Chega ao cine ‘Rondallas’, o filme que avoga polo poder da comunidade

En plena época rondalleira chega aos cines ‘Rondallas’, o filme dirixido por Daniel Sánchez Arévalo e protagonizado por un elenco de recoñecidos actores galegos con María Vázquez e Javier Gutiérrez á cabeza. Nun momento no que parece que as persoas con diferentes ideas non poden chegar a acordo, o filme de Arévalo amósanos a unha sociedade que do peor é capaz de sacar o mellor para recompoñerse e tirar para diante unidos.

Non pasou desapercibida a preestrea do filme en Vigo a comezos do mes de decembro. Un evento multitudinario nos cines Tamberlick no que estivo presente case a totalidade do elenco e boa parte do equipo de producción; non faltaron tampouco a música nin os rondalleiros, unha parte fundamental desta película. Como exrondalleira hei de recoñecer que ao escoitar que o madrileño Daniel Sánchez Arévalo estaba a facer un filme sobre as rondallas do sur de Pontevedra, entroume a curiosidade pero tamén o excepticismo: podía un foráneo reflectir unha tradición tan nosa sen caer en lugares comúns? A resposta despois de ver o filme é: sen lugar a dúbidas, e creo que non me confundo ao afimar que é unha opinión compartida coa maioría dos rondalleiros e rondalleiras que xa viron a película.

As expectativas comezaron a ser boas en novembro, cando entrevistei a Dani Burgos e Irene Anta, directores da rondalla Santa Eulalia de Mos, que fixeron de asesores durante o filme. Falei con eles con motivo da reportaxe sobre as rondallas que publicamos na revista de Nadal e que podedes ler nesta ligazón. Anta e Burgos contáronme como foi todo o proceso e como sentiron que as súas opinións eran tidas en conta e respectadas. Para o filme crearon ex professo unha rondalla chamada El Gran Sol, formada na súa maior parte por rondalleiros de diferentes agrupacións en lugar de actores. Unha decisión que xa nos dá unha pequena idea da sensibilidade do director e o equipo de producción.

O filme arranca nun pobo mariñeiro (A Guarda) que hai dous anos sufriu un tráxico naufraxio dun barco pesqueiro. Algúns veciños cren que pasado este tempo xa está ben o loito e deciden volver a pór en marcha a rondalla na que moitos (pequenos e maiores) participaban. A agrupación consegue levantar o ánimo dos veciños e xuntos son capaces de mirar cara diante de novo. Aínda que se presentan a María Vázquez e Javier Gutiérrez como os protagonistas do filme, o certo é que estamos ante unha película coral na que o todo o elenco loce e fai que a trama funcione. Mención especial merecen Tamar Novas, que nos regala algúns dos momentos máis divertidos da longametraxe, e Fer Fraga, quen se postula como o gran descubrimento entre o equipo actoral.

Despois de ver o filme constatei que as rondallas, elemento central da película, e polo tanto a nosa cultura, son tratadas con respecto e desde o agarimo. O que se ve no filme é o día a día de calquera agrupación rondalleira: as horas de ensaio, o intercambio de ideas, a tensión, as risas e tamén os enfados. Pero sobre todo, esa convivencia entre veciños de diferentes idades, gustos e ideas; persoas que sen ter grandes coñecementos musicais xúntanse no Nadal para estar xuntos e pasalo ben. En definitiva, un filme entrañable e divertido, ideal para ver en familia nestes días festivos e decatarse que igual a verdadeira revolución está en repreandermos a vivir en comunidade.

REVISTA NADAL
The following two tabs change content below.
A súa curiosidade fixo que estudase xornalismo. Agora ten unha boa escusa para preguntar (case) todo o que quere. Sempre lle interesaron os movementos cidadáns e entende que os medios de comunicación deben cumprir un labor social. No 2018 cofundou A Movida co obxectivo de contribuír a un Vigo culturalmente máis activo.