio da competición os organizadores farán unha breve exposición sobre o misterio a resolver e entregarán a primeira pista. As persoas que participen deberán ser os máis rápidos en resolver unha serie de enigmas agochados no centro da cidade que os levarán a dar coa solución do gran misterio. O primeiro equipo de cada categoría en chegar á meta e que teña resoltos correctamente todos os enigmas, será o gañador!

REVISTA MAIO

Para participar é preciso formar un equipo de entre dúas e catro persoas e inscribirse a través do formulario dispoñible na web de Cinvigo nalgunha das categorías dispoñibles: Júnior, para equipos formados únicamente por menores de idade; Mini, coa metade de integrantes menores de idade; Triciclo, para equipos con persoas que utilicen triciclo e Cadeira para equipos con integrantes en cadeira de rodas. A xincana está adaptada a persoas con diversidade funcional grazas á colaboración da asociación DisCamino.