Cecilia F. Santomé: «Trátase de escribir cos ollos antes que coas mans»
No marco da Feira do Libro de Vigo, conversamos coa escritora vilalbesa Cecilia F. Santomé, lingüista e tradutora que conta xa con catro novelas publicadas na súa traxectoria. Nesta ocasión, profundamos en Boundaries Road (Xerais), a obra galardoada co XLIV Premio de Novela Blanco-Amor, unha narración sensorial e exuberante que explora as fendas da alienación urbana e o baleiro na periferia de Londres. A través dunha viaxe marcada pola nostalxia e a potencia da memoria, Santomé constrúe un relato polifónico onde os espazos que habitamos e os obxectos que recordamos se converten nun espello das nosas propias identidades.

Ves de gañar o Premio de Novela Blanco-Amor con Boundaries Road. Como recibiches a noticia do premio? Estabas pendente ou pilloute por sorpresa?
Aínda que sabía que se achegaba a data do fallo, non o tiña marcado no calendario. A chamada chegou nun día moi feliz, mentres celebraba o meu santo na casa dos meus pais. Foi un momento moi emocionante que puiden compartir coa xente máis importante para min. Este premio supuxo un apoio simbólico fundamental, xa que chegou nun momento no que non tiña moita seguridade na miña escrita; foi como un faro que me deu esperanza no medio da néboa.
O libro divídese en tres partes que case se poden ler de forma independente. A primeira é unha revisita á túa primeira novela, Quérote, eu tampouco (2019). Por que decidiches volver a ese texto?
Creo que quen escribe sempre sente a tentación de revisitar o pasado desde a madurez creativa. Sentía certa incomodidade co que escribira anos atrás e pregunteime como o contaría agora co camiño xa percorrido. En Boundaries Road xogo coas perspectivas e personaxes de entón, pero con identidades máis definidas. Ademais, introducín un personaxe que leva o meu nome para xogar coa fronteira entre a realidade e a ficción, algo que está na propia raíz do título da novela.
Comentaches que con esta obra saiches da túa zona de confort. Que retos tiveches que asumir?
O principal reto foi loitar contra o meu propio pesimismo e reafirmarme na vontade de seguir escribindo. Nesta novela adoptei unha actitude máis lúdica; hai quen di que se nota un certo “ensimesmamento”, como se estivese escrita máis para min que para un obxectivo comercial. Foi unha necesidade íntima de poñer a proba os meus límites, xogando coas influencias e referencias acumuladas durante anos. É a novela á que máis tempo e espazo lle dediquei.
«Este premio foi coma se alguén me guiase cun faro no medio da néboa»
A historia lévanos a unha moza que marcha traballar a Londres e aluga un cuarto nunha casa da periferia. Canto hai de ti nesa protagonista?
Sempre hai un rastro da vida da autora no que escribe, aínda que non sexa autoficción. Máis que unha proxección, o personaxe é un reflexo das miñas curiosidades. A novela está chea de referencias artísticas e literarias que me constitúen. O feito de que a protagonista se chame coma min é unha chiscadela ao lector, un xogo para confrontar esa tendencia actual de buscar sempre conexións biográficas na literatura.
Ti tamén viviches fóra. Había unha vontade real de retratar esa experiencia migratoria da vosa xeración?
Non había un programa consciente, pero inevitablemente fálase de cuestións que compartimos os que vivimos no estranxeiro. Exploro a soidade e as dificultades para establecer relacións nun ambiente tan “líquido”, como diría Bauman. Londres, polas súas dimensións, exacerba eses sentimentos de perda e alienación urbana que levo anos analizando.

Na primeira parte atopamos unha polifonía de voces: a primeira persoa da protagonista, un narrador omnisciente e unhas descricións pictóricas moi particulares. Por que esta estrutura?
Gústame a polifonía porque ofrece unha ollada caleidoscópica da realidade; permite matizar a historia sumando distintos ángulos. Esa calidade impresionista conecta a miña escrita coa arte. Por iso creei un terceiro narrador en forma de “cartelas” de museo: pequenos textos con datos sobre obras inexistentes que evocan obxectos ou situacións da casa. Gustaríame que o lector sentise que pode coller esas cartelas e formar o seu propio “museo emocional” de Boundaries Road.
O libro é moi visual e descritivo, pero cunha selección de palabras moi precisa. Inflúe aí a túa formación como lingüista?
Sen dúbida. Teño unha obsesión por pulir a linguaxe que herdei da miña nai. Busco un minimalismo expresivo, fuxindo do estilo florido para acadar a máxima carga significativa cos menores recursos posibles. Traballo moito a sonoridade e a cadencia de cada frase, buscando que non sobre nin unha soa palabra.
«Boundaries Road é unha necesidade íntima de poñer a proba os meus propios límites»
Esa precisión nótase na sensualidade das descricións, como a escena do neno coa galleta ou o sabor das mangas. Como logras ese efecto?
Trátase de escribir cos ollos antes que coas mans, facendo un rastrexo de sabores, luces e sensacións. Esa escena da galleta é tamén unha conexión disimulada coa miña novela anterior, Unha rapaza de provincias, buscando dar unha cohesión estilística a toda a miña obra.
A terceira parte pecha o libro cunha especie de micronovela cunha descrición da morte moi impactante e orixinal. Que buscabas transmitir nese final?
Quixen imprimir unha gran carga de tenrura. É unha reflexión sobre o desterro, sobre perder as raíces e os lugares onde medramos. O personaxe decide afrontar o final só, por plena conciencia, para aforrarlles a dor aos demais. Este personaxe conéctase tamén co protagonista da miña novela As despedidas.
Como construíches as pontes entre estas historias tan diferentes?
A novela naceu como un díptico, pero a medida que avanzaba sentín que lle faltaba algo. A segunda parte é unha reconstrución frustrada da memoria sobre un obxecto desa casa de Londres. Para pechar ese baleiro, tiven o impulso de imaxinar a vida dun último personaxe que aparece case de casualidade na investigación, converténdoo no heroe dunha nova ficción nas últimas 30 páxinas.
A memoria parece ser o eixo central de todo o libro.
É capital. Reflexiono sobre como a nosa identidade se constrúe sobre capas de realidade e recordos distorsionados. A memoria sensitiva axúdanos a aferrarnos a momentos de felicidade fugaz, aínda que saibamos que o pasado xa non existe e que non hai pontes para volver a el.
«A memoria é o eixo sobre o que se sustenta a narratividade nesta novela»
No libro tamén hai un contraste entre a vida urbana e a rural. Como ves este modelo de sociedade?
Eu crieime na aldea e hoxe vivo nunha cidade media. Sinto nostalxia por ese mundo rural que xa non é o que era e reivindico os seus valores sen paternalismos. Ao mesmo tempo, agradezo as oportunidades materiais e formativas que ofrece a cidade. Ese “esgazamento” emocional entre os dous mundos é o que intento reflectir.
Que che gustaría que lle quedase ao lector despois de ler a novela?
Gustaríame que a visen como unha experiencia lúdica pero que tamén convidase á reflexión sobre como habitamos os espazos e como nos relacionamos cos demais. Para min, é a expresión máis refinada da miña narrativa e síntome moi orgullosa do agarimo e a alegría que puxen no seu proceso de creación.
Para rematar, se puideses entrar hoxe nesa casa real do número 62 de Boundaries Road, que cres que atoparías?
Imaxínoa tal e como a describín, conxelada no tempo como un museo. Aínda que a casa é real —paseei por esa rúa moitas veces a través de Google Maps para coñecer ata o pavimento—, a miña imaxe dela xa é puramente literaria. O máis enriquecedor de escribir esta novela foi esa liberdade de estar “dentro” dela durante meses, sen conformarme coas solucións fáciles
Tamara Novoa
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- A música en directo volve aos chiringuitos de Vigo - 4 Agosto, 2026
- Cecilia F. Santomé: «Trátase de escribir cos ollos antes que coas mans» - 21 Xullo, 2026
- 15.000 espectadores acreditan o bo facer da Sala Ártika - 1 Xullo, 2026
- Uxía Senlle: «Non podía eu soñar que a xente iría ás foliadas como vai agora, a bailar e mocear» - 29 Xuño, 2026
- Viva Vigo, tamén en Castrelos? Analizamos a presenza (e asuencia) de artistas locais no auditorio vigués - 29 Xuño, 2026

