Centro Cultural de Amoedo: brunch, libros e concertos

O Centro Cultural de Amoedo, no concello de Pazos de Borbén, abriu as súas portas o pasado 27 de febreiro como unha nova proposta de lecer e cultura para a veciñanza da zona e tamén para quen busca unha escapada próxima desde Vigo.

Este proxecto, impulsado pola comunidade de montes local, preséntase como un espazo de encontro que combina unha cafetería moderna cunha «bibliolibrería» de segunda man e unha axenda de eventos que inclúe concertos e monólogos. As instalacións, situadas na rúa da Igrexa, foron renovadas para ofrecer diferentes ambientes: desde unha terraza cuberta con sofás e pantallas de oitenta polgadas para seguir o fútbol ou as motos ata un amplo xardín exterior e unha sala de xogos equipada con billar, futbolín e dardos.

REVENIDAS

A oferta gastronómica do centro especialízase no concepto de brunch e nas merendas, coa idea de ofrecer unha alternativa máis actual que conviva cos produtos tradicionais demandados pola clientela. Na súa carta destacan diversas tostas, como a Caribe (elaborada con aguacate, ovo, tomate e xamón curado) ou a Amoedo, que aposta polo queixo do Cebreiro con mel e noces. Para quen prefire opcións doces, dispoñen de pancakes con crema de rulo e arandos, croissant á prancha e diversos tipos de cafés e bebidas.

Este servizo de restauración compleméntase coa presenza constante de libros: o centro dispón dun exemplar en cada mesa para que os clientes poidan ler mentres toman algo con calma. Estes libros anóvanse cada quince días para ofrecer variedade a quen acode con asiduidade.

A parte cultural do edificio articúlase a través do proxecto Mercalibro, que se encarga de recoller doazóns e poñer á venda libros clásicos de segunda man mediante un sistema de prezo por quilo. Tamén funciona como unha biblioteca convencional, pois é posible solicitar o préstamo de títulos para levalos para a casa.

Por outra banda, o centro mantén unha programación de actividades constante, sobre todo durante o verán, cando o xardín se utiliza para concertos ao aire libre con servizo de billas de cervexa e música con DJ. Entre os nomes destacados para os vindeiros meses atópanse o actor Luis Zahera e grupos musicais como Cómplices e Amistades Peligrosas. A finais de xuño organizaron un festival de rock coas bandas Sôber, La Gripe y Tú e Ciclonautas.

O espazo está aberto a todo o público, non só aos membros da comunidade de montes, e mantén un horario de 9:30 a 00:00 horas durante a semana, que se estende ata as 02:00 horas os venres e sábados. Pódense realizar reservas para grupos, especialmente recomendables para asistir aos eventos programados ou para ver retransmisións deportivas.

Estrada Redondela-Pazos, 6 | 886 269 420 | @amoedo.brunch.lunch