Catro produtos galegos imprescindibles para este Nadal

A comida e a bebida son dous dos piares nos que se sustenta unha boa celebración de Nadal. Achegamos catro produtos galegos para que non falte de nada sobre a mesa: unhas boas cervexas antes de comer, marisco de calidade no prato, un brinde con viño do sur da provincia e, para rematar, unha deliciosa sobremesa ecolóxica.

Huebox, o novo tirador de cervexa da marca galega Estrella Galicia, é o agasallo ideal para todas esas persoas que gustan dunha boa cervexa na casa. Trátase dun dispensador novidoso, deseñado para un consumo doméstico máis práctico e accesible, aliñado coa calidade e tradición cervexeira que caracteriza a Estrella Galicia. Con el, a cervexa estará sempre ben fresquiña!: pode refrixerar un barril de tres litros en só tres horas a temperaturas entre 0 °C e 5 °C.

Un dos puntos máis innovadores do sistema é que non require gas externo de CO2: os barrís están deseñados para manter a presión interna por si mesmos. Tampouco é necesario realizar unha limpeza continua do circuíto interior, o que simplifica o mantemento. Os barrís compatibles son de plástico reciclable e teñen un deseño pensado para minimizar o contacto coa oxidación, a fin de preservar a calidade do líquido. Ademais, a cervexeira acaba de ampliar a gama cunha versión sen glute, para que persoas celíacas ou con intolerancias poidan gozar de Huebox.

Esta singular billa só se vende a través da tenda en liña de Estrella Galicia (Bigcrafters.com) e actualmente é compatible con barrís de Estrella Galicia (Especial e Sen Glute) e con 1906 La Milnueve.

Bigcrafters.com

No apartado gastronómico das comidas de Nadal, confiar en Pereira é unha aposta segura. Esta empresa leva flotando desde hai máis de setenta anos e na actualidade conta con vinte buques que pescan nos principais caladoiros do Atlántico. Estes barcos conxeladores fan posible que o peixe e o marisco conxelado cheguen á casa nunhas condicións de calidade e sabor óptimas. Isto e mais a gran variedade de produtos e a atención personalizada son algúns dos motivos polos que sempre vemos fileiras de xente e coches aparcados arredor dos establecementos de Pereira. Durante todo o período festivo pódense mercar lagostinos n.º 2 (9,95 €/kg), unhas exquisitas vieiras (4,95 €/kg) e peixe sapo mediano (13,95 €/kg) tanto nas tendas físicas como na súa web.

Ademais, se precisas ideas para cociñar estes produtos, Pereira axúdache co seu amplo receitario en liña, que se pode consultar en recetaspereira.es. Neste Nadal ninguén quedará sen lamber o bico!

pereira.es

O Altos de Torona Brut, elaborado integramente con uva albariña, é unha das propostas máis elegantes para brindar este Nadal. Procede dun viñedo sostible de 94 hectáreas situado no Rosal, nas ladeiras que descenden cara ao Miño e o Atlántico, unha contorna privilexiada que lle achega frescura e complexidade. A súa elaboración segue o método tradicional champenoise desde hai medio século, cunha crianza de quince meses en rimas e seis meses adicionais na botella, o que lle confire finura e personalidade propia.

De cor amarela con reflexos dourados e burbulla delicada, no nariz destacan as froitas brancas, os cítricos e un elegante fondo de fermento procedente da crianza. No gusto amosa unha acidez equilibrada, un paso sedoso e un final de froita fresca cun amargor sutil e refinado. Perfecto para acompañar aperitivos, ostras, saximi, peixes mariñados ou salmón afumado, este espumoso da D. O. Rías Baixas convértese nun aliado imprescindible das mesas gourmet nestas celebracións.

altosdetorona.com

REVISTA NADAL

Nunha boa comida ou cea de Nadal non pode faltar o doce na sobremesa, e por iso Xanceda presenta en exclusiva para estas datas tres terrinas de xeado con sabores creados para a ocasión: sorbete de limón con cava, bombón xeado e turrón. O produto, que só se atopa nos supermercados Gadis, está elaborado con leite de vacas que pacen os 365 días do ano. Ningún dos tres sabores ten glute e, ademais, o de limón con cava tamén é apto para as persoas intolerantes á lactosa.

Casa Grande de Xanceda é unha granxa familiar ecolóxica galega con case sesenta anos de historia. Fundada na década dos sesenta, a prioridade inicial foi o benestar animal e o pastoreo sen químicos. Coidan de máis de trescentas vacas «moOoi felices» que viven ao aire libre e que se alimentan principalmente en duascentas hectáreas de prados e bosques mediante pastoreo. Xanceda respecta os ciclos naturais dos animais e traballa na prevención da súa saúde, o que representa un modelo de produción responsable e respectuoso co medio ambiente e cos animais.

casagrandexanceda.com